Skip to Content

blogue deCristina

Día do Libro 2020

Aínda que este ano as circunstancias fan que sexa un Día do Libro atípico, no IES Fin do Camiño non imos deixar de celebralo. Para iso contamos coa colaboración do alumnado e profesorado que dende as súas casas foron enviando fotos estas últimas semanas, demostrando que aínda na distancia podemos facer moito xuntos. Moitísimas grazas a todos e todas!! Ánimo e coidádevos!!

Deixámosvos un enlace á montaxe realizada.

Día do libro 2020

Día de Rosalía: un poema e unha flor

Aínda que este ano o 24 de febreiro, día dedicado a Rosalía de Castro, non estabamos no instituto, non nos esquecemos de conmemorar o 183 aniversario do seu nacemento. Como? Como xa informamos noutra entrada, asistimos a un espectáculo de Caxoto contacontos organizado polo Concello de Fisterra, e ademais, participamos nun kahoot con preguntas sobre a súa figura elaborado polo ENDL e dende a biblioteca agasallamos cunha flor feita por nós e un poema de Rosalía ao alumnado e profesorado.

Actividades de formación en linguas estranxeiras 2020

Hoxe publicouse no DOG a Orde do 10 de febreiro de 2020 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, 27 de febreiro, e remata o día 26 de marzo (incluído).

A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se menciona na convocatoria, atoparase na páxina web AxudasLe.

Música e evolución

Pablo Carpintero e Rosa Sánchez achegáronnos onte á música tradicional cun concerto didáctico no que descubrimos como algo tan diferente como noces, landras, bugallas, cornos de cabra, vinchas de ovella e incluso sachos ou tixolas!! poden converterse en instrumentos musicais. E é que, como explicou Pablo, a música e o son forman parte das nosas vidas dende o ventre materno...

Ver imaxes

Ver vídeo-resumo

Día de Rosalía 2020

Hoxe asistimos no Salón de Actos do Concello de Fisterra ao espectáculo Unha noite no muíño, de Caxoto Contacontos, para celebrar que o vindeiro luns 24 será o día dedicado a Rosalía de Castro. Combinando música, poesía e narración oral, Felipe Díaz (Caxoto) fíxonos recordar versos de Rosalía de Castro, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e a través de cantigas populares fixemos unha viaxe no tempo ata as festas dos nosos devanceiros.

Día da Paz

Esta semana celebrábanse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, o luns 27, e o Día da Paz, hoxe 30. Por iso realizamos un mural con haikus pola paz feitos polo alumnado en galego, castelán, e inglés, exposto no taboleiro de entrada e, ademais, recuperamos unha montaxe audiovisual protagonizada polos membros do club de lectura o curso pasado, na que propoñemos libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!!

Montaxe audiovisual

Moléculas en acción

O pasado martes 28 de xaneiro e dentro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, tivo lugar na biblioteca unha charla titulada “Moléculas en acción” a cargo do catedrático de Química Física da USC José Ramón Leis Fidalgo. A ela acudiu o alumnado de 3º e o da opción científica de 4º da ESO. A charla contou con varias demostracións en vivo e vídeos de reaccións químicas, salientando a importancia dos materiais e as súas aplicacións na evolución da humanidade. Presentáronse, ademais, algúns dos chamados materiais intelixentes e o alumnado puido manipulalos.

Obradoiro de fotografía

Para rematar o trimestre participamos nun interesante obradoiro de fotografía impartido polo polifacético Rubén Prieto, integrante de Talía Teatro e antigo membro do equipo de El Hormiguero. Ensinounos como sacar máis proveito da cámara do noso móbil, utilizándoa en modo pro, para facer fotografías en condicións especiais: escuridade, movemento, luminosidade intensa...

De onde sae un medicamento?

O pasado 17 de decembro o Dr. Luis Botana, Catedrático de Farmacoloxía da USC, impartiu unha charla na biblioteca destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

Nesta charla puxéronse exemplos históricos da orixe de diversos medicamentos, a súa relación coa arte, a guerra... Fíxose especial fincapé en explicar que é e que non é un medicamento, no elevado custo que supón o seu desenvolvemento e as consecuencias disto na nosa esperanza de vida.

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

"Por elas, sexamos valentes": este é o lema co que participamos, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nerea, Alexia, Óscar, Aloia e Candela, membros do Club de lectura, leron un manifesto no que se incluían uns versos das poetas Marta Dacosta e Victoria Ash, mentres outra parte do noso alumnado portaba unhas caroutas brancas representando as mulleres asasinadas no que levamos de ano. No acto tamén tivo lugar a presentación dos carteis gañadores do obradoiro de igualdade "Entérate Fisterra".

Velaquí están as imaxes do acto e unha montaxe audiovisual realizada o curso pasado e protagonizada por alumnado do centro que nos fará reflexionar.

Ver imaxes 2019

Ver montaxe

Distribuir contido


by Dr. Radut