Blog de Téxtil

Proxectos de Ciclo Superior: Vargas Lemos

O proxecto de Sara Martínez Rodríguez

“Vargas Lemos” é o nome escollido por Sara para o seu proxecto. Xa que por costume só se empregan os primeiros apelidos de cada persoa para herdar os apelidos co nome, Sara quixo que os segundos apelidos dos seus pais puidesen perdurar na historia da súa familia e que mellor xeito que poñelo como nome principal para o seu proxecto. 

O seu slogan é: ‘‘No cambies para encajar en la moda, haz que la moda encaje contigo’’ con el Sara quérese referir tanto ás modas do momento coma ós talles estandarizados polo sector. Preténdese realizar todo o proceso completo deseño-patronaxe-confección de prendas a medida de alta calidade. En Vargas Lemos preocúpanse de manter unhas liñas de deseño actuais e o gusto da clienta coas que atender as necesidades de tódalas mulleres que acoden ó seu atelier. Cada vez máis demandase e valorase máis as prendas únicas, creadas especialmente para unha persoa. Poder presumir de pezas únicas, onde a clienta ademais puido tomar decisións sobre a futura prenda. 

Presenta un vestido americana, cun longo mini. O vestido leva ombreiras de 1cm de groso xunto cun churro para darlle forma á copa da manga, ten unha solapa ampla e o cruce vai con botoadura dobre, con 4 botóns de 2,5cm e 40 liñas. Posúe dous petos de plastrón forrados a ámbolos lados da prenda na parte dianteira, cun volante fruncido de tul bordado a man por todo o redor. Traslado de pinza ó talle-costado na altura da cintura, cun vivo de tecido cosido enriba do corte previamente entreteado baixo o peto de plastrón. Manga xastre, na abertura da manga leva tamén un volante de tul bordado a man por toda a bocamanga e na abertura.

No baixo leva tamén volante de tul bordado a man, pero desta vez non vai fruncido, senón que son volantes circulares. Nas costas ten unha costura central, o forro interior con fuelle. Tódalas vistas do baixo e das mangas van separadas como patróns independentes para poder introducir o tul. Na parte inferior e superior da sisa, entre o forro e o tecido leva cosido unhas tiras de tecido para unir ámbolos dous tecidos (forro e tecido).

O colo exterior vai ó lomo e o colo interior cortado ó bies con costura central. Cran de 8cm. Toda a prenda intercala dúas cores, o branco e o negro, facendo contraposición de cores, o mesmo efecto de contraposición de cores tamén vai no interior da prenda, é dicir, no forro. Os volantes de tul están bordados a man por Sara, xa que foi un xeito de regresar ós seus inicios, cando estudiaba o bacharelato, Sara facía bordados, e como lle gustaba o mundo da moda, á hora de decidir que estudiar ó rematar o bacharelato, decantouse por cursar o ciclo superior de FP Patronaxe e Moda. 

 

 

 

Proxectos de Ciclo Superior: Feito por Laura

O PROXECTO DE LAURA

 

A industria téxtil é a segunda máis contaminante do planeta. “Feito por Laura” é o nome escollido por Laura para o seu proxecto e o seu obxectivo é facer que a xente sexa consciente da falla que fai que a industria téxtil mude cara o sostible. Entendemos por moda sostible aquela rama da industria da moda que ten en conta os custes económicos, sociais e medioambientais que supón a produción da moda. O movemento que iniciou a moda sostible foi o slow fashion que pretende conseguir unha redución da produción co fin de evitar a sobre explotación dos recursos naturais e humanos, por outro lado unha diminución do consumo, prolongando a vida útil das prendas. 

O Proxecto de Laura céntrase na realización de roupa feminina ecolóxica de alta calidade con tecidos de fibras naturais, suaves e hipoalerxénicas cuns prezos axeitados. Laura xa ten unha ampla experiencia no sector téxtil, co cal, viu a necesidade no mercado dunha roupa máis sostible, de máis calidade e cuns deseños innovadores. Os eixos principais de “Feito por Laura” son: 

-Emprego do algodón orgánico certificado GOTS de comercio xusto nos seus tecidos, fíos, etc... xa que non se traballa con outras fibras. 

