Skip to Content

Durante estes días de reposo na casa se precisades estarei conectada a través do meu correo. Se a rede non colapsa  todas as mañás de 10:00 a 13:00 teño "a consulta aberta" por se tedes preguntas, dúbidas, necesitades  asesoramento “psicolóxico -emocional” ou simplemente comunicarvos.

Pois nada máis; ide mirando de vez en cando a páxina do instituto, e traballar algo das diferentes materias.

Aproveitade para facer outras cousas como ler, poñer un pouco de orde material e mental, comunicarvos, disfrutar da familia, dar abrazos e bicos mentais, debuxar, escribir ou calquera outra actividade creativa que non requira  saír da casa.
Saúde, paciencia e sorte!!Guiño


Alumnado de 1º ESO

O alumnado continuará o seu traballo a través da plataforma E-Dixgal.

Nas materias de Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Francesa as actividades serán presentadas a través da clase de Bioloxía.

O resto do alumnado (2º, 3º e 4º ESO)

Todas as materias, agás Tecnoloxía (que empregará a Aula Virtual), traballará a través da plataforma Classroom. Enviaranse por SIXA os códigos das materias que non a empregaban ata agora para que poidan apuntarse ás diferentes clases.

Utilizarase como medio de comunicación prioritario coas familias o correo do centro.

A dirección.


Comunicamos que dende o luns 16 de marzo, quedan suspendidas as clases en todos os niveis educativos da Comunidade Autónoma de Galicia durante 14 días debido a unha actuación preventiva pola alerta do Coronavirus.

Mañá venres, día 13 de marzo, é voluntario asistir ao centro educativo.

Rogamos estean atentos ás noticias oficiais que poidan aparecer nos medios de comunicación e na propia páxina web do centro.

A dirección do IES Fin do Camiño.


Aínda que este ano o 24 de febreiro, día dedicado a Rosalía de Castro, non estabamos no instituto, non nos esquecemos de conmemorar o 183 aniversario do seu nacemento. Como? Como xa informamos noutra entrada, asistimos a un espectáculo de Caxoto contacontos organizado polo Concello de Fisterra, e ademais, participamos nun kahoot con preguntas sobre a súa figura elaborado polo ENDL e dende a biblioteca agasallamos cunha flor feita por nós e un poema de Rosalía ao alumnado e profesorado.


Hoxe publicouse no DOG a Orde do 10 de febreiro de 2020 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, 27 de febreiro, e remata o día 26 de marzo (incluído).

A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se menciona na convocatoria, atoparase na páxina web AxudasLe.


Pablo Carpintero e Rosa Sánchez achegáronnos onte á música tradicional cun concerto didáctico no que descubrimos como algo tan diferente como noces, landras, bugallas, cornos de cabra, vinchas de ovella e incluso sachos ou tixolas!! poden converterse en instrumentos musicais. E é que, como explicou Pablo, a música e o son forman parte das nosas vidas dende o ventre materno...

Ver imaxes

Ver vídeo-resumo


Hoxe asistimos no Salón de Actos do Concello de Fisterra ao espectáculo Unha noite no muíño, de Caxoto Contacontos, para celebrar que o vindeiro luns 24 será o día dedicado a Rosalía de Castro. Combinando música, poesía e narración oral, Felipe Díaz (Caxoto) fíxonos recordar versos de Rosalía de Castro, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e a través de cantigas populares fixemos unha viaxe no tempo ata as festas dos nosos devanceiros.



by Dr. Radut