Skip to Content

Actividades 9ª Semana Corentena 2ºA 2019/20

ACTIVIDADES 9ª SEMANA DE CORENTENA 2ºA

11/5/2020

Ola de novo, rapazada! Sabedes que esta é a Semana das Letras Galegas? Todos os anos o 17 de maio (este ano cadra a domingo) homenaxéase a escritoras ou escritores galegos que foron importantes para a defensa da nosa lingua. Sabedes por que é o 17 de maio cando se celebra? Porque ese ano publicouse por primeira vez a obra "Cantares Gallegos" da nosa querida Rosalía de Castro! Lembrádesvos do importante que foi que ela escribira en galego para devolverlle a este idioma o seu uso na literatura?

E sabedes a quen vai adicado este ano o Día das Letras Galegas? Non? Pois esta é a tarefa que quero que fagades e recollades nun folio (ou nunha presentación de diapositivas dixital ou nun documento de texto...) Dame igual o formato, o importante é que busquedes e recollades a información:

1º) Averiguar a quen se lle adica o Día das Letras Galegas este ano.

2º) Averiguar onde naceu esta persoa.

3º) Ler o seu conto infantil "As pitas baixo a choiva" que o tedes aquí abaixo (se baixades coa barriña do lateral dereito, na esquina inferior dereita veredes un icono para poñer en pantalla completa o conto e así velo mellor).

4º) Facer un resumo do conto (4 ou 5 liñas) explicando a historia.

Como actividade extra, para quen queira traballo a maiores, hoxe vos propoño facer o papel de profes corrixindo os erros das seguintes oracións en galego. Poñede moito ollo, fixádevos na ortografía: maiúscula, punto, letras que no galego non se utilizan...)  e tamén no vocabulario: que palabras non se din así en galego. 

 

  12/5/2020

 Ola, nen@s! Hoxe vos propoño que repasedes un tema de Sociais que xa vimos abondo durante o curso (Lembrades cando nos manifestamos polo cambio climático? E cando lle cantamos aos nosos compis de Infantil a canción dos 3R?), mais que considero que é moi importante: o coidado da natureza.

Que tedes que facer?

1) Clicar na imaxe de abaixo para abrir o libro de Vicens Vives, xa vos vai abrir no tema. Podedes pasar as páxinas dándolle as frechas da esquerda e dereita.

2) Ler con atención o tema, sobre todo os parágrafos que teñen o título en laranxa e o texto en rosa e vermello, ata a páxina 42. Podedes facer algunhas das actividades se queredes. 

3) Facer un cartel en galego explicando medidas para coidar a natureza. No cartel a técnica pode ser a que queirades (podedes facelo no ordenador, a man en papel, en cartolina... Con rotus, con lapis e ceras, recortando letras de papel de xornal e revistas...) As condicións que deben cumplir os carteis son:

  • Ter un título, por exemplo: "Coidamos a natureza", "Como podemos coidar a Terra?" ou outro que se vos ocurra.
  • Explicar varias cousas que podemos facer para coidar o medio ambiente. 
  • Ter debuxos ou fotografías que axuden á comprensión do texto.

Colgarei os vosos traballos no blogue de aula!

Por certo, o máis importante deste tema non é saber as medidas para coidar a natureza, senón levalas á práctica. De nada vale dicir: Hai que aforrar enerxía e logo no día a día deixar as luces acendidas cando saímos da aula ou do noso cuarto!!

Como actividade extra de hoxe propóñovos que repasedes a norma de ortografía seguinte: "Antes de p e b se escribe m." Como a ides repasar? Moi sinxelo: Quero que fagades unha lista con todas as palabras en castelán que se vos ocorran que teñan mp ou mb: 30? 50? 100? A ver quen da clase consigue a lista de palabras máis longa! O venres vos direi quen conseguiu atopar máis palabras!

   13/5/2020

Bo día, rapazada! Como estades? Antes de nada, quero lembrarvos que non esquezades que os especialistas (Inglés, Música, Educación Física e Relixión) mandan tarefas tamén, mirade na páxina web do centro, aquí mesmo á dereita. A profe de Música púxovos un reto moi chulo esta semana! E botádelle tamén unha ollada ao blogue da nosa biblio! Tamén quero lembrarvos que non deixedes de utilizar o voso bote das emocións! 

Hoxe vouvos deixar unha tarefa de repaso de Mates ben sinxela. É sobre o euro e os céntimos. Xa este ano traballastes con el a través de problemas matemáticos e o ano pasado tamén o vimos. Que tedes que facer?

1) Ver o seguinte vídeo:

2) Facer esta ficha:

3) Xogar a estos xogos.(Se vos aparece un anuncio agardade ata que saia unha etiqueta abaixo á dereita que pon "Skip Ad", lle dades e xa vos quita o anuncio.)

Como actividade extra quero que me mandedes un vídeo ou un audio recitando un trabalinguas en galego! Se queredes podo montar un vídeo con todos os vosos trabalinguas e subilo á canle de Youtube do cole! Aquí vos deixo algúns lugares onde podedes atopar trabalinguas en galego:

https://issuu.com/margari123/docs/trabalinguas_galegos_45d150cf1096be

https://orellapendella.gal/category/trabalinguas/ 

 14/5/2020

Bo día! Como estades? Hoxe quero propoñervos unha tarefa de Plástica proposta polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega: facer unha nova portada ben bonita para o conto das Pitas baixo a choiva, de Carvalho Calero. O luns púxenvos o conto orixinal e o certo é que é un pouco complexo, sobre todo as dúas primeiras páxinas: está escrito nun galego máis antigo que tiña normas diferentes ao que falamos e escribimos hoxe en día e tamén no libro hai moitas palabras difíciles (ao final do libro hai un glosario, un pequeno dicionario do vocabulario do libro, aí podíades consultar.). 

Hoxe déixovos o conto en vídeo, veredes que aquí é máis sinxelo:

 

 Como actividade extra vos propoño facer estas actividades de repaso de cando se escribe R e RR, pois vexo que aínda lle custa a algúns e non está de máis repasalo.

 15/5/2020

 Bo día, nen@s! Hoxe xa é venres! Onte chegáronme unhas portadas chulísimas de As pitas baixo a choiva e fixen un Genially para expoñer os vosos traballos de Plástica deste trimestre de xeito máis cómodo: https://view.genial.ly/5ebaed9ec2ecf10d6a54b4ea/presentation-plastica-3o-trimestre-2oa-201920-salgado-torres 

Tamén me chegaron vídeos e audios recitando trabalinguas en galego! Seguide enviando tanto trabalinguas como portadas de As pitas baixo a choiva, que aínda estades a tempo!

Hoxe como sabedes temos a videochamada cos de 2ºB tamén e imos comentar, entre outras cousas, o capítulo 13 de Pippi Mediaslongas, como xa vos dixen onte polo HangOuts. Así que, vede o capítulo para poder comentalo xuntos! Aquí volo deixo: https://www.youtube.com/watch?v=TNGtNmTRBw0

Que tarefa vos propoño hoxe? Ir botándolle unha ollada á táboa de multiplicar do 4 e seguir repasando a do 2 e o 3!

Déixovos esta canción que penso que vos vai axudar moito a ir aprendéndoa porque podedes asociar unha rima ao resultado:

 

Como actividade extra vos propoño facer este ditado que xa é de un nivel máis que os que vos mandei estes días mais que veredes que é moi sinxelo:

 



blog | by Dr. Radut