Skip to Content

Curso 2016-17

FINALISTAS PANGEA

Lembrades o concurso matemático Pangea, no que participou o alumnado de 5º e 6º de EP? (Enlace á noticia publicada na web por alumnado de 5º). Pois dous deses alumnos resultaron finalistas e representaron ao noso centro na Ronda Final do concurso que tivo lugar en Vigo o pasado 6 de maio. Alí xuntáronse con todos os finalistas de Galicia.

Esta Ronda Final tamén se celebrou noutras cidades de España polo que agora quedamos á espera dos resultados, pero o feito de pasar a primeira fase de concurso foi un logro moi grande e motivo suficiente para felicitalos. E así o fixemos o venres 12 de maio, xuntándonos todo o profesorado e alumnado no ximnasio.

PARABÉNS, Alejandra (6ºB) e Marcos (5ºA)!

(Premer na imaxe para vela a tamaño orixinal)

VISITA DE EDUARDO HERMIDA

O xoves 27 de abril,  os nenos e nenas de 3º de EP tivemos a sorte de poder recibir na nosa biblioteca ao artista ferrolán Eduardo Hermida, autor das pinturas murais que enchen de cor o barrio de Canido.

Empezou a súa charla léndonos Punver, un libro moi divertido sobre un vermiño punky, escrito por Yolanda Castaño e que el  mesmo ilustrou.

Despois falounos de “As Meninas de Canido”, dixo que sempre sentiu admiración por este cadro de Velázquez e tivo a idea de pintar meninas nas paredes en Canido para dar cor e este barrio que el consideraba que estaba escuro e abandonado.

A súa iniciativa contaxiou a moitos artistas, algúns deles de países estranxeiros, que  ano tras ano veñen a este barrio, aportando a súa creatividade e pintando  meninas moi orixinais.

Felicitamos a Eduardo por ser o artífice desta obra de arte que sabemos que se coñece xa máis alá das nosas fronteiras.

Antes de marchar, fíxonos debuxos de Punver e dunha menina que despois nós coloreamos. Tamén nos invitou a visitar o seu estudo .

 

Moitas grazas, Eduardo !!!!!.

CHARLA DA AECC

O pasado martes 25 de abril visitounos no colexio unha representante da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Deunos, ao alumnado de 3º e 4º de EP, unha charla moi interesante. Aconsellounos hábitos de vida saudables e sobre todo deunos pautas para que a nosa alimentación resulte o máis sa posible e así previr esta enfermidade, que segundo nos explicou, empeza cun desenvolvemento anormal das células do noso corpo e que pode, se non se detecta a tempo, chegar a destruírnos órganos.

VISITAS AO MUSEO DA SGHN

Ao longo deste trimestre o alumnado de varios cursos de EP visitaron o Museo de Historia Natural da SGHN. 

Premer na seguinte imaxe para acceder ás fotos publicadas na galería.

O RELEVO DE ESPAÑA - 5º EP

Durante o 1º trimestre o alumnado de 5ºEP estivo estudando o relevo de España. E durante as vacacións de Nadal moitos destes nenos e nenas elaboraron unhas maquetas que agora se expoñen na entrada principal do cole.

Premendo na seguinte imaxe pódense ver as fotos.

 

CORRE PAYASA CORRE

Os nenos e nenas de 3º e 4º de EP tivemos a sorte de coñecer a Payasa, unha das personaxes principais da obra de marionetas que tivemos ocasión de ver o pasado venres, 25 de novembro, no Centro Cultural Torrente Ballester.

Payasa percorre a cidade en busca de axuda para evitar que o "triturador" acabe devorando os peluches e xoguetes que, xunto con ela, foron abandonados no lixo.

Dous magníficos actores que daban vida a unhas marionetas e obxectos moi vistosos e divertidos, conseguiron que a obra nos encantase. Que ben o pasamos e canto lles aplaudimos cando remataron!

Ademais, ao final da obra, os actores déronnos a oportunidade de facerlles preguntas... e tiveron que contestar unhas cantas! Foron moi agradables e contáronnos cousas moi interesantes da representación. Estes actores pertencen a unha compañía vasca chamada Panta Rhei.

Visita do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º aos Museos Científicos de Coruña

O mércores 9 de novembro o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º visitamos os Museos Científicos de Coruña. Fomos en 4 autobuses e quereríamos estar xuntos, gozando das mesmas actividades e ao mesmo tempo, mais como eramos moitos distribuíronnos nas visitas, mentres os de 5º e 6º foron á casa das Ciencias, os de 3º e 4º visitamos a Domus. e cando os de 5º e 6º foron á Domus, os de 3º e 4º fomos á Casa das Ciencias, hahaha!

Na Casa das Ciencias o que primeiro fixemos foi asistir a unha sesión do Planetario, por suposto falamos da superlúa; despois divertímonos con todas as actividades que alí hai e que son moitas. E como non podería ser doutro xeito, non fallou botar unha ollada aos pitiños (por certo, un deles non saiu moi ben do ovo, teremos que chamar para preguntar que tal está).

Xantamos na Domus, teñen un espazo moi grande, con moitas mesas e cunha galería na que se pode ver moi ben o mar, ademais teñen unhas máquinas onde puidemos comprar lambetadas.

Na Domus vimos unha película en 3D, encantounos!!!! Logo percorremos a Casa e comprobamos as nosas medidas, a nosa capacidade  de concentración, a nosa forza, etc.

Alá polas 16.30 subimos de novo aos buses para voltar a Ferrol.

Como sempre que imos de excursión, gozamos moito, e se queredes ver algunhas fotos, premede nas imaxes de abaixo, a primeira levaraos ás fotos de 5º e 6º e a segunda ás de 3º e 4º (lembrade que na galería tamén tedes todas as fotos)

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut