PROGRAMA QUEDA-T

Actuacións

1. QUÉDA-T (Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar).

A Unión Europea establece como prioridade estratéxica para a vindeira década mellorar a calidade, a equidade, a inclusión e o éxito para todos na educación e a formación. O abandono temperán da educación supón unha diminución nas oportunidades socio-económicas do alumnado. Se ben este indicador reduciuse na última década, continúa supoñendo un desafío para as administracións educativas, sobre todo cando se intúen as consecuencias da pandemia da covid-19.

1.1. Descrición da actuación

Co fin de continuar cos esforzos para a prevención e redución do abandono temperán e do absentismo escolar, implementaranse medidas específicas de calquera índole (pedagóxicas, organizativas…) que contribúan ao avance de todo o alumnado, especialmente daquel en situación de vulnerabilidade.

1.2. Obxectivos

a) Identificar as dificultades do alumnado relacionadas co seu estilo de aprendizaxe e desenvolver hábitos e técnicas de traballo intelectual.

b) Mellorar a adquisición das competencias clave no alumnado en risco de abandono escolar temperán.

c) Aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio.

d) Fomentar a participación de todo o alumnado nas actividades do centro, potenciando a motivación e o interese por continuar os seus estudos.

 

e) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións da contorna para diminuír o abandono escolar temperán.