Saída didáctica a Lugo

O día 7 de marzo de 2023, o alumnado das materias: Latín II e Cultura audiovisual e escénica, de 2º de Bacharelato; Latín I, de 1º de bacharelato; Latín de 4º ESO; Cultura clásica e Proxecto compentencial de 3º ESO, e Proxecto competencial de 1º ESO realizamos unha saída didáctica á cidade de Lugo, organizada polo Departamento de Latín. Ao chegar, sobre as 10:30h, fixemos un percorrido polo casco histórico da cidade, onde puidemos contemplar algúns dos numerosos restos arqueolóxicos de época romana e outros puntos de interese histórico e artístico da antiga capital do Conventus Lucensis da Gallaecia romana.

 Ás 11:30, reunímonos na porta do Museo provincial co alumnado do CEIP de Xanceda, para realizar unha visita guiada conxunta, na que o noso alumnado realizou a actividade denominada Ruta romana, mentres o alumnado de Xanceda realizaba un Roteiro literario.

 Á saída do Museo, sen moito tempo para descansar, fixemos outras visitas culturais repartidos en grupos: o alumnado de 4º de ESO e bacharelato visitou a Domus do Mitreo, mentres o alumnado de 1º e 3º de ESO ía a Casa dos Mosaicos.

 Ao remate destas dúas visitas guiadas, algo máis breves que a do museo pero non por iso menos interesantes e, reunidos de novo co alumnado de Xanceda, co que compartiriamos o resto da xornada, fixemos un percorrido polo adarve da Muralla, para contemplar desde arriba as fermosas vistas da cidade e tamén, xa de postos, o mural de Xulio César realizado por Julio As e que foi elixido como mellor mural do mundo en 2021 por Street Art Cities.

 Fomos xantar ao centro comercial As Termas, onde puidemos, ademais, descansar un pouco e preparrnos para o que era o prato forte da xornada: a asistencia á representación da comedia O persa de Plauto, a cargo do grupo de teatro El ruiseñor de Culleredo. A obra non defraudou. Foi posta en escena con solvencia polos actores e actrices e arrincou sonoras gargalladas do numeroso público estudantil que enchía o Auditorio Gustavo Freire, tal e como ocorre en cada convocatoria anual do Festival de Teatro Grecolatino que organiza a Delegación galega da Sociedade de Estudos Clásicos.

 Con algo de cansancio, tras unha xornada longa, pero entretida e produtiva, emprendemos o camiño de volta á Rúa.