Friol será esta fin de semana a capital do atletismo galego

CELÉBRASE NESTE CONCELLO O CAMPIONATO GALEGO DE CROSS POR CLUBS

O próximo domingo, día 26, celébrase en Friol o Campionato Galego de Cross curto por Clubs. Dito campionato está organizado pola Federación Galega de Atletismo en colaboración co Concello de Friol.

Neste Campionato Galego, no que se calcula unha participación duns mil atletas, poderán participar as categorías "promesa", "sénior" e "veteranos" e realizarase só una clasificación por equipos conxuntamente coas categorías (absoluta), tanto en homes como en mulleres. Tamén haberá un título honorífico ó club que obteña a mellor puntuación, sumando os puntos conseguidos en ambas clasificacións, masculina e feminina. Para poder puntuar por equipos, cada club deberá levar á meta catro corredores/as que formen equipo. Cada club terá dereito a formar un só equipo por cada categoría.

Esta proba levarase a cabo nun terreo apropiado para tal evento, sito na parroquia de Prado, a uns 800 m. do núcleo urbano de Friol, en dirección a Sobrado dos Monxes, e comezará ás 10:30 h. da mañá.

Os catro primeiros clasificados, cadetes e xuvenís, tanto masculinos como femininos (15 en total), estarán automaticamente seleccionados para representar a Galicia no próximo Campionato de España Escolar, a celebrar en Madrid.

A presentación desta proba, celebrada no Salón de Plenos do  Concello de Friol, correu á cargo do Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o alcalde de Friol, Antonio Muíña, os cales estiveron acompañados por Felipe Barata, alma mater do auxe do atletismo friolense, Pablo Gandoy, Delegado Provincial da Federación e a presidenta do Club de Atletismo de Friol e directora do Centro Escolar, Asunción López.

Na dita presentación, o Presidente federativo eloxiou o auxe alcanzado polo Concello de Friol en tódalas modalidades de atletismo, debido fundamentalmente ó labor realizado polo profesor de Educación Física do Colexio Público de Friol, Felipe Barata, e o apoio organizativo e económico recibido por parte do Concello de Friol. Froito desa colaboración, Friol conta hoxe con destacados atletas en idades escolares, que nas súas respectivas categorías están tendo unha gran recolleita de éxitos en tódalas probas nas que veñen participando. Tamén, froito desta colaboración, estanse levando a cabo en Friol distintas probas atléticas, tanto a nivel provincial como galego. A última, o Campionato Provincial absoluto de cross, celebrado o pasado mes de decembro. Por todo iso, o Presidente da Federación Galega felicitou tanto a Felipe Barata como o alcalde, Antonio Muíña, polo esforzo conxunto realizado e os logros que se están alcanzando, poñendo en pouco tempo a Friol no mapa do atletismo galego.

Pola súa parte, Antonio Muíña, que pechou o acto, tivo palabras de agradecemento para Barata e para o Presidente da Federación Galega. Para o primeiro, polo encomiable esforzo que vén realizando cos escolares de Friol, ós que inculcou a afección polo exercicio e o san deporte do atletismo , así como polos continuos éxitos que nos últimos tempos veñen acadando os atletas por el adestrados.  En canto ó Presidente da Federación Galega de Atletismo, Muíña agradeceulle o feito de que conten con Friol como sede de eventos tan importantes como este Campionato Galego de Cross, que se celebrará o próximo domingo, e manifestou que o Concello de Friol seguirá colaborando dentro das súas posibilidades co atletismo local, por entender que esta colaboración redunda directamente na saúde, no deporte e no san espírito de competición dos máis novos, o que constitúe unha das prioridades do equipo de goberno municipal.