Bolboreta         

Revista escolar

Logo EDLG

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Iniciar sesión

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 2 invitados conectados.

Dinamización Lingüística

Obradoiro, mostra e recomendacións literarias Día do Libro

Seguimos no noso centro educativo con máis actividades para conmemorar o Día do Libro:

  • Organizouse un obradoiro para facer libros en miniatura durante varios días no tempo de lecer no que os interesados/as crearon os seus libriños personalizados.
  • Houbo unha mostra de libros antigos na entrada do edificio principal.
  • Montouse un tendal con recomendacións literarias feitas polo noso alumnado.

Tedes información máis detallada no Blog da Biblioteca Fiz Vergara Vilariño, onde atoparedes tamén fotos e algún vídeo.

Obradoiro libriños

Actividades Día do Libro: contacontos a cargo de María da Pontragha

O mércores 3 de abril comezamos coas actividades que se están a desenvolver neste mes para celebrar o Día do Libro. Contamos coa presenza de María da Pontragha, quen co espectáculo "Contos de vellxs punkies para encarreirar á mocedá", nos achegou unha morea de contos que nos arrincaron máis dun sorriso e nos demostraron a grande sabiduría dos nosos avós e a importancia de seguir conservando a narración oral.

contacontos

Día da poesía Eduardo Rey Moure

O 21 de marzo celebramos na Praza da Vila de Sarria o Día da poesía Eduardo Rey Moure adicado á amizade, con moito sentimento e con moita poesía. Foi unha edición moi especial para o noso centro, porque a partir de agora vai levar o nome do que foi o impulsor desta iniciativa, o noso grande compañeiro Eduardo, quen durante moitos anos foi compañeiro e amigo de todos nós. Fomos 13 centros da comarca de Sarria os que participamos nesta xornada, na que compartimos poemas que versan sobre a amizade de moi diferentes autores. O acto estivo dirixido por Xurx Souto, amigo e excompañeiro do IES Gregorio Fernández, o noso centro foi o organizador deste acto e contamos coa colaboración do Concello de Sarria. Animávosvos a ler a noticia no Progreso Versos de amizade na honra de Eduardo Rey Moure. Tedes máis fotos e vídeos no Instagram da Biblioteca Fiz Vergara Vilariño e no seguinte álbum Día da poesía 2024.

foto dia poesia

Actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

Durante esta semana,  no noso centro celebráronse unha serie de actividades co gallo do 8 de Marzo: o concurso Bolboretas pola Igualdade, a proxección de curtametraxes e temas musicais relacionados con esta temática e unha exposición de libros e filmes, para profundizar e valorar o papel da muller ao longo da historia.

Ademais, o xoves achegáronse ao instituto tres mulleres de referencia da nosa contorna: Chelo de Gandeiría Quintián (O Páramo), Laura de Rural o Urbano (Paradela) e Benedicta Sánchez (O Corgo) para participar na Xornada Mulleres da nosa contorna, na que compartiron a súa experiencia como emprendedoras no mundo rural, no caso de Chelo e Laura, e para escoitar as vivencias dunha muller que tivo que emigrar a Brasil, que volveu á súa terra meiga e mesmo foi quen de conquistar moitos corazóns coa súa interpretación na película O que arde, gañadora dun Goya e da medalla Castelao pola súa contribución a poñer en valor a cultura galega e o galego en calquera lugar do mundo. Tamén se sentaron diante dos micros da nosa radio, Radio Bolboreta, e responderon unha serie de preguntas formuladas por un grupiño de alumnas con total sinceridade e espontaneidade.

O noso agradecemento a estas grandes mulleres pola súa participación e achega á nosa comunidade educativa: educación en valores, paixón pola lectura, emprendemento, valor do rural, afouteza, cooperación, equipo... e que  promoven a igualdade de oportunidades na nosa sociedade. 

Animádevos a ler a reseña do blog da nosa biblioteca Fiz Vergara Vilariño, na que se recolle algunha das frases que escoitamos durante a xornada! En breve, poderedes escoitar o programa en Radio Bolboreta...

