O NOME (Substantivo e adxectivo)

Gramática

Formación do plural

1. Algúns substantivos son invariables tocante ao número:

  • uns por teren só forma singular: concordia, xeo;
  • outros (pluralia tantum) por térena só plural: os lentes, as nupcias, os cartos, os parabéns, os víveres, as cóxegas, as maniotas, as tenaces, as tebras…;
  • outros non mudan: o(s) lapis, mércores, luns…; bíceps, tórax, clímax, fax;
  • e hainos que ao mudaren de número mudan o significado: miolo/miolos.

2. Para os variables temos tres morfemas de plural: -s, -es, -is.

2.1. Engaden –s:

  • os rematados en vogal (tónica, átona ou ditongo): cafés, somalís, iraquís, zulús, tabús; custos, artes; xerseis, leis, reis, bocois;
  • os rematados en –n: feixóns, lacazáns, canóns; dolmens, mitins, canons;
  • os máis dos estranxeirismos e cultismos: clubs, pubs, tics, anoraks, icebergs, álbums, sláloms, tótems, jeeps, hándicaps, boicots, complots, robots, sprints, tests.

2.2. Engaden –es:

  • as palabras rematadas en –r ou –z:, noces, raíces; cores, fémures; palieres, dólares; algúns estranxeirismos admiten tamén –s: pósteres ou pósters, gánsteres ou gánsters.
  • as palabras rematadas en –l que sexan graves, monosilábicas ou compostas con estas últimas: fáciles, útiles, cónsules, túneles; meles, coles, riles, moles, vales; ollomoles, chuchameles, parasoles.

2.3. Engaden –is:

  • as palabras rematadas en –l que sexan polisilábicas e agudas: funís, infantís, cadrís, civís; avais, papeis, fieis, crueis, controis, azuis, baúis, caracois, aerosois;
  • as acabadas en –bel (-ble): amábeis, solúbeis, variábeis (amables, solubles, variables).