Así traballamos...

O día a dia na escola

O DÍA A DÍA NA ESCOLA

Dende a escola alternamos ao longo da mañá momentos de expansión e concentración que axudan ao alumnado a cambiar de actividade e a ir acadando a autorregulación para ser quen de xestionarse no futuro de maneira autónoma.

ENTRADA AMABLE

Durante a primeira media hora da mañá o alumnado vai chegando pausadamente á escola e as familias (1 persoa por crianza) poden permanecer na aula durante ese tempo. 

PROPOSTAS

O alumnado pódese mover libremente pola aula e participar das propostas que o profesorado teña preparadas. Estas propostas parten do xogo libre e están centradas en contidos xeneralistas do currículo de infantil, serán na medida do posible, autónomas e autocorrectivas, avanzando en grao de dificultade segundo as necesidades do alumnado.

Cada día da semana faremos provocacións ou ambientaremos o espazo dun dos ambientes de aprendizaxe (creatividade, pre-lóxico matemático, mandalas, vida práctica, préstamos de contos,…).


REUNIÓN/RODA E PETISCO

É un tempo en gran grupo para compartir o petisco que se preparou nas propostas.

Aproveitamos para falar, facer un xogo de dedos, contar un contiño, cantar algunha canción, introducir o proceso, etc.

PROCESOS

Unha vez rematada a reunión ou ronda propóñense na aula materiais ou actividades variadas pero centradas nun mesmo tema, a ser posible proposto polo alumnado e que permita afondar, investigar e coñecer de xeito máis profundo temas máis concretos.


MERENDA

Momento de reunión onde se comparte mentres se degusta a merenda que se trae da casa. No horario marcamos un tempo que en todo caso se adaptará ás necesidades de fame ou saciedade das crianzas.

Dende a escola favorecemos e animamos ás familias para unha alimentación saúdable, fomentando consumo de produtos naturais fronte a procesados.

TRÁNSITO LIBRE

É un momento privilexiado da xornada na que as crianzas poden transitar entre o interior e o exterior da escola onde continúa o xogo libre.

A disposición dos traxes de auga para todas as crianzas, permítenos a posibilidade de desfrutar do exterior independentemente das condicións climatolóxicas.

SAÍDA AMABLE

A partir das 13:30 as familias poden acompañarnos no conto ou na actividade final.

Os últmos  minutos antes do fin da xornada adicámolos a  realizar algunha pequena proposta en familia (arte, xogos de mesa, quebracabezas,…) ou compartir tranquilamente as rutinas de saída (recollida, ensinar pequenos tesouros da xornada, calzado,…)

 

 

ASÍ TRABALLAMOS...

ESCOLAS COMO ESPAZOS DE ACOMPAÑAMENTO E RESPECTO POLOS PROCESOS DE VIDA DOS NENOS E NENAS.

Os principios fundamentais do CRA Antía Cal susténtanse no acompañamento respectuoso e na aprendizaxe viva e activa nunha contorna rural impregnada de contacto coa natureza.

PEDAGOXÍA DO AGARIMO

Escolas habitadas nas que convivimos en comunidade cos nenos e nenas coa vontade de acompañalos no seu proceso de desenvolvemento respectando a súa esencia natural para que se sintan recoñecidos, aceptados e queridos e poidan crecer en equilibrio e benestar.

Querer para comprender, para axudar, para respectar... O vínculo afectivo é fundamental nas nosas escolas, non só o que establecemos as adultas coas crianzas, senón o que establecen as pequenas e pequenos entre elas e eles. As relacións e demostracións de afecto ao longo do primeiro septenio das crianzas favorecen que o seu cerebro modifique as súas conexións neuronais e, polo tanto, substancialmente as súas posibilidades e capacidades como persoa.
 
Este acompañamento respectuoso permite que cada neno e nena poida SER.

APRENDIZAXE VIVA E ACTIVA

A aprendizaxe é un proceso inherente á vida, xorde dunha necesidade vital de coñecer, descubrir, de responder ás preguntas que se orixinan no interior. Pro iso, os nenos e enenas son os verdadeiros autores da súa propia aprendizaxe, e por iso as mellores aprendizaxes xorden desde a curiosidade e o interese, desde o profundo respecto aos ritmos individuais e aos procesos de maduración e de acordo as súas experiencias previas. Os estímulos poden vir dos "ambientes preparados", das experiencias persoais, das vivencias con iguais e das propostas ou provocacións que realizan as adultas.

