Skip to Content

blogue deCristina

Os Náufragos Teatro

O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu o mércores na biblioteca a unha actividade escénica levada a cabo por actores de Os Náufragos Teatro, na que fixeron un percorrido pola estancia de Picasso na Coruña. Esta actividade foi unha introdución á visita teatralizada á cidade que realizaremos o vindeiro xoves 30.

Os Náufragos Teatro - VINTE 23

Que non te líen, ti elixes

Esta semana tivo lugar na biblioteca un obradoiro dirixido ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcado no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos con respecto ás profesións con pouca representación feminina.

Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama

O pasado 19 de outubro estabamos convidados a participar nunha cadea humana na praia da Ribeira. Non foi posible por mor do temporal pero, malia a chuvia e a vergoña, todo o alumnado e o profesorado uniuse á causa cunha cadea humana no interior do centro.

Ver vídeo

Retirada de plantas invasoras

O alumnado de 3º e 4º ESO participou nunha xornada de retirada de plantas invasoras na praia de Langosteira, actividade esencial para preservar o noso ecosistema dunar. A actividade estivo organizada polo Concello de Fisterra e o director do obradoiro de emprego Camiño do Solpor V.

Encontro con Arantza Portabales

O luns 19 tivemos un extraordinario peche de temporada de reunións do Club de lectura: un encontro do grupo de 3º e 4º ESO e dun grupo de profesoras con Arantza Portabales, para falar do seu libro O home que matou a Antía Morgade.

Gozamos moito da súa presenza e aproveitamos a ocasión para agasallala coa nosa montaxe da ruta literaria feita o día 9 de xuño en Santiago.

Moitísimas grazas, Arantza!!

Ver montaxe

O Club de lectura en Santiago

O venres día 9 o noso Club de lectura estivo en Santiago. Visitamos a Biblioteca Ánxel Casal; a librería Couceiro; a SELIC, onde tivemos un encontro con Antía Yáñez para falar do seu libro O misterio do torque de Burela, e fixemos un roteiro literario baseado en O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales. Un día rodeadas e rodeados de libros!! 

La Voz de Galicia

O Club de lectura na Coruña

O pasado venres o alumnado do Club de lectura foi á Coruña, onde levou a cabo varias actividades centradas na ruta Picasso pola mañá e na cultura manga dende o mediodía ata media tarde: visita guiada ao IES Eusebio da Guarda, onde Picasso estudou secundaria e Belas Artes, e á Casa-Museo Picasso; ruta literaria baseada no libro Pablo e as pombas, de Marcos Calveiro, para o alumnado de 1º ESO; librería Fnac, e ExpOtaku.

Encontro con Andrea Maceiras

Esta semana recibimos a visita da escritora Andrea Maceiras, que tivo un agradable encontro co alumnado de 1º ESO e co do Club de lectura de 3º e 4º ESO, co que falou dos seus libros A folla azul e Que me pare o corazón se te esquezo.
Moitas grazas, Andrea, pola túa visita!!

Letras Galegas 2023

No centro celebramos o Día das Letras Galegas con varias actividades: o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizou unha exposición sobre a persoa homenaxeada este ano, Francisco Fernández del Riego, na que participou alumnado de 2º e 3º ESO; ademais, alumnado do Club de lectura puxo voz a unha pequena biografía audiovisual do intelectual galeguista, realizada pola biblioteca.

Ver vídeo

Fontán. O primeiro rostro de Galicia

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu hoxe na biblioteca á proxección do documental ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia’. A peza audiovisual trata sobre a figura do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia, mapa físico realizado entre 1817 e 1834, considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
A proxección estivo precedida por unha introdución e seguida por un coloquio a cargo de parte do equipo realizador, Kaito Estudios. Ao remate do acto, o alumnado puido manipular instrumental para medir distancias e ángulos, similar ao utilizado por Fontán, e unha reprodución da Carta Xeométrica.
Esta actividade foi facilitada polo Concello de Fisterra.

Distribuir contido


by Dr. Radut