- Unha liña de deseño actual, moderna, colorida e atrevida, debido a que moitas das empresas que abundan no mercado téxtil sostible non compren con estes requisitos, xa que falta deseño. 

-Todo o proceso produtivo é realizado a man en Galicia, o deseño, a patronaxe, o corte, a confección e os acabados. 

-Os materiais para a realización das prendas son comprados a pequenos comercios e tendas online de toda España. O provedor máis destacado de “Feito por Laura” é Nastasianash, unha pequena tenda de Valencia que vende tecidos online e con tenda física. 

-Para variar e renovar a imaxe da marca fanse coleccións que poden ser unisex ou inclusive que leven nais e pais a xogo cos seus fillos. 

O emprego do algodón orgánico certificado baixo o Estándar Téxtil Orgánico Global (GOTS) quere dicir que: 

- As sementes non foron modificadas xenéticamente (GMO). 

-Non se empregaron pesticidas nin outro químico que puidesen resultar tóxicos para a terra, persoas ou especies animais. 

-Os químicos en si empregados na cadea de subministro (xa sexan aditivos, lixivia, tintes, fixadores, estampados… ademais dos niveis de toxicidade destes químicos), necesitan cumprir cos estándares GOTS. 

Laura decidiu que o lugar máis axeitado para poñer en marcha este proxecto sostible é o baixo da súa casa, xa que ten moito significado para ela. Antigamente era un alpendre onde o seu bisavó e o seu avó gardaban os seus barcos de pesca, hoxe en día restaurado, un lugar axeitado, xa que gracias a internet, as ventas poden facerse de xeito online e así Laura non ten que abandonar o seu pobo natal. 

Presenta un conxunto dunha blusa e un peto multiposición. Os tecidos e fíos empregados son de algodón orgánico certificado GOTS mercados en Nastasianash. Blusa cun volante fruncido no colo, costadillo francés inclinado cara o centro dianteiro e centro da espalda onde están trasladadas a pinza de peito e talle no dianteiro e pinza de talle nas costas. Manga acampanada, goma elástica a 8cm do baixo da manga para axustar a manga ó brazo. Volante do colo, volante do costadillo francés e baixo da manga rematados con rulino ou cordoncillo. Os volantes do costadillo francés están colocados de tal xeito que coinciden como unha prolongación do peto da prenda inferior cando a persoa ten vestidas as dúas prendas. Peto longo mini, forrado, a parte superior do peto está forrada no seu interior co tecido da blusa para cando se baixa faga conxunto coa blusa, petos nos costados do dianteiro. Cinturilla recta con cruce para botón e ollal, tirantes con pespunte ó canto, cremalleira visible no costado de 25cm, baixo do peto rematado con puntada invisible.

Proxectos de Ciclo Superior: Irene López

O proxecto de Irene Gómez

Irene escolleu o seu propio nome para o seu proxecto “Irene Gómez” e xorde co fin de ofrecer un produto exclusivo e artesá. Produtos personalizados e adaptados tanto ao gusto como ao poder adquisitivo dos clientes. Prendas nas que a confección realizase unha a unha, coidando moito os acabados, sen estar suxeitas á produción industrial na que se elaboran miles de prendas iguais cuns estándares de calidade baixos. Busca ofrecer prendas atemporais que perduren no tempo, con calidade tanto na patronaxe coma na confección.

“Irene Gómez” permítelle ao cliente seguir o proceso produtivo, de xeito que pode ver como e quen elabora a súa prenda. Mantense unha relación moi estreita co cliente, enviándolle os mostrarios dos tecidos e imaxes do proceso de elaboración do produto para fortalecer a relación con el. Elabóranse coleccións que apostan pola sostibilidade, debido á súa produción de proximidade e deseño atemporal.

