Skip to Content

Quen somos

A EOI de Vigo

Difusión EOI de Vigo 2024 by Helen Burr

A Escola Oficial de Idiomas de Vigo é un centro docente público que imparte as ensinanzas de idiomas de réxime especial establecidas no artigo 59 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).
 
A EOI de Vigo, xunto coas demais escolas oficiais de idiomas galegas, pertence á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e fai parte da rede de EOI de todo o Estado.
 
A súa organización e funcionamento recóllese no Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia que establece o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, desenvolvido pola Orde do 5 de agosto de 2011, e concrétanse nas Normas de organización e funcionamento do centro.
 
O noso centro foi creado ao abeiro do  Decreto 126/1988, do 5 de maio (DOG do 27) e comezou a súa andaina no curso académico 1988/1989.
 
Ofertamos un ensino de idiomas desde unha perspectiva de uso, un modelo de lingua entendida como vehículo de comunicación seguindo as liñas establecidas polo Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL).

Acreditamos as competencias lingüísticas do noso alumnado, tanto libre como oficial, mediante certificacións oficiais equivalentes aos niveis establecidos no MECRL.
 
Actualmente impártense na EOI de Vigo nove linguas: alemán, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués e xaponés.
 
Tamén se ofrecen cursos monográficos especializados de formación de profesorado ou de preparación para os exames CELGA e Linguaxe Administrativa media e superior.
 
Damos servizo a máis de 6.000 alumnos/as matriculados/as e contamos con máis de 100 profesoras e profesores repartidos entre a sede central (Vigo, Av. Martínez Garrido 17) e as súas seis seccións: Cangas, Coia, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui.
 
As seccións non contan con persoal administrativo propio, polo que toda a xestión se realiza na sede central.
 
Temos unha ampla oferta de actividades culturais, tanto na central como nas seccións, incluídas viaxes aos países das linguas que se imparten.
 
Temos unha longa traxectoria na participación en programas educativos europeos, tanto para o alumnado como para o profesorado.

Os trazos de identidade da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, os seus obxectivos e as liñas xerais da súa organización están descritas no proxecto educativo de centro (PEC).

Distribuir contido


by Dr. Radut