O NOME (Substantivo e adxectivo)

Sitio: Aula Virtual Fontexería
Curso: Ortografía e gramática
Libro: O NOME (Substantivo e adxectivo)
Impreso por: Usuario convidado
Data: Domingo, 16 de Xuño de 2024, 18:03

Descrición

Gramática

O substantivo:

Sintacticamente é núcleo da frase nominal: un home libre, a nena da veciña.

Semanticamente clasificámolos consonte o que designen:

Propios:

  • antropónimos: Helena, Fiúza, O Corniños;
  • topónimos: A Creba, Xalfas, Savila, Taxes, Vadernado.

Comúns:

  • concretos (area, chalana) / abstractos (solidariedade, amor);
  • continuos, non contables (chuvia, aire) / discontinuos, contables (libro, galo);
  • colectivos (piñeiral, peixe) / individuais (piñeiro, xarda).

O adxectivo:

Pode ser núcleo da frase adxectiva e admitir modificación adverbial.

Semanticamente expresa calidades ou características do substantivo e distinguimos:

  • especificativos (particularizan unha cualidade): polbo curado, praza asoportalada;
  • explicativos ou epítetos (expresan unha cualidade inherente ao substantivo): neve fría.

Consonte o xénero hainos masculinos e femininos. Fronte aos invariables, os variables presentan oposición de xénero, coas conseguintes diferenzas de significado: sexo, forma, individual/colectivo.

1. Os nomes variables forman o feminino mediante:

1.1. Lexemas distintos: xenro/nora; cabalo/egua; carneiro/ovella; castrón, bode/cabra, cabuxa; boi, touro/vaca; can/cadela

1.2. Determinante distinto: o/a xornalista, o/a cónxuxe, esta/este hóspede.

1.3. Morfemas:

  • Os máis engaden -a: núa, crúa; malo/mao, mala/má; deusa; bailarina, galopina.

  • Os rematados en -ou mudan a -úa: grou/grúa;
    Os en –eu a –ía: xudeu/xudía, sandeu/sandía;
    E os rematados en –ún fano en –úa: cabrúa, vacúa… (pero euscalduna)

  • Os rematados en –án:

: cotiá, anciá, cidadá, aldeá, vilá, compostelá, arousá, carnotá, catalá, alemá, leviá, temperá, cristiá, sa, curmá, musulmá, capitá…

-ana (despectivos ou pexorativos): folgazana, mentirana, toleirana, larpana, testana (agás nugallán/nugallá);

  • Os rematados en –ón:

-oa: leoa, patroa, ladroa (ladra) anfitrioa, campioa

-ona (pexorativos ou aumentativos): abusona, faltona, mullerona

  • Outras terminacións: heroína, raíña, galiña, baronesa, abadesa, sacerdotisa, actriz

2. Cuestións sobre o xénero nos nomes invariables

2.1. A diferenza de xénero pode establecer diferenzas no significado:

Individual/colectivo: ovo / ova, gran / gra, leño / leña, madeiro / madeira…;

De tamaño, forma ou capacidade:

bolso/bolsa, burato/burata, caldeiro/caldeira, cancelo/cancela, cántaro/cántara, capucho/capucha, cesto/cesta, charco/charca, coitelo/coitela, cubo/cuba, furado/furada, gorro/gorra, horto/horta, leiro/leira, os lentes/as lentes, machado/machada, manto/manta, pipo/pipa, portelo/portela, pozo/poza, prato/prata, río/ría, sacho/sacha, saco/saca, xerro/xerra,zoco/zoca

2.2. Son masculinos (usados a miúdo con xénero feminino por castelanismo):

testemuño, diadema, trauma, alicates, cárcere, couce, dote, leite,masacre, milagre, sangue, ubre, betume, cheirume, cume, friame, gume, legume, lume, pesadume, queixume, raizame, fel, mel, sinal, candor, labor, lecer, antefaz, nariz

Os nomes das letras: o e, un te, un ese

2.3. Son femininos:

dínamo, libido, tribo, asma, flegma, reuma, sentinela, testemuña, mansedume, servidume, síndrome, árbore, arte, bile, canle, cute, feces, fraude, fronte, orde, ponte, sebe, armazón, humedén, roibén, calor, color-cor, dolor-dor, suor, encarga, estrea, icona

Os rematados en –se e en –ite: análise, crise, dose, eclipse, paréntese; apendicite, hepatite, larinxite

Tamén son femininos os substantivos en –axe: paisaxe, viaxe, peaxe, aldraxe…, a non ser o garaxe, o traxe, o paxe; o/a personaxe.

