Skip to Content

A próxima semana, teremos tempo de troula ademais de traballar.

De luns a xoves seguiremos os mandadiños da sardiña para botarnos unhas risas.
O venres, ademais de comer sobremesas típicas destas datas, celebraremos o concurso de disfraces e comparsas con interesantes premios.

Animádeos a participar!!

Enlace aos mandadiños da sardiña.


 Este martes 30 de xaneiro visitounos David, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Na súa intervención, David abordou os conceptos básicos da pegada dixital, así como as súas implicacións para a privacidade e a seguridade.

Comezou definindo a pegada dixital como a pegada que deixamos na rede cada vez que realizamos unha acción en liña. Este rastrexo pode incluír información confidencial sobre nós, como o enderezo IP, os sitios web que visitamos, as buscas que realizamos, os dispositivos que usamos, o noso nome ou a localización onde nos atopamos.

Despois afondou nas implicacións da pegada dixital para a privacidade. Explicou que se non tomamos medidas para protexer a nosa privacidade, calquera persoa que teña acceso á nosa pegada dixital podería recompilar información sobre nós sen o noso coñecemento e utilizala para diversos fins, como mercadotecnia, vixilancia, ciberacoso ou outras actividades delituosas.

Finalmente, ofreceu consellos para protexer a nosa privacidade na web. Estes consellos incluían o uso de contrasinais seguros, evitar compartir información persoal en liña ou usar ferramentas de privacidade.

A conversa amena e a información clara. Agora que comprendes os riscos asociados á túa pegada dixital e como protexerte, xa é cousa túa. Toma o control da túa pegada dixital!


Esta semana visitounos Noelia Míguez, autora de Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, que tivo un emotivo encontro co alumnado de 2º e 3º ESO no que relatou a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero.
Grazas, Noelia, pola túa visita!


O pasado 30 de novembro o alumnado do Club de lectura e o de 1º ESO asistiu na Casa Museo Picasso da Coruña a unha actividade escénica protagonizada por Os Náufragos Teatro. Dous dos actores acompañáronnos despois nun paseo teatralizado por algúns dos lugares máis representativos da estancia de Picasso na cidade.
Grazas a Os Náufragos Teatro por contar connosco!


Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha representación de todos os cursos, acompañada por dous alumnos do CEIP Mar de Fóra, realizou unha lectura colectiva do libro As mulleres que cultivaban néboas, de Bea Gregores, e rendemos homenaxe ás cincuenta e dúas mulleres asasinadas durante este ano cun minuto de silencio, portando máscaras brancas.

Neste acto deuse a coñecer que o lema proposto polo noso centro foi o escollido entre os presentados polos centros educativos de Cee, Fisterra e Corcubión para esta campaña: "Vivir, non sobrevivir".


O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu o mércores na biblioteca a unha actividade escénica levada a cabo por actores de Os Náufragos Teatro, na que fixeron un percorrido pola estancia de Picasso na Coruña. Esta actividade foi unha introdución á visita teatralizada á cidade que realizaremos o vindeiro xoves 30.

Os Náufragos Teatro - VINTE 23


Esta semana tivo lugar na biblioteca un obradoiro dirixido ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcado no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos con respecto ás profesións con pouca representación feminina.



by Dr. Radut