Skip to Content

blogue deCristina

Probas de acreditación de nivel lingüístico en linguas estranxeiras

Publícase no Portal Educativo a Resolución do 10 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula a xestión de probas de nivel lingüístico para o alumnado que curse estudos durante o curso 2022/2023 en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Estas probas teñen como obxectivo acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado nos niveis B1, B2 ou C1 descritos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa.
No noso centro as probas están dirixidas a alumnado que curse 4º ESO durante o ano académico 2022-2023. As familias interesadas teñen de prazo ata o día 12 de xullo para asinar no centro un documento de compromiso de participación.

Excursión en barco

E chegou o último día de curso! Para celebralo a ANPA organizou unha marabillosa excursión en barco pola ría para toda a comunidade educativa. Moitas grazas!!

Ver imaxes

Imaxes en Coopermine

Encontro con Laura Suárez

Onte recibimos na biblioteca a visita de Laura Suárez, autora e ilustradora de Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo celta. Falounos do proceso de documentación e investigación previo á escrita do libro e do seu traballo como ilustradora.

Moitas grazas, Laura, pola túa visita e os teus consellos!

Ver imaxes

Excursión do Club de Ciencia e o Club de lectura a Santiago

O mércores o alumnado integrante dos dous clubs visitou en Santiago o Museo de Historia Natural e librerías especializadas en cómic e literatura infantil e xuvenil. Un merecido agasallo!!

Ver imaxes

Obradoiro de Ciencia divertida

O luns pasado o Club de Ciencia e o Club de lectura gozaron dunha comida conxunta para celebrar o remate das súas reunións neste curso tan repleto de lecturas e actividades. Despois de xantar, participaron nun obradoiro de Ciencia divertida no laboratorio. Un bo xeito de rematar a temporada!

Ver imaxes

Excursión a Allariz

O alumnado de 1º e 2º ESO gozou dunha excursión a Allariz enmarcada no Proxecto Terra, no que participa o noso centro. Visitaron Sta. Mariña de Augas Santas, achegándose ao Forno da Santa e ao Castro de Armeá; realizaron diversas actividades no Centro de Educación Ambiental do Rexo, e coñeceron o centro histórico de Allariz, o Museo do Coiro, o Museo da Moda e o Museo do Xoguete, exemplos de actuacións significativas de recuperación do patrimonio etnográfico da vila. Foron dous días ben intensos!

Ver imaxes

1ª Liga Maker Drone Galicia

O noso centro foi un dos dezaoito seleccionados para participar onte na 1ª Liga Maker Drone Galicia, organizada pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico e Galicia (ITG). O reto ao que se enfrontaron foi deseñar e programar un dron  capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que había un incendio simulado para contribuír á súa extinción no menor tempo posible. Parabéns ao noso equipo polo seu traballo!

Ver imaxes

Letras Galegas 2022

O venres tivo lugar na nosa pequena carballeira o acto de inauguración da celebración das Letras Galegas. A carón dun maio, evocando o Valdeorras natal de Florencio Delgado Gurriarán, tres alumnas e un alumno recitaron algúns dos seus poemas. Durante a última sesión da mañá os seus versos seguiron soando nun espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña.

O alumnado continuará realizando actividades centradas na figura do poeta homenaxeado ao longo de todo o mes de maio.

Ver imaxes

Ver díptico

Encontro con Andrea Maceiras

Rematamos o "mes do libro" coa visita de Andrea Maceiras, recente gañadora do XIX Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil, que nos acompañou nunha marabillosa viaxe pola Amazonia co seu libro A folla azul, lido polo alumnado de 1º ESO.
Moitas grazas, Andrea, pola túa visita!!

Ver imaxes

Obradoiro de creación publicitaria

O alumnado de 4º ESO participou onte nun obradoiro impartido por Arturo Rodríguez, profesional do sector audiovisual con experiencia en campañas publicitarias de varias marcas galegas. Nel os alumnos e alumnas desenvolveron as distintas fases da creación dunha imaxe oficial do Concello de Fisterra para o Día da Diversidade Sexual.

Distribuir contido


by Dr. Radut