O día a dia na escola

O DÍA A DÍA NA ESCOLA

Dende a escola alternamos ao longo da mañá momentos de expansión e concentración que axudan ao alumnado a cambiar de actividade e a ir acadando a autorregulación para ser quen de xestionarse no futuro de maneira autónoma.

ENTRADA AMABLE

Durante a primeira media hora da mañá o alumnado vai chegando pausadamente á escola e as familias (1 persoa por crianza) poden permanecer na aula durante ese tempo. 

PROPOSTAS

O alumnado pódese mover libremente pola aula e participar das propostas que o profesorado teña preparadas. Estas propostas parten do xogo libre e están centradas en contidos xeneralistas do currículo de infantil, serán na medida do posible, autónomas e autocorrectivas, avanzando en grao de dificultade segundo as necesidades do alumnado.

Cada día da semana faremos provocacións ou ambientaremos o espazo dun dos ambientes de aprendizaxe (creatividade, pre-lóxico matemático, mandalas, vida práctica, préstamos de contos,…).


REUNIÓN/RODA E PETISCO

É un tempo en gran grupo para compartir o petisco que se preparou nas propostas.

Aproveitamos para falar, facer un xogo de dedos, contar un contiño, cantar algunha canción, introducir o proceso, etc.

PROCESOS

Unha vez rematada a reunión ou ronda propóñense na aula materiais ou actividades variadas pero centradas nun mesmo tema, a ser posible proposto polo alumnado e que permita afondar, investigar e coñecer de xeito máis profundo temas máis concretos.


MERENDA

Momento de reunión onde se comparte mentres se degusta a merenda que se trae da casa. No horario marcamos un tempo que en todo caso se adaptará ás necesidades de fame ou saciedade das crianzas.

Dende a escola favorecemos e animamos ás familias para unha alimentación saúdable, fomentando consumo de produtos naturais fronte a procesados.

TRÁNSITO LIBRE

É un momento privilexiado da xornada na que as crianzas poden transitar entre o interior e o exterior da escola onde continúa o xogo libre.

A disposición dos traxes de auga para todas as crianzas, permítenos a posibilidade de desfrutar do exterior independentemente das condicións climatolóxicas.

SAÍDA AMABLE

A partir das 13:30 as familias poden acompañarnos no conto ou na actividade final.

Os últmos  minutos antes do fin da xornada adicámolos a  realizar algunha pequena proposta en familia (arte, xogos de mesa, quebracabezas,…) ou compartir tranquilamente as rutinas de saída (recollida, ensinar pequenos tesouros da xornada, calzado,…)