Skip to Content

blogue deCristina

Excursión a Coruña

O martes pasado o alumnado de 3º e 4º ESO trasladouse á cidade da Coruña, onde pola mañá realizou unha visita guiada á Torre de Hércules e a súa contorna, para dirixirse despois de xantar ao Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. Alí, principalmente na planta baixa, gozou das explicacións de Francisco, Antonio e Gonzalo, os profesores acompañantes.

Día do Libro

Chegou o Día do Libro, e como o celebramos nós? Recomendamos lecturas, convocamos o I Concurso de Booktubers IES Fin do Camiño, alumnas do Club de lectura leron contos ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Mar de Fóra... e recibimos como agasallo bombóns e marcapáxinas personalizados.

Ver recomendacións

Obradoiro sobre saúde mental

O alumnado de todos os cursos participou hoxe nun obradoiro sobre saúde mental organizado polo Departamento de Orientación. Nel, unha terapeuta ocupacional de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) falounos de diferentes tipos de trastornos mentais e os sinais de alarma que debemos ter en conta para detectalos e poder, así, minimizalos con axuda profesional. Veu acompañada dun usuario da asociación, que nos contou a súa propia experiencia.

Encontro con Antía Yáñez

Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil que coa visita dunha das nosas autoras favoritas? O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de libros lidos por nós como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela e Be water.
Tras a presentación da escritora feita por Mencía, Antía Yáñez falounos dos seus libros, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
Moitas grazas, Antía, pola túa visita!

8M: Día Internacional da Muller

 

Dende o centro unímonos á celebración do Día Internacional da Muller con diferentes actividades. As integrantes do grupo de 2º ESO do Club de lectura leron un manifesto e o texto Carta de una madre; inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; e realizamos a presentación 8 Mulleres Galegas, sobre a que elaboramos un Kahoot no que invitamos a participar a todo o alumnado.

Ver presentación 8 Mulleres Galegas

Ver vídeo As mulleres da nosa vida

Día de Rosalía

O venres 23 celebramos o Día de Rosalía con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Rosalía: o amor da patria galega"; durante o recreo puidemos escoitar a través da megafonía un recital poético protagonizado por alumnado e profesorado do centro; e, por último, a nosa Rosalía particular, Mencía, repartiu poemas e chapas deseñadas e elaboradas polo Departamento de Artes Plásticas.

Escoitar recital

Encontro con Noelia Míguez

Esta semana visitounos Noelia Míguez, autora de Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, que tivo un emotivo encontro co alumnado de 2º e 3º ESO no que relatou a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero.
Grazas, Noelia, pola túa visita!

Con Picasso na Coruña

O pasado 30 de novembro o alumnado do Club de lectura e o de 1º ESO asistiu na Casa Museo Picasso da Coruña a unha actividade escénica protagonizada por Os Náufragos Teatro. Dous dos actores acompañáronnos despois nun paseo teatralizado por algúns dos lugares máis representativos da estancia de Picasso na cidade.
Grazas a Os Náufragos Teatro por contar connosco!

25N: Vivir, non sobrevivir

Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha representación de todos os cursos, acompañada por dous alumnos do CEIP Mar de Fóra, realizou unha lectura colectiva do libro As mulleres que cultivaban néboas, de Bea Gregores, e rendemos homenaxe ás cincuenta e dúas mulleres asasinadas durante este ano cun minuto de silencio, portando máscaras brancas.

Neste acto deuse a coñecer que o lema proposto polo noso centro foi o escollido entre os presentados polos centros educativos de Cee, Fisterra e Corcubión para esta campaña: "Vivir, non sobrevivir".

Os Náufragos Teatro

O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu o mércores na biblioteca a unha actividade escénica levada a cabo por actores de Os Náufragos Teatro, na que fixeron un percorrido pola estancia de Picasso na Coruña. Esta actividade foi unha introdución á visita teatralizada á cidade que realizaremos o vindeiro xoves 30.

Os Náufragos Teatro - VINTE 23

Distribuir contido


by Dr. Radut