Skip to Content

Actividades 7ª Semana Corentena 2ºA 2019/20

ACTIVIDADES DA 7ª SEMANA DA CORENTENA PARA 2ºA 

 27/4/2020

Ola, chic@s! Hoxe imos repasar o tema de Sociais da paisaxe con este libro. É importante que saibades que neste libro explican un pouco diferente a paisaxe a como nós a vimos na clase: Nós estudamos a paisaxe de costa e a de interior, mais aquí, dentro da paisaxe de interior diferencian dous tipos: a paisaxe de montaña e de chaira (nós vimos a chaira como un elemento da paisaxe de interior). Non vos preocupedes, o importante deste tema é ir coñecendo o vocabulario da paisaxe e recoñecer o que é unha montaña, unha serra, unha cordilleira, un val, unha chaira, un río, un cabo, un golfo, un cantil, unha illa, un arquipélago... E distinguir o que son elementos naturais dos artificiais ou humanizados.

Que tedes que facer? 

1º Clicar na imaxe de abaixo para abrir o libro de Vicens Vives, xa vos vai abrir no tema da paisaxe. Podedes pasar as páxinas do libro dándolle ás frechas da esquerda e da dereita.

2º Ler con atención, sobre todo, os parágrafos que teñen o título en laranxa e o texto en rosa e vermello. Só quero que leades o tema ata a páxina 9.

 3º Facer, con axuda, un documento de texto no ordenador con imaxes de diferentes elementos naturais da paisaxe de interior (montaña, serra, cordilleira, val, chaira, río, etc)  e outro cos elementos da paisaxe de costa (praia, cabo, golfo, cantil, península, illa, arquipélago, etc). É importante que poñades o nome dos elementos en galego xunto ás imaxes. Se non podedes facelo no ordenador ou non queredes, podedes facelo en papel, debuxando os elementos e nomeándoos. Ademais, podedes facer algunhas actividades das páxinas 5, 7 e 9 se queredes.

A actividade extra de hoxe é un ditado para practicar o R inicial das palabras, que soa forte.

28/4/2020

Ola, chic@s! Hoxe imos repasar o tema de Natus dos animais vertebrados (os que teñen esqueleto interno). Este tema o vistes moi ben na clase (cada un fixo un lapbook dun vertebrado que lle gustaba) e sabedes que se clasifican en peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Pois ben, que vos propoño?

1º) Ver os dous vídeos que vos deixo aquí e escoitar e ler con atención.

2º) Responder por escrito ás preguntas sobre os vídeos.

Vídeo 1:

 

  • Segundo as imaxes do vídeo, que animais se achegaron aos lugares onde viven os seres humanos? Fai unha lista deles agrupándoos en diferentes columnas segundo sexan: mamíferos, aves, réptiles, anfibios ou peixes.

  • Estes animais son domésticos ou salvaxes?

  • Por que cres que se achegaron os animais?

Vídeo 2

  • Despois de ver o vídeo, por que cres que o confinamento para evitar contaxios axudou a reducir a contaminación no planeta? Explica e pon exemplos.

 A actividade extra de hoxe é a seguinte: 

Escribe en galego 10 palabras en masculino singular, 10 en masculino plural, 10 en feminino singular e 10 en feminino plural. Lembra que as palabras en masculino son aquelas que poden levar o diante: “o neno”, “o lapis”, “o can”. As palabras en feminino son aquelas que poden levar a diante: “a nena”, “a mesa”, “a cadela”. Lembra que as palabras en singular designan un só ser ou obxecto: “o can”, “a cadela”. As palabras en plural designan varios: “os cans”, “as cadelas”.

