Skip to Content

blogue deCristina

Zënzar, música e lingua

O mércores 8 de maio asistimos ao espectáculo Zënzar, música e lingua, organizado polo Concello de Fisterra para o alumnado da vila, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas a vindeira semana. Primeiro Bocixa, Paco e Laura fixeron un percorrido pola historia da música contemporánea galega cantada en galego, facendo fincapé na presenza e importancia das mulleres nela a través do proxecto Músicas Galegas Ilustradas. A continuación todos os membros da banda de rock Zënzar ofrecéronnos un animado concerto.

Encontro con Andrea Maceiras

Hoxe o alumnado de 3º e 4º, e o do club de lectura de 1º e 2º tivo un encontro coa escritora Andrea Maceiras, facilitado pola editorial Xerais. Tomando como punto de partida un dos contos incluídos en De cando fun serea, a escritora falounos do acoso escolar, tema do seu libro O que sei do silencio, do proceso creativo, e respondeu as preguntas do alumnado (un pouco tímido ao principio) acerca desta e outras das súas obras: Volverás golfiño, lido polos integrantes dun dos grupos do club de lectura no segundo trimestre; Europa Express, Nubes de evolución... E ao final deste agradable encontro, asinou exemplares dos seus libros.

Ver fotos

Entroido 2019

Este ano no Entroido houbo máis que disfraces. Durante parte da mañá desenvolvéronse obradoiros como Ciencia divertida, a cargo da fundación Mapfre, ou elaboración de cócteles (sen alcol, por suposto) con Carmen; degustamos doces típicos de Entroido (moitas grazas ás reposteiras e reposteiros participantes!!); e, para rematar, asistimos ao desfile de disfraces que participaban no concurso. Os gañadores foron Damián e Óscar, de 1º.

Ver fotos

Día de Rosalía

Día de Rosalía

O día 24 de febreiro cumpríanse 182 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Por iso, o venres 22 rendémoslle homenaxe lendo varios dos seus poemas e o manifesto escrito por Ana Romaní. Ademais, quixemos sumarnos á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, adaptándoa, co agasallo a todo o alumnado, profesorado e persoal non docente dun poema de Rosalía e unha flor feita por nós.

Ver vídeo

Ver imaxes

Actividades de formación en linguas estranxeiras 2019

Onte publicouse no DOG a Orde do 4 de febreiro de 2019 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2019, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe, 21 de febreiro, e remata o día 20 de marzo.

A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se menciona na convocatoria, atoparase na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle

Día da Paz

Día da Paz 2019

Para celebrar o Día da Paz realizamos un mural coas reflexións feitas polo alumnado en galego, castelán, francés e inglés. Ademais, o alumnado do noso club de lectura é o protagonista dunha montaxe audiovisual na que propón libros e películas coas que, de seguro, reflexionaremos. Esperamos que vos guste!!

Ver vídeo

Noetiña

Noetiña decembro 2018

O pasado luns o alumnado de 3º e 4º asistiu na biblioteca á proxección do documental Noetiña. As mulleres e o mar na Costa da Morte, que ten como protagonista a unha das nosas ex-alumnas, Jenifer Suárez Silva. A historia céntrase no seu empeño por seguir os pasos do seu avó e o seu pai no mundo da pesca e os prexuízos cos que se atopa por ser muller. Este documental foi premiado no I Concurso de ideas "Luisa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade 2017, convocado pola Deputación da Coruña. Acompañounos a súa directora, Gabriela Amor, coa que o alumnado mantivo un debate tras a proxección.

Obradoiro do GALP

ObradoiroGALP

O mércores pasado tivo lugar na biblioteca un dos varios obradoiros do GALP (Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible) programados para o alumnado de 2º da ESO. Nesta ocasión foi María a encargada de levar a cabo un obradoiro-debate moi animado e participativo.

Rachemos as cadeas

RachemosAsCadeas

Este é o lema co que participamos o venres, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. África, Elisa, Mario e Zaira leron un manifesto e todo o alumnado do centro rachou unha enorme cadea que simbolizaba calquera xeito de violencia contra as mulleres: discriminación, abusos, desigualdade...

Velaquí están as imaxes do acto e unha montaxe audiovisual protagonizada por alumnado do centro que esperemos que nos faga reflexionar.

Ver montaxe audiovisual.

Ver imaxes e reportaxe audiovisual do acto.

Os Dereitos da Infancia

Hoxe celébrase o Día Universal do Neno, data do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos do Neno en 1959. Para recordalos, recuperamos un vídeo realizado por algúns membros do club de lectura o curso pasado e, como non podía ser doutro xeito, recomendamos a lectura dun libro: Os dereitos da infancia.

Ver vídeo.

Distribuir contido


by Dr. Radut