U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS

1. Introdución

Corte co coitelo de cociña dadá. Hannah Höch CC BY J MeiHannah Höch, Corte co coitelo de cociña dadá (1919) 

A Europa da posguerra presenta unha situación xeral de crise económica, política e social. O conflito devastou as estruturas das potencias europeas tradicionais e foi o contexto, ademais, no que tivo lugar a revolución bolxevique de 1917, que significou tanto unha alternativa aos sistemas liberais e capitalistas como un espello para o movemento obreiro. Paralelamente, a Europa da posguerra asistirá ao avance do sufraxismo como movemento que reivindica a participación política da muller.

En contraste coa Europa de posguerra, os EUA caracterizáronse por un forte desenvolvemento económico nos anos 20, ratificando a súa condición de potencia mundial. Pero as bases deses "felices anos 20" saltaron polos aires co afundimento de Wall Street de 1929 e a consecuente crise económica. A inestabilidade mundial facilitará o auxe dos fascismos e unha nova guerra, que será aínda máis destrutiva que a Gran Guerra.


NOTA INVESTIGA

  • A obra que encabeza este epígrafe está realizada por Hannah Höch, unha artista dadaísta que emprega a técnica do collage e a fotomontaxe de xeito maxistral nas súas obras. Busca información sobre Höch e sobre o dadaísmo e elabora unha breve redacción da relación deste movemento artístico co período de entreguerras. Podes empregar como fonte de información a web de historia-arte.com, que ten contido sobre Hannah Höch e a súa obra. Esta web emprega licenza de contidos Creative Commons, o que favorece a difusión da cultura.