Skip to Content

O alumnado de 4º ESO participou onte nun obradoiro impartido por Arturo Rodríguez, profesional do sector audiovisual con experiencia en campañas publicitarias de varias marcas galegas. Nel os alumnos e alumnas desenvolveron as distintas fases da creación dunha imaxe oficial do Concello de Fisterra para o Día da Diversidade Sexual.


E continuamos co "mes do libro"! O alumnado do Club de lectura gozou hoxe da visita de Rocío Leira, autora de A afogada, novela lida durante a segunda avaliación. Falounos da súa traxectoria como escritora, do proceso da escrita e compartimos con ela a nosa análise dos diferentes personaxes e dos temas que aparecen no libro: as persoas con altas capacidades, o maltrato...

Moitas grazas, Rocío, pola túa visita!


Chegou o Día do Libro, e que mellor xeito de celebralo que recomendando lecturas? Por iso esta semana estivemos posando coas nosas suxestións na biblioteca: narrativa, ciencia, manga, poesía, cómic... E o resultado é a seguinte montaxe. Esperamos que vos guste!

Ver montaxe


Hoxe o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu no IES Agra de Raíces a un encontro co profesor de Filosofía e escritor Xosé Ricardo Losada, autor da novela A casa xunto ao volcán, lida durante a primeira avaliación. Este foi o primeiro dos varios encontros que neste "mes do libro" terá o noso alumnado con autores e autoras.


O alumnado de 1º, 2º e 3º ESO asistiu onte no Palacio da Ópera da Coruña ao concerto didáctico Flamenco, Classic, Swing y las ganas de vivir. Tamén visitou a Domus, onde gozou de diversas actividades interactivas.


Hoxe celebramos o Día Internacional da Muller cun concerto, organizado polo Concello, do grupo The Tetas' Van, que interpretou versións en galego de temas coñecidos, reivindicando a igualdade plena, a liberdade de expresión e a importancia do papel das mulleres na sociedade.

Ver imaxes


O mércores 23 celebramos o Día de Rosalía con varios obradoiros: un obradoiro de rap coa Vella Escola para o alumnado de 1º ESO, un de dramatización con Marta Lado para o alumnado de 3º ESO e un de poesía con Lucía Aldao e María Lado (Aldaolado) para 2º e 4º ESO. Ademais houbo agasallos para todo o mundo: un poema de Rosalía e chapas deseñadas e elaboradas polo alumnado de 4º na materia de Plástica.

Ver imaxes



by Dr. Radut