Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Fóisenos Xosé Neira Vilas

O venres 27 de novembro de 2015 durante a nosa xornada escolar marchou coa súa maleta o último dos clásicos vivos (Xosé Neira Vilas), sen avisar, e coa súa marcha todos nos sentimos un tanto orfos.

Xosé Neira Vilas –Pepe para os amigos- foi, é e será recordado por moitas facetas pero nós queremos destacar, desde esta biblioteca escolar, que el foi o que lle deu voz e dignidade aos nenos e ás nenas, á aldea, aos labregos e á nosa lingua, lingua que fixo grande e internacional. As vivencias e os pensamentos do seu Balbino (protagonista de Memorias dun neno labrego) andan polo mundo adiante e son lidas e queridas por nenos e adultos de diversas latitudes e falas que se ven reflectidos neste neno:

Eu son … Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”.

Balbino, Lelo, Toño, Moncho, Tamboril, Tomás… seguiremos lendo as vosas historias, esas que con tanto agarimo creou o voso “pai” para todos nós e todas escritas na nosa lingua.

 Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda, dous autores que tanto traballaron cos nenos e para os nenos, tanto nas súas obras literarias coma na Fundación Xosé Neira Vilas e na biblioteca pública de Gres, sempre estiveron presentes na nosa biblioteca, nas lecturas do noso alumnado e tamén en ocasións moi especiais como na actividade Salvando libros, nos 50 anos das Memorias dun neno labrego, na morte de Anisia...

A noticia da súa morte foi cabeceira de moitas portadas da prensa ao longo de toda a fin de semana (Praza pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Pais e tamén na CRTVG. Tamén foi moi seguida en Internet en distintas redes sociais e segue a selo en blogues particulares e de editoriais, asociacións culturais, centros de ensino e bibliotecas escolares onde todos queren deixar a súa testemuña e agradecerlle o seu traballo. Mesmo o fan dous humoristas gráficos, Xosé Lois "O Carrabouxo" e Luis Davila.

Algunhas obras de Neira Vilas no noso catálogo

 

Programa de radio: O alumnado do ámbito sociolingüístico de 4º PDC elaborou un programa especial de "O son da biblioteca" (OSDB)  sobre Xosé Neira Vilas que foi emitido na radio do noso centro, Radio Areal 7, o mércores 2 de decembro. Podedes descargalo e escoitalo aquí.
 



page | by Dr. Radut