Skip to Content

O martes pasado o alumnado de 3º e 4º ESO trasladouse á cidade da Coruña, onde pola mañá realizou unha visita guiada á Torre de Hércules e a súa contorna, para dirixirse despois de xantar ao Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. Alí, principalmente na planta baixa, gozou das explicacións de Francisco, Antonio e Gonzalo, os profesores acompañantes.


Hoxe luns 6 de maio e no marco do Programa Navega con Rumbo, visitounos Felipe Martínez Hermo, membro do CPEIG, para dar unha animadísima charla ao noso alumnado de primeiro da ESO.

A amena presentación con argumentos e indicacións surcou entre as intervencións do noso alumnado, pivotando sobre dúas cuestións: a seguridade en rede ou os perigos agochados e como evitalos; e as boas maneiras ou o respecto que como usuarios da rede debemos aos outros cibernautas.


Chegou o Día do Libro, e como o celebramos nós? Recomendamos lecturas, convocamos o I Concurso de Booktubers IES Fin do Camiño, alumnas do Club de lectura leron contos ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Mar de Fóra... e recibimos como agasallo bombóns e marcapáxinas personalizados.

Ver recomendacións


O alumnado de todos os cursos participou hoxe nun obradoiro sobre saúde mental organizado polo Departamento de Orientación. Nel, unha terapeuta ocupacional de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) falounos de diferentes tipos de trastornos mentais e os sinais de alarma que debemos ter en conta para detectalos e poder, así, minimizalos con axuda profesional. Veu acompañada dun usuario da asociación, que nos contou a súa propia experiencia.


Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil que coa visita dunha das nosas autoras favoritas? O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de libros lidos por nós como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela e Be water.
Tras a presentación da escritora feita por Mencía, Antía Yáñez falounos dos seus libros, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
Moitas grazas, Antía, pola túa visita!


Hoxe comezou o noso torneo de xadrez, este ano no formato 960.
Moita sorte a todos os participantes e que gañe o mellor.


 

Dende o centro unímonos á celebración do Día Internacional da Muller con diferentes actividades. As integrantes do grupo de 2º ESO do Club de lectura leron un manifesto e o texto Carta de una madre; inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; e realizamos a presentación 8 Mulleres Galegas, sobre a que elaboramos un Kahoot no que invitamos a participar a todo o alumnado.

Ver presentación 8 Mulleres Galegas

Ver vídeo As mulleres da nosa vida



by Dr. Radut