Skip to Content

ROTA DE PETROGLIFOS EN CAMPO LAMEIRO E SENDERISMO EN ACIVEIRO

ROTA DE PETROGLIFOS EN CAMPO LAMEIRO E SENDEIRISMO EN ACIVEIRO

    O IES (departamentos de filosofía e educación física) levounos a unha actividade combinada de visita a un centro de arte rupestre de Campo Lameiro e andaina preto de Forcarei.
   Visitamos de mañá o parque arqueolóxico, que alberga un dos conxuntos de gravados rupestres máis importantes de Europa. Fixemos un percorrido guiado polas salas de exposicións e asistimos a unha proxección sobre a vida dos poboadores do Neolítico e a Idade de Bronce. Saímos á ver os petroglifos, deseños simbólicos gravados nas rochas, cuxo significado é aínda un misterio. O espazo alberga 25 grupos, algúns  en moi bo estado (como o cervo da foto). Por último achegámonos á recreación dunha aldea da época.
    Despois de xantar empezamos o PRG 100, sendeiro natural Aciveiro- Candán, unha rota circular de ¡15 km! con principio e fin no coñecido Mosteiro de Aciveiro.
Cruzamos o  río Lérez e subimos á  Serra do Candán, espazo natural que participa no proxecto europeo da Rede Natura 2000.
    Atopamos camiños secos ou enlamados, árbores, prados e matogueiras, pasamos varias aldeas e cruzamos a fermosa Ponte Vella de Andón, para logo seguir as ribeiras do Lérez en busca do mosteiro. Destacamos o traballo en pedra de pontes, muíños, casas e cruceiros de Forcarei.
    Foi unha andaina bastante exixente, superando a friaxe,  onde puxemos a proba a nosa resistencia.  Acabamos o día coa mente chea de ligazóns co pasado e a luz das nosas paisaxes na retina…

                    

 



page | by Dr. Radut