 29/4/2020

Ola, chic@s! A tarefa de hoxe é repasar a táboa de multiplicar do 2 e comezar a ver a táboa do 3. Déixovos aquí unha canción para repasar a táboa do 3 e unhas actividades para practicar a multiplicación, os que fixestes a táboa de multiplicar que vos ensinei o venres podedes axudarvos dela para resolver as actividades:

 

A actividade extra de hoxe, que me gustaría que a fixerades tod@s os que puideses, é sobre un tema que traballamos moito en Valores, mais tamén me consta que en Relixión: As emocións. En Valores traballamos emocións moi básicas como a alegría, a tristeza, o medo, o enfado ou mesmo noxo. Vistedes a película Inside Out (Del Revés)? Nela se ven moi ben estas emocións.

Que actividade vos propoño?

Coller un bote baleiro: será o noso “bote das emocións”, podemos poñerlle unha etiqueta bonita por fóra que poña “As miñas emocións” ou "Bote das emocións", se non tedes un bote podedes usar unha caixa ou unha bolsa. O bonito sería que sexa un recipiente transparente para que se vexan dende fóra as emocións que hai nel, coa súa cor.

Unha vez temos o bote, iremos día a día enchéndoo coas nosas emocións. Como?

Explicaremos por escrito en papeliños situacións que nos fixeron sentir diferentes emocións durante a corentena e dobrarémolos para metelos no bote. Se sabedes a data de cando vos pasou esa situación, podedes poñela. Os papeliños hai que pintalos por fóra coa cor da emoción:

Un exemplo: amarelo = alegría, azul = tristezamorado = medo, vermello = enfado, verde=noxo.  

Se tedes outro código, por exemplo: pintar de negro o “medo” tamén vale. O importante é que saibades o código de cor das vosas emocións.

Aquí tedes uns exemplos de como escribir as situacións:

  • 14/3/2020: Hoxe sentín medo cando me enterei de que por culpa do virus non podemos ir ao colexio.
  • 16/3/2020: Hoxe pola mañá sentínme feliz porque fixen un biscoito con mamá, papá e a miña irmá.
  • 16/3/2020: Pola tarde sentín un pouco de noxo porque o meu gato vomitou unha bola de pelos enorme.
  • 19/3/2020: Hoxe sentinme triste porque foi o meu cumple e non o puiden celebrar c@s meus amig@s.
  • 19/3/2020: Despois pasóuseme a tristeza e sentinme alegre porque fixemos unha videochamada coa miña avoa e gustoume moito vela.
  • 12/4/2020: Hoxe sentínme enfadado porque o meu irmán perdeume o meu libro favorito. 

 

 Encantaríame ver as fotos dos vosos botes cheos de emocións co paso do tempo! Non é unha cousa para facer un día, senón todos os días. Cada vez que sentimos unha emoción e sabemos explicar que nos fixo sentila, temos que escribila e metela no noso bote! Poderíamos ensinarlle os nosos botes aos compis de 2ºB nunha videoconferencia, e, dentro dun tempo, cando pase esta situación de confinamento, gustaravos abrir o voso bote e ler os papeliños das vosas emocións. 

  30/4/2020 

Bo día! Hoxe é o último día desta semana que vos poño tarefas por aquí (en Snappet activarei actividades para estos días), pois mañá é festivo polo Día do Traballador. O luns tampouco vos poñerei nada porque é un festivo que colleu o cole, mais sabede que estou sempre dispoñible polo HangOuts ou por correo se precisades consultarme calquera cousa. Gustaríame que nestes días practiquedes a multiplicación, as táboas do 2 e do 3.

A tarefa de Plástica que vos mando hoxe é moi sinxela e divertida: son uns pés que camiñan sós! Se facedes dous, podedes botar carreiras con un membro da vosa familia. Só precisaredes unhas palliñas e uns paliños de madeira, un pouco de cartolina, lapis, un rolo de cinta americana ou de embalar, tesoiras e algo de cinta adhesiva.

No vídeo vos explican ben como se fai:

Como actividade extra, déixovos unhas actividades de Mates para practicar a comprensión e resolución de problemas matemáticos e outra para practicar a multiplicación.

 



blog | by Dr. Radut