Skip to Content

contador gratis para blog

Música

Os instrumentos de percusión de metal

Vimos de pasar un entroido moi musical onde o alumnado do noso centro tivo oportunidade de vivir dende dentro unha experiencia moi similar á do carnaval do Brasil. Construímos uns tambores con latas e unhas maracas con botellas de plástico. Descubrimos os sons agochados nos obxectos cotiáns. E na aula de música a experiencia continúa nas clases de infantil, explorando os instrumentos escolares de pequena percusión. Hoxe foi a quenda dos instrumentos de metal coas súas particularidades, como a do prato, o campión da duración; a pandeireta, que é de dúas familias; os cascabeis, co seu son que nos lembra ás panxoliñas de nadal ou o agogó, que nos lembrou ao ritmo de "quero pan con marmelada". Velaquí unha composición fotográfica.

O Entroido é o Carnaval

O Entroido é Carnaval é o lema da festa deste ano no noso centro. Como xa saberedes o Entroido é a entrada na primavera, o renacer da vexetación e tamén o principio da cuaresma cristiana. O Carnaval ven do latín carne levare é dicir, o comezo da época na que non se pode comer carne. Coa celebración deste ano queremos tender unha ponte entre o Entroido tradicional galego e o Carnaval máis famoso do mundo, o Brasileiro. Este vernes 28 ás 15:45h faremos unha batucada escolar que levamos traballando durante dúas semanas. O alumnado construiu maracas, tambores e baquetas con material de refugallo. Coa axuda dos PerQtores de Seixalbo faremos retumbar os cimentos do cole cos nosos ritmos. Queredes ensaiar na casa? Aquí tedes os ritmos. E tamén unha galería do xoves no recreo seguindo as ordes da Meca para vir disfrazados de profesións.

 

O Xogo da Carrasquiña

Dende 1964 cada 30 de xaneiro os centros educativos veñen celebrando o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, (DENIP) coincidindo co aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Durante os días anteriores aproveitamos para falar ao noso alumnado da importancia dos valores que sustentan a nosa convivencia: o perdón, o pacifismo, o diálogo. E o propio día aproveitamos para celebrar con música e artes esta efeméride. Este 2014 a xornada rematou cun baile colectivo que simboliza a unión entre todos os membros da comunidade escolar. Escollemos unha danza cantada que fala de afectos, de cariños e de coidados, ao fío do noso proxecto O mapa das emocións. É un tema interpretado polo grupo Pesdelán titulado O Xogo da Carrasquiña, no seu disco Na Punta do Pé, publicado por Kalandraka. Aquí vos deixamos o vídeo para que xoguedes a atoparvos nel.

 

Ande ande ande, o cole de Cea

Ande ande ande, o cole de Cea, ande ande ande que hoxe está de festa. Así remataron os nosos Cantos de Nadal 2013 todos xuntos, alumnado e profesorado cantando para despedir o 2013. Xuntámonos no ximnasio, que é un lugar con non moi boa acústica, para botar unhas panxoliñas. Pero non hai nada que non solucione o entusiasmo e o bo facer das nenas e nenos do cole. E así foron sonando: The First Noel, dos de sexto, Vinde ver o neno con quinto de primaria, Con un sombreiro de palla co alumnado de segundo ciclo, Tan tan os do primeiro e un repertorio variado interpretado polos de Infantil. Todo enlazado cunhas presentacións super divertidas dos de 4º da ESO. Entre elas o gran éxito do sketch do ano pasado: O Sacho Antón, que pronto poderedes ver no youtube. A foto ilustra exactamente ese momento no que Jota e Crespo interpretan esa teletenda tan disparatada.

O Violoncello

Comezamos a semana cun violoncello na aula. Belén López Bouzo visitou o noso centro para ensinarnos as características deste instrumento de corda fretada. A caixa de resonancia, as cordas, o arco, a pica e sobre todo a técnica para tocar. Estivemos ben atentos á súa explicación. Tamén puidemos practicar algúns de nós a tocalo. Foi ben interesante, pero sen dúbida o que máis nos gusta é ver a un profe intentalo. Aí é cando abrimos ben os ollos. Ademais de todo isto puidemos escoitar un anaquiño do Preludio da Suite para Cello nº 1 de Bach e outro do Himno da Alegría da 9ª de Beethoven.

 

Panxoliñas que viaxan no tempo

É un auténtico privilexio e unha honra que nos visiten as Avoas da Residencia A Saleta de Cea. Elas son as auténticas portadoras do noso patrimonio inmaterial. Xoias que viaxan no tempo grazas a súa memoria. Estamos falando de cantigas, estrofas, refráns, ditos, lendas, pequenas e grandes historias do nadal. Anécdotas tan bonitas como a de aquela nena que lle pediu un año aos Reis Magos e para a súa sorpresa, trouxéronllo. Ou aquela outra que foi quen de escribirlle unha carta a Franco pedíndolle unha bicicleta. Aquí tedes un anaquiño da súa visita. A escola está viva cando abre as súas portas á comunidade, e os nenos reciben un grande regalo interxeracional coa súa visita.

Concurso: Adiviña o timbre escolar

CONCURSO: ADIVIÑA O TIMBRE ESCOLAR
- NOME DO AUTOR
- NOME DO INTÉRPRETE
- TÍTULO DA OBRA

Escribe aquí as respostas, deposítaas na furna da entrada do centro ou mándaas a ticscea@gmail.com cos teus datos persoais. A finais de febrero sortearemos 3 CDs entre todos os que acerten cada unha das preguntas.

Preparados para a alegría?

Alegría

Alegría! Felicidade! Cando estamos coa nosa familia, cando xogamos cos amigos, cando rimos, cando bailamos, cando cantamos. Cando temos boa saúde. Cando a xente ao noso redor é feliz nós somos felices. Este foi o obxectivo principal da actividade celebrada este curso no noso centro o Día Escolar Pola Paz e a Non Violencia, unha reflexión colectiva de toda a comunidade educativa ao redor da nosa felicidade. E a manifestación artística consistiu na elaboración entre todos dun mural con origami onde compuxemos a palabra ALEGRÍA e a interpretación dunha canción chamada Alegría do compositor brasilego Sergio Tannus. Pronto estrearemos o videoclip, así que estade atentos nos vindeios días.

É Nadal

Distribuir contido


by Dr. Radut