O noso colexio atópase emprazado en Cartelle, localidade do concello do mesmo nome. O Concello de Cartelle está situado no occidente central da provincia de Ourense, pertence a comarca da baixa Arnoia.
Limita ao norte cos concellos de Castrelo de Miño e Toén; ao sur cos de Gomesende, Ramirás e Celanova; ao leste cos concellos de Barbadas, A Merca e Celanova e, ao oeste, co concello da Arnoia.
Esparéxese en lixeira pendente dende a cadea montañosa do norte, Coto de Novelle e Castro de Trelle, ata o val do río Arnoia no sur.
O seu relevo é accidentado cun predominio de elevacións varias aínda que ningunha acada máis de 1000 metros de altura.
Recibe as augas de varios ríos sendo a maioría afluentes do río Arnoia, río que fai fronteira neste concello polo sur.
É unha zona natural que ten unha extensión de 94 Km 2 , cunha altitude media de 400 metros sobre o nivel do mar.
Pola súa superficie, Cartelle, representa o posto número 28, en extensión, entre os 92 concellos da provincia, e con Verea son os concellos máis extensos da mancomunidade.
Respecto á poboación, con crecemento natural negativo, cada día está a perdela. Hoxe a pirámide poboacional está case invertida, representando así unha poboación avellentada. Asemade, na mancomunidade ocupa o segundo posto en número de poboación tras o concello de Celanova.
Consta de 12 parroquias e de innumerables localidades ou lugares, o que fai que a poboación estea dispersa por todas as terras do concello.