Skip to Content

blogue deCristina

Samaín 2021

O Samaín volveu ao IES Fin do Camiño! Despois da paréntese imposta o curso pasado pola COVID-19, espíritos do alén e outros seres sinistros fixeron acto de presenza no centro... quizais atraídos pola convocatoria de varios concursos: de disfraces individuais e en grupo, de decoración de aulas, de minivídeos de terror...

Ver imaxes

1ª Liga Maker Drone Galicia

Hoxe tivo lugar no noso centro unha xornada de presentación da 1ª Liga Maker Drone de Galicia na que participará parte do alumnado de 3ºESO. Organizada pola Fundación Barrié e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), é a primeira competición a nivel autonómico que presenta o reto de construír un sistema drone enfocado á solución dun problema social particular.

Día das bibliotecas

O domingo 24 de outubro foi o Día das Bibliotecas. Para celebralo, a semana pasada visitamos co alumnado de 1ºESO a Biblioteca Municipal de Fisterra Casa do Arco, onde nos explicaron a súa organización, funcionamento e as diferentes localizacións que tivo ao longo do tempo. Aproveitamos a ocasión para conseguir o noso carné de lectores e lectoras... e a gozar dos libros!

Visita ás Fragas do Eume

O alumnado de 4º ESO gozou dunha saída ás Fragas do Eume e Ferrol, enmarcada no Proxecto Terra no que o centro participa.
Comezaron coa visita ao barrio da Madalena e ao Ferrol Vello, para despois dar un paseo en barco pola ría ata o Castelo de San Felipe. Ao mediodía asistiron a unha interesante charla sobre bioconstrución, o Proxecto Alvarella, e repuxeron forzas para visitar despois o Mosteiro de Caaveiro e gozar dun fermoso roteiro polas Fragas do Eume. Un día ben intenso!

Ver imaxes

Letras Galegas 2021

Xela Arias é a protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Escritora, tradutora, editora e docente, deixounos poemas que son un reflexo da súa personalidade rebelde, inconformista e transgresora, poemas aos que o noso alumnado pon voz na seguinte montaxe.

Ver montaxe

Díptico Xela Arias

Día do Libro

Chegou o Día do Libro e para celebralo estivemos toda a semana recomendando lecturas durante o recreo no noso "photocall literario" na biblioteca: narrativa, ciencia, manga, poesía... E para rematar, convidados pola Biblioteca Municipal de Fisterra Casa do Arco, visitamos un posto de libros no que puidemos elixir o noso agasallo. Moitas grazas!

Ver vídeo

Ver imaxes

Rosalía: ritmo e poesía

Achégase a fin do trimestre e con ela a recolleita non só de cualificacións, senón tamén do tan desexado premio do Concurso de Interpretación de poemas de Rosalía de Castro. O grupo gañador é... o alumnado de 4º ESO, que mesturou "as dúas Rosalías" nunha coreografía con música do tema Malamente e como letra o poema Nasin cand'as prantas nasen. Parabéns!!

Máis imaxes

Medre o mar da poesía

Este ano para celebrar o Día Mundial da Poesía decidimos espallar ao noso redor versos escritos por poetas de Fisterra. Se mentres dades un paseo queredes gozar dos poemas de Alexandre Nerium, Mónica Góñez, Modesto Fraga, Roberto X. Traba Velay ou Branca Vilela, fixádevos nos farois da Rúa do Voluntariado!
Parécenos, ademais, un bo día para dar a coñecer os gañadores e gañadora do Certame de Videopoemas pola Paz convocado no mes de xaneiro polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e a biblioteca: Candela Vázquez Martínez (4º ESO), Alex Mariño Ferrío (4º ESO) e Brais Lema Martínez (3º ESO). Parabéns aos tres!

Mundo sen fronteiras, por Candela Vázquez Martínez.

Paz, por Álex Mariño Ferrío.

A paz, por Brais Lema Martínez.

Novas normas na biblioteca

Debido á situación sanitaria ocasionada pola COVID-19, este curso temos novas normas na nosa biblioteca. Pero isto non significa que non continuemos a dar o servizo de préstamo, ou que non poidamos usar o espazo da biblioteca e os seus ordenadores... Seguiremos con ilusión, gozando da lectura, coma sempre, pero intentando minimizar os riscos de contaxio, por iso coa fin de manter na medida do posible a continuidade do grupo de pertenza contemplada en todas as actividades do centro, asignouse un día da semana a cada clase para poder utilizar a biblioteca.
No seguinte vídeo o alumnado de 1ºESO pon voz ás normas que, en principio, rexerán o seu uso durante este curso.

Ver vídeo

Día da Biblioteca

O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar da importancia da lectura e como homenaxe ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.

A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas, sempre ao teu lado" céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia, resaltando, tamén, o gran labor que desempeñan as bibliotecas situadas no mundo rural.

Por iso, nós neste día queremos render unha homenaxe á Casa do Arco, a Biblioteca Municipal de Fisterra, onde fomos tan ben recibidos por Teresa e Darío na visita realizada co alumnado de 1ºESO o ano pasado. Grazas!

Ver vídeo

Distribuir contido


by Dr. Radut