Foto participantes xornada 8M

Entroido no IES

Chegou o entroido e no noso IES celebrouse esta festa cun concurso de disfraces dirixido a toda a comunidade educativa, no que se valoraba especialmente a orixinalidade e o uso de materiais de refugallo para a elaboración dos disfraces. Houbo premios para as diferentes categorías que participaron, e sobre todo, houbo moito inxenio, animación, colaboración e ganas de troula por parte dos participantes (alumnado de diferentes cursos e tamén profesorado).

Parabéns a todos e viva o entroido!

foto entroido

Visita á Residencia de Persoas Maiores de Sarria

O mércores 20 de decembro, un grupo de alumnos e alumnas do noso centro achegáronse a Residencia de Persoas Maiores de Sarria para facer entrega das postais realizadas polo alumnado de Formación Profesional das familias de Administración, Mantemento e Mecanizado e da ESA. Acolléronnos con moito agarimo e agradecemento por dita visita e compartimos sorrisos, abrazos e mesmo consellos para a vida que foron toda unha lección maxistral, sen dúbida, unha experiencia para volver repetir. Grazas á nosa xente maior que tanto nos deu e tanto nos segue a dar!

foto visita residencia personas maiores

 

Mes da Ciencia en Galego

Durante todo o mes de novembro, celebramos no noso centro educativo o Mes da Ciencia en Galego. Foi unha iniciativa xurdida desde o Departamento de Tecnoloxía e na que o Equipo de Dinamización da Lingua galega (EDLG) e a Biblioteca traballamos en conxunto para que todos os xoves deste mes durante o recreo, alumnado e profesorado de diferentes departamentos compartiran coa comunidade educativa coñecementos científicos a través de retos, experimentos, xogos, mostras... 

Os Departamentos que participaron nestas xornadas foron o de Tecnoloxía, Física e Química, Matemáticas, Bioloxía e Mantemento/Mecanizado. Se accededes ao seguinte álbum podedes ver fotos das diferentes xornadas do Mes da Ciencia en Galego no Gregorio.

Mes da Ciencia en Galego no Gregorio 

Presentación do libro "A Paradela dos máis novos"

O xoves 30 de novembro, na biblioteca do noso centro celebrouse a presentación do libro "A Paradela dos máis novos" e lembrouse con moito agarimo o traballo realizado polo noso benquerido compañeiro Eduardo Rey Moure, que foi o coordinador dos traballos aportados polos alumnos/as de Paradela do noso centro.

Asistiron ao acto o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, a Secretaria da Delegación Territorial en Lugo da Xunta de Galicia, Marta Barreiro, o xornalista e escritor Xulio Xiz, Lola Chaos como coordinadora dos traballos realizados polo alumnado do IES Xograr Afonso Gómez e Ana Isabel López Valín, coordinadora do EDLG do noso centro. Ademais, achegáronse á biblioteca moitos dos alumnos e alumnas que colaboraron na creación deste fermoso libro, algúns deles procedentes do IES Xograr. Compartiron cos asistentes a súa experiencia neste proxecto, leron algún texto do libro e lembraron con moito afecto a dedicación ao que fora o seu profesor e impulsor neste proxecto, Eduardo. Foi un acto moi emotivo, de agradecemento, de recordos e de posta en valor do patrimonio cultural, turístico, de lecer... do concello de Paradela.

foto do acto

Concurso carteis 25 de novembro

O Departamento de Xeografía e Historia en colaboración co EDLG organizou o concurso de carteis do 25 de novembro Día Internacional contra a violencia de xénero no que se convidou a todo o alumnado a elaborar un cartel en contra da violencia de xénero para visibilizar esta lacra social e promover a igualdade de xénero e o respecto entre as persoas, sexa cal sexa o xénero. Móstrase unha foto da exposición feita na entrada do edificio principal do noso centro.

Exposición carteis 25 N

Samaín no Gregorio

Para celebrar o Samaín neste curso 2023/24, a Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro organizaron un  concurso de epitafios e tamén animaron a decorar cabazas para expoñelas na entrada do instituto:

foto Exposición epitafios e cabazas