Skip to Content

blogue deCristina

Día da Biblioteca

O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar da importancia da lectura e como homenaxe ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.
E como o celebramos nós? Visitando a Casa do Arco, a Biblioteca Municipal de Fisterra. Alí nos recibiron Teresa, concelleira de Cultura, e Darío, encargado da biblioteca e ex-alumno do noso centro, ao que foi un verdadeiro pracer volver atopar. Faláronnos da historia da Biblioteca Municipal e as súas diferentes localizacións, dos servizos que ofrece (préstamo, ludoteca, mochilas viaxeiras...), actividades que se desenvolven (club de lectura de adultos, presentación de libros, actuación de contacontos...); explicáronnos o sistema de rexistro de fondos, ensináronnos verdadeiras xoias literarias e regaláronnos libros para a nosa biblioteca. Algúns de nós animámonos e aproveitamos a visita para facernos socios e socias. Seguro que a partir de agora a visitaremos con máis frecuencia!! Moitísimas grazas por todo!!

Ver imaxes

Recoñecemento ao traballo do noso club de lectura

Durante as vacacións, no mes de xullo, o blog da editorial Xerais e a páxina da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega publicaron o último traballo realizado polo noso club de lectura Ghuaidelai: o roteiro literario baseado no libro Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez. Moitísimas grazas!

Axenda cultural AELG
Blog Xerais

Roteiro literario II: Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro

E para finalizar o curso, publicamos a montaxe realizada co roteiro literario baseado no libro Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro de Xosé Mª Lema Suárez, que o alumnado do grupo de 3º e 4º do noso club de lectura realizou en Fisterra, A Ponte do Porto, Camariñas e Camelle. Moitísimas grazas ao seu autor co que compartimos unha tarde moi agradable do mes de maio!!
Esperamos que vos guste o resultado e, dende a biblioteca,... felices vacacións e boas lecturas!!

Ver vídeo

Ghuaidelai en Santiago

Como xa é tradición, un ano máis o noso club de lectura realizou unha excursión a Santiago, esta vez o último día do curso. Comezamos visitando a exposición Homo Sapiens, transmisor de coñecemento no MUPEGA, onde puidemos admirar material antigo relacionado coa bioloxía, física, matemáticas, comunicacións, letras... cedido polos denominados Institutos Históricos de Galicia.
A continuación dirixímonos ao centro de Santiago e fomos a dúas librerías: Couceiro e Alita Comics. Na primeira ofrecéronnos unha explicación moi interesante sobre o proceso de restauración dun libro e visitamos a sección de literatura xuvenil. Na segunda, o alumnado do club manga quedou abraiado coa cantidade e variedade de cómics expostos. Despois de repoñer forzas, encamiñámonos cara ao mosteiro de San Martiño Pinario para facer unha visita guiada á exposición sobre Leonardo da Vinci. Articulada en varias seccións diferenciadas (pintura, estudio óptico, anatomía, auga, física, militar, voo), nela puidemos manipular algunhas das pezas, como o sistema de poleas, o gato mecánico, a grúa ou introducirnos na sala dos espellos. Que máis se pode pedir para despedir o curso? E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí está a reportaxe audiovisual deste día...

Ver imaxes

Roteiro literario I: Volverás, golfiño

Durante o encontro de clubs de lectura que levamos a cabo o 27 de maio, fixemos un roteiro literario baseado no libro Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, lido polo alumnado de 1º e 2º. Visitamos os escenarios máis importantes nos que transcorre a historia: o faro vello e o novo de Cabo Vilán, o Cemiterio dos Ingleses, a Praia do Trece, Camelle... Realizamos unha montaxe coas lecturas escollidas e... velaquí tedes o resultado!! Esperamos que vos guste!!

Ver vídeo

Actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2019

Onte, 10 de xuño, publicáronse as listaxes de seleccionados/as e suplentes, ordenados por puntuación.

Ábrese un prazo de cinco días naturais para que os solicitantes fagan o pago da achega familiar e lle remitan á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a documentación necesaria.

As listaxes e as instrucións para o envío de documentación poden consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.es/axudasle.

Encontro de clubs de lectura

E unha actividade máis para celebrar o mes das Letras Galegas: o encontro do noso club de lectura Ghuaidelai cos clubs de lectura do IES Maximino Romero de Lema (Baio) e o CPI de Zas celebrado o 27 de maio.
O encontro tivo como fío condutor o roteiro literario baseado na lectura de dous libros: Volverás golfiño, de Andrea Maceiras, lido polos clubs de lectura dos tres centros, e Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro, de Xosé Mª Lema Suárez, lido polo alumnado do grupo de 3º e 4º do noso club de lectura.
Visitamos A Ponte do Porto, Camelle, o Cemiterio dos Ingleses, o faro de Cabo Vilán e os arredores das Torres de Cereixo.
Aquí tedes a reportaxe audiovisual froito deste encontro...

Ver vídeo

Encontro con Xosé María Lema Suárez

E continuamos cos encontros literarios no mes das letras. Esta vez foi con Xosé Mª Lema Suárez, autor de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, libro lido polo alumnado de 3º e 4º do club de lectura. Xosé Mª ofreceunos unha charla amena, moi completa e perfectamente documentada con fotografías dos principais escenarios da historia narrada no libro, analizando ditos, refráns e exemplos da fala da zona, que é a que teñen os personaxes galegos do libro. Ao final do encontro, o alumnado fixo preguntas, algunhas das cales xa foran xurdindo ao longo das sucesivas reunións do club de lectura. Agasallounos, ademais, con varios libros escritos por el, que pasarán a formar parte dos fondos da nosa biblioteca.
Moitísimas grazas, Xosé María!!

Que pasa na costa

La Voz de Galicia

CUALE (Curso para a Formación en Linguas Estranxeiras: Inglés)

Dende o 7 ao 31 de maio estará aberto, no IES Fernando Blanco, o prazo para a preinscrición do alumnado interesado en participar nesta oferta educativa que contempla os marcos de referencia europea.
Alumnado ao que se dirixe:

  • Alumnado que cursará 3º ESO no vindeiro 2019/20: curso de formación para acadar o nivel A1.
  • Alumnado que cursará 4º ESO ou un Ciclo Medio no curso 2019/20: curso de preparación para as probas de certificación da Escola Oficial de Idiomas.

Queda á vosa disposición o cartel con máis información e o impreso de preinscrición nos seguintes documentos adxuntos:

Actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2019

Publicación das listaxes provisionais de alumnado seleccionado e suplente. Ábrese un prazo de 10 días naturais para que os/as solicitantes que así o desexen, formulen reclamacións e, no seu caso, remitan a documentación refirida no estado "14. Requirimentos pendentes", que deberá ser remitida á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional empregando o modelo de instancia correspondente e xuntando a documentación xustificativa que corresponda.

Estas listaxes, así como as instrucións correspondentes, poderán consultarse na páxina web do programa, a través do seguinte ENLACE.

Distribuir contido


by Dr. Radut