Fin é feminino se indica “final” (a fin da viaxe, unha fin de semana) pero é masculino se indica “finalidade, obxectivo” (o fin é protexer a natureza)

2.4. O nome das árbores froiteiras deriva do da súa froita e adoita manter o xénero:

  • feminino maioritariamente: abelá-abeleira, ameixa-ameixeira, cereixa-cerdeira/cereixeira, laranxa-laranxeira, mazá-maceira, noz-nogueira, oliva-oliveira, pera-pereira… ; pero castaña-castiñeiro, mandarina-mandarino;
  • cando a froita ten nome masculino tamén adoita telo a súa árbore: abruño-abruñeiro, fatón-fatoeiro, limón-limoeiro, marmelo-marmeleiro, pexego-pexegueiro…; pero arando-arandeira, figo-figueira.

Formación do plural

1. Algúns substantivos son invariables tocante ao número:

  • uns por teren só forma singular: concordia, xeo;
  • outros (pluralia tantum) por térena só plural: os lentes, as nupcias, os cartos, os parabéns, os víveres, as cóxegas, as maniotas, as tenaces, as tebras…;
  • outros non mudan: o(s) lapis, mércores, luns…; bíceps, tórax, clímax, fax;
  • e hainos que ao mudaren de número mudan o significado: miolo/miolos.

2. Para os variables temos tres morfemas de plural: -s, -es, -is.

2.1. Engaden –s:

  • os rematados en vogal (tónica, átona ou ditongo): cafés, somalís, iraquís, zulús, tabús; custos, artes; xerseis, leis, reis, bocois;
  • os rematados en –n: feixóns, lacazáns, canóns; dolmens, mitins, canons;
  • os máis dos estranxeirismos e cultismos: clubs, pubs, tics, anoraks, icebergs, álbums, sláloms, tótems, jeeps, hándicaps, boicots, complots, robots, sprints, tests.

2.2. Engaden –es:

  • as palabras rematadas en –r ou –z:, noces, raíces; cores, fémures; palieres, dólares; algúns estranxeirismos admiten tamén –s: pósteres ou pósters, gánsteres ou gánsters.
  • as palabras rematadas en –l que sexan graves, monosilábicas ou compostas con estas últimas: fáciles, útiles, cónsules, túneles; meles, coles, riles, moles, vales; ollomoles, chuchameles, parasoles.

2.3. Engaden –is:

  • as palabras rematadas en –l que sexan polisilábicas e agudas: funís, infantís, cadrís, civís; avais, papeis, fieis, crueis, controis, azuis, baúis, caracois, aerosois;
  • as acabadas en –bel (-ble): amábeis, solúbeis, variábeis (amables, solubles, variables).

1. San, gran (formas apocopadas) empréganse ante consoante; santo, grande (formas plenas) ante vogal:

san Tomé, san Domingos, san Froilán, san Mamede, san Cibrán; santo Antón, santo Estevo, santo André, santo Ernesto (agás Santo Cristo);

gran festa, gran traballo;
grande actuación, grande éxito, grande amigo.

2. Bo, malo (ou mao/má), grande e pequeno teñen como comparativos sintéticos:

mellor, peor, maior ou meirande e menor.

meirande significa “máis grande”, non “máis vello, de máis idade”.

3. O superlativo absoluto formámolo cos sufixos

3.1. -ísimo: altísimo, grandísimo;

Ás veces coa raíz culta da palabra: antiquísimo, fidelísimo, nobilísimo;
-bilísimo cos adxectivos en –ble/bel: amabilísimo, estabilísimo.

3.2 -érrimo en rexistros elevados: celebérrimo, libérrimo, misérrimo, paupérrimo, pulquérrimo.