 

 

 

Vestido con costadillos que dan a sensación de ondas no escote dianteiro, e 6 godets no baixo (4 inseridos en cortes e 2 en costados laterais). Mangas abullonadas con goma elástica a diferentes alturas e costura francesa. A goma do ombreiro e a do pulso van escondidas nun dobradillo dobre. Cremalleira invisible no corte do centro do patrón na espalda. Peto na costura dos costados. Forro interior con vistas no escote.

Proxectos de Ciclo Superior: A Tientas Laboratorio Textil por Ana

O proxecto de Ana Bastero

Ana presenta A Tientas Laboratorio Textil (ALT), un espazo multidisciplinario para makers onde dáselle prioridade á formación e innovación na área téxtil, buscando, así mesmo, a interacción entre diferentes áreas de traballo tanto dentro deste espazo como en espazos amigos.

Innovación, Experimentación, Tecnoloxía, Téxtil, Moda, Deseño, Cooperación, Colectivo e Formación son palabras que poderían definir o proxecto de Ana. Proponse que o espazo ocupe e recupere parte do patrimonio industrial da cidade en desuso. Neste espazo faranse actividades coma coworking, prototipado para creadores (makers), cursos, talleres e eventos, entre outras. Formalmente estamos a falar dun FabLab especializado en téxtil onde o obxectivo é tanto formar coma aportar medios para que creadores (makers) poidan por en marcha os seus primeiros prototipos e pequenas producións. 

Presenta un vestido cóctel con liñas que resaltan e cínguense á silueta feminina, longo por baixo do xeonllo lixeiramente entubado. Cortes no dianteiro e nas costas que pronuncian dito efecto. Escote barco con pestana que se recolle xunto a uns pregues na parte posterior da manga 3/4. A manga e o ancho da pestana, que está entreteada, definiuno Ana cun traballo de moulage, partindo dun patrón base con manga xaponesa, pinzas transformadas e tecido a maiores na parte superior do escote e manga. A pestana comeza no escote e prolongase por toda a manga ata recollerse no puño. As pinzas do dianteiro, de peito e talle, están trasladadas ó corte de dianteiro. Este corte prolóngase cunha leve curva ata as costas pasando por debaixo da cadeira. As pinzas das costas están trasladadas en diagonal continuando a forma do escote espalda en dirección ó centro espalda, onde está a cremalleira.

 

 

Proxectos de Ciclo Superior: Misia por Paula

O PROXECTO DE PAULA

Paula foi a única alumna que presentou o seu proxecto no mes de xuño. Galega de nacemento pero residente dende hai anos en Canarias, por mor da Covid-19, tivo que presentar o seu proxecto de forma online empregando a plataforma de videoconferencias Webex.

      

O nome da súa empresa é MISIA, proven de Artemisia, unha reina guerreira da antigüidade que simboliza a fortaleza feminina.

A idea de negocio de Paula xorde como resposta a unha oportunidade detectada no mercado, actualmente saturado con prendas de baixo custe (segmento low cost) e que mostrou, nesta derradeira década, un crecemento continuado no segmento premium. Apareceu, neste tempo, o denominado “novo luxo”, que enmarca produtos artesás e/ou ecolóxicos, e xorde como resposta á forma da vida actual.

É un luxo que se caracteriza pola non ostentación, a autenticidade, a volta ós valores tradicionais tales como a artesanía e o interese pola ecoloxía. O concepto premium, ademais, xa non consiste en ter algo que custe moitos cartos, o que o cliente premium busca é a exclusividade. Ofrece colecciones cápsula, que non seguen o calendario estrito da moda e que ofrezan un número de pezas limitado.

Con esta estratexia ofrece calidade, sostibilidade e exclusividade.

No proxecto presenta un look de dúas pezas da colección do verán 2020, denominada “Maura”.

Crop Top forrado composto por dianteiro e costas, con escote cadrado, manga curta recta e forrada, canesú no dianteiro e costas, costadillos sen costura na liña do costado.

Saia co dianteiro fruncido e canesú en pico. Longo midi (75cm). Peto de vivos no traseiro dereito, abertura simple de 20cm no traseiro da saia e cerre con cremalleira invisible no centro traseiro.


 

Distribuir contido