Skip to Content

Hoxe asistimos no Salón de Actos do Concello de Fisterra ao espectáculo Unha noite no muíño, de Caxoto Contacontos, para celebrar que o vindeiro luns 24 será o día dedicado a Rosalía de Castro. Combinando música, poesía e narración oral, Felipe Díaz (Caxoto) fíxonos recordar versos de Rosalía de Castro, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e a través de cantigas populares fixemos unha viaxe no tempo ata as festas dos nosos devanceiros.


Esta semana celebrábanse o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, o luns 27, e o Día da Paz, hoxe 30. Por iso realizamos un mural con haikus pola paz feitos polo alumnado en galego, castelán, e inglés, exposto no taboleiro de entrada e, ademais, recuperamos unha montaxe audiovisual protagonizada polos membros do club de lectura o curso pasado, na que propoñemos libros e películas que, de seguro, nos invitarán á reflexión.
Esperamos que vos guste!!

Montaxe audiovisual


O pasado martes 28 de xaneiro e dentro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, tivo lugar na biblioteca unha charla titulada “Moléculas en acción” a cargo do catedrático de Química Física da USC José Ramón Leis Fidalgo. A ela acudiu o alumnado de 3º e o da opción científica de 4º da ESO. A charla contou con varias demostracións en vivo e vídeos de reaccións químicas, salientando a importancia dos materiais e as súas aplicacións na evolución da humanidade. Presentáronse, ademais, algúns dos chamados materiais intelixentes e o alumnado puido manipulalos.


Para rematar o trimestre participamos nun interesante obradoiro de fotografía impartido polo polifacético Rubén Prieto, integrante de Talía Teatro e antigo membro do equipo de El Hormiguero. Ensinounos como sacar máis proveito da cámara do noso móbil, utilizándoa en modo pro, para facer fotografías en condicións especiais: escuridade, movemento, luminosidade intensa...


O pasado 17 de decembro o Dr. Luis Botana, Catedrático de Farmacoloxía da USC, impartiu unha charla na biblioteca destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

Nesta charla puxéronse exemplos históricos da orixe de diversos medicamentos, a súa relación coa arte, a guerra... Fíxose especial fincapé en explicar que é e que non é un medicamento, no elevado custo que supón o seu desenvolvemento e as consecuencias disto na nosa esperanza de vida.


"Por elas, sexamos valentes": este é o lema co que participamos, xunto cos outros centros educativos do pobo, no acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nerea, Alexia, Óscar, Aloia e Candela, membros do Club de lectura, leron un manifesto no que se incluían uns versos das poetas Marta Dacosta e Victoria Ash, mentres outra parte do noso alumnado portaba unhas caroutas brancas representando as mulleres asasinadas no que levamos de ano. No acto tamén tivo lugar a presentación dos carteis gañadores do obradoiro de igualdade "Entérate Fisterra".

Velaquí están as imaxes do acto e unha montaxe audiovisual realizada o curso pasado e protagonizada por alumnado do centro que nos fará reflexionar.

Ver imaxes 2019

Ver montaxe


O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar da importancia da lectura e como homenaxe ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.
E como o celebramos nós? Visitando a Casa do Arco, a Biblioteca Municipal de Fisterra. Alí nos recibiron Teresa, concelleira de Cultura, e Darío, encargado da biblioteca e ex-alumno do noso centro, ao que foi un verdadeiro pracer volver atopar. Faláronnos da historia da Biblioteca Municipal e as súas diferentes localizacións, dos servizos que ofrece (préstamo, ludoteca, mochilas viaxeiras...), actividades que se desenvolven (club de lectura de adultos, presentación de libros, actuación de contacontos...); explicáronnos o sistema de rexistro de fondos, ensináronnos verdadeiras xoias literarias e regaláronnos libros para a nosa biblioteca. Algúns de nós animámonos e aproveitamos a visita para facernos socios e socias. Seguro que a partir de agora a visitaremos con máis frecuencia!! Moitísimas grazas por todo!!

Ver imaxes



by Dr. Radut