As educadoras preparamos os ambientes e organizamos o tempo e o espazo para favorecer  autonomia, na aprendizaxe dos nenos e nenas.

OS ESPAZOS PREPARADOS

Espazos amables, cálidos, de pertenza, espazos de vida, xa que a vida e a aprendizaxe son un todo indisoluble. Dicía Loris Malaguzzi que os espazos deben ser como unha especie de acuario que reflexe as ideas, o estilo moral e as actitudes das persoas que o habitan.

Habitamos espazos como ambientes de aprendizaxe, espazos físicos preparados conscientemente para que a aprendizaxe poida darse a partir da exploración autónoma das nenas e nenos, zonas de propostas a través das que poden moverse libremente e escoller aquelas actividades ou materiais que máis se adecúen ao momento evolutivo, necesidades ou intereses, por iso coidamos os espazos, a colocación dos materiais, o mobiliario, a luz, os detalles,... aspectos fundamentais para fomentar a autonomía, potenciar as capacidades de cada crianza e favorecer o sentimentos de pertenza.

Ambientes de aprendizaxe para a experimentación, para o descubrimento, para a manipulación, para a calma, para a expresión,... para ser e estar.

O VALOR DOS MATERIAIS

O acceso libre aos materiais permite que cada nena ou neno xestione o seu propio proceso de desenvolvemento, permite que escolla os recursos que se corresponden co seu momento madurativo, necesidades ou intereses e a observación das educadoras permite unha atención individualizada a través do desenvolvemento de procesos persoais. Materiais desestructurados que ofrecen múltiples usos e posibilidades, que permiten deixar voar a imaxinación e creatividade, materiais manipulativos que permiten concretar conceptos abstractos, materiais sensoriais, pezas soltas, materiais naturais, a propia natureza como material...ao servizo do xogo.

A IMPORTANCIA DOS RITMOS

Os ritmos aportan harmonía, benestar e seguridade, aportan ademais orde, por iso nas nosas escolas os días están marcados por momentos de expansión e concentración e acompañamos os ritmos estacionais favorecendo o vínculo coa natureza e a confianza na vida.

GRUPOS MIXTOS

Escolas nas que facer visible o evidente, todas aprendemos de todas, todo o tempo e en todas partes, a riqueza das escolas con idades mesturadas nas que as diferenzas teñen presenza e valor. Cada unha das nosas escolas escolariza nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos, formando xunto coas súas familias e educadoras unha comunidade, este tipo de agrupamentos mixtos que xa defendía María Montessori a principios do século XX é o reflexo da vida, proporcionan unha contorna rica e permiten ás crianzas desenvolver as súas capacidades de xeito máis autónomo e cooperativo, permiten que se dé con naturalidade esa pedagoxía do agarimo e do coidado axudando ao desenvolvemento da confianza, autoestima e respecto por un mesmo e polos demais.

CONTACTO COA NATUREZA

Escolas na natureza, os nenos e nenas crecen en contacto coa natureza desenvolvendo un forte sentimento de amor e harmonía co mundo, a natureza é unha fonte inesgotable de estímulos que respectan e favorecen o desenvolvemento saudable dos nenos e nenas, favorece os procesos de aprendizaxe e o desenvolvemento cognitivo ampliando así a capacidade de razoamento e observación.

As nenas e nenos conviven nun entorno natural, cada unha das escolas do CRA Antía Cal está rodeada de verde, árbores, terra e elementos non estruturados para desenvolver capacidades como o balanceo, o equilibrio, os trasvases de líquidos, a manipulación de elementos naturais...O xogo libre no espazo exterior proporciónalles liberdade nun entorno segurizado e bríndanos a oportunidade de observar múltiples procesos de aprendizaxe, onde os ritmos os marcan os protagonistas, os nenos e nenas que conquistan cada día con botas e roupa de auga o espazo exterior, o espazo natural, dispondo de tempo para observar con calma un caracol, ulir con ollos pechados as flores, escoitar con emoción o canto dos paxaros, dispondo de tempo para o ASOMBRO.

Nas sementes vai incluída a información que necesitan para crecer, so necesitan auga e terra para ir tomando os nutrientes  que requiren en cada momento, non por regalas máis crecerán máis rápido, ao contrario, podemos causarlles graves problemas. Para que un neno ou unha nena floreza, necesita, ademais dun entorno rico, amor e seguridade, liberdade e límites, un amor incondicional que non interfira coa súa esencia”

Distribuir contido