Percorrendo as fermosas rúas de Compostela

Enviado por Anónimo o Mér, 06/03/2019 - 14:05

O alumnado de 4º de ESO viaxa a Compostela para coñecer a Cidade da Cultura, a exposición do cadro A última lección do mestre e o Parlamento de Galicia.

Bueu, 19 de decembro de 2018. Redacción.

Practicamente todo o alumnado de 4º de ESO sumouse á iniciativa do Departamento de Lingua e Literatura Galegas e mais do Equipo de Normalización para acudir a Compostela e visitar varios espazos que nos amosa esta incrible cidade. Principiamos a xornada nunha visita guiada pola Cidade da Cultura da man dos nosos profesores Anabel (profesora de Francés) e Anxo, momento que aproveitamos para facernos algunhas fotos, ver o famoso cadro de Castelao titulado "A derradeira lección do mestre", co que homenaxea, entre outros, ao seu grande amigo Alexandre Bóveda; e esvarar polos teitos dos edificios. O máis destacado, non houbo feridos... Para rematar a mañá acudimos a unha sesión plenaria do Parlamento de Galicia. Alí vimos como debatían todos os nosos parlamentarios. Sen dúbida, foi unha das cousas máis impactantes da xornada. Logo viría un dos mellores momentos, tempo libre para xantar!!! Quedamos nos arredores do parque Rosalía de Castro cos profesores e fixamos unha hora para vernos novamente. Despois do xantar demos unha volta pola rúa do Franco, ao redor da Catedral e do pazo arcebispal, e pola rúa Nova até chegar novamente ao Parlamento de Galicia, onde nos esperaba a segunda sorpresa da xornada, pois despois de visitar o interior do Parlamento, puidemos coñecer o despacho e, en persoa, ao Presidente do Parlamento de Galicia, a Miguel Santalices, ao que tamén lle puidemos facer algunhas preguntas... Finalmente, bus e para o noso Bueu querido, pero con ganas de volver á cidade eterna.

 

Algúns alumnos e alumnas do noso centro educativo co cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre” (Foto: Laura Bernués).

Diante da bóla de libros "Singularidade", da artista Alicia Martín, na Cidade da Cultura.

Diante da Catedral, na Praza do Obradoiro.

Nas escaleiras de acceso ao pleno, no Parlamento de Galicia.

O alumnado de 4º de ESO do IES Illa Ons visita a Cidade da Cultura e o Parlamento de Galicia (Foto: Laura Bernués).