Libros para disfrutar

" O MUIÑEIRO OUVEADOR"

 Cando Gunnar Huttunen aparece nunha vila perdida de Laponia e decide
mercar e pór en funcionamento o vello muíño que hai á beira do río
Kemi, os labregos da veciñanza rinse del. Só a un tolo se lle ocorrería
afrontar semellante proxecto. E aínda que deberán renderse á evidencia
do éxito da empresa, aquel extravagante individuo, capaz de engaiolar
durante veladas enteiras aos rapaces da aldea coas súas imitacións de
animais e de veciños, revela un defecto que os fará reafirmarse no seu
primeiro diagnóstico: nos momentos de tristura Gunnar –Kunnari para os
veciños– ouvea. As noites pasadas en vela polos aldeáns por causa dos
ouveos serviranlles de pretexto para intentar encerrar nun manicomio o
imprevisíbel muiñeiro. Porén, Gunnar, axudado pola adorábel Sanelma
Käyrämö, tratará de defender a súa liberdade con todas as forzas.
Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista
e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde
cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa
escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as
historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha
natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus
prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. O
muiñeiro ouveador é o segundo libro de Paasilinna editado por
Rinoceronte.

 

"O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE"

Christopher Boone ten quince anos, é un experto en ciencias e
matemáticas, sabe as capitais de todos os países do mundo e os números
primos ata o 7.507, pero ten dificultades para relacionarse con outras
persoas. Unha noite atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por
unha forca de xardín, e decide comezar unha investigación para
descubrir o asasino. Mentres leva a cabo as súas pescudas, que converte
nunha novela policial, cuestionará a lóxica do mundo que o rodea e
desvelará certos misterios que van alterar a súa vida metódica e
ordenada.


Pequeno resumo da editorial Rinoceronte, editora deste marabilloso libro , que non debemos deixar  de ter  nas nosas mans.