Skip to Content

Curso 2013-14

VISITA DE 1º EP AO CEIP DE ESTEIRO

No mes de xuño de 2014 o alumnado de 1º de EP visitou o museo de xogos populares do colexio de Esteiro. A continuación asistiron a unha representación teatral no xeriátrico "Abrente" situado na Avda. de Esteiro.

RANILDA

O alumnado de 4º de EP xunto coas súas titoras e dúas profesoras máis do centro elaboraron unha curta en lingua galega coa técnica de "stop motion", con personaxes elaborados con plastilina e carozos de millo.

A protagonista da curta é Ranilda, unha ra que todos os días se mira na auga da súa charca e como non lle gusta o seu aspecto, sempre está triste. 

O seu amigo o sapoconcho decide gastarlle unha broma e convéncea de que en realidade é un príncipe encantado e só recuperará a súa forma humana se unha muller a bica.

Ranilda marcha en busca dese bico....

 

Para ver a curta premer na seguinte imaxe:

 Trátase dun proxecto de innovación educativa, enmarcado no Plan Proxecta dentro do programa “Nós tamén creamos”, que cumpre, ademais, os obxectivos do Proxecto de Convivencia que estivo a desenvolverse ao longo deste curso no Centro.

Imaxe do equipo ao completo, tomada o día da presentación da curta a todo alumnado e profesorado do centro. Facer clic nela para ver as fotos de todo o proceso de elaboración da curta.

 

Vídeo publicado na páxina infantil da CRTVG.

CHARLA SOBRE O SÁHARA

Imaxes da charla sobre os refuxiados de Tinduf, dirixida ao alumnado do 2º e 3º ciclo, que tivo lugar o venres 6 de xuño.

XOGOS CON BUXAINA

Durante o recreo do venres 30 de maio o alumnado de EP asistiu á exhibición  por parte dun representante de "Trompos Cometa" (http://www.peonzacometa.es/), de diferentes trucos que se poden facer coa buxaina.

EXCURSIÓN EN TREN A BETANZOS

O martes 3 de xuño, o alumnado do 2º ciclo fomos de excursión a Betanzos en tren. Pasámolo moi ben pois a maioría de nós nunca subira a un, gustounos máis ca o autobús.

Alí visitamos o Pasatempo, onde hai reproducións das distintas civilizacións: romana, exipcia, sudamericana. No estanque da romana había moitos cágados pequerrechiños e nós tivemos moito coidado para non pisalos!

Pódense ver as fotos

desta viaxe

premendo

na imaxe da dereita.

EXCURSIÓN FIN DE ETAPA A ALVARELLA

 O alumnado de 6º realizou a viaxe de fin de etapa a Alvarella durantes os días 20, 21 e 22 de maio. Foron tres intensos días nos que, se ben o tempo atmosférico podería ser mellor, o difícilmente mellorable foi o excelente "clima" de convivencia que quedará para sempre na memoria destes rapaces e rapazas que rematan unha etapa escolar.

Serviron estes días para coñecerse mellor entre eles: souberon que teñen algúns compañeiros algo desordenados, que a outros lles custa levantarse pola mañá, que hainos moi amigos de gastar bromas, os que teñen medo aos "monstros" do baño... Tamén coñeceron ás súas "profes" nun contexto diferente e ... encantoulles telas como compañeiras de viaxe!

Foron moitas as actividades realizadas: sendeirismo, obradoiros, baño na piscina e a ruta en piragua. Todas elas estupendas pero, sen lugar a dúbidas, o mellor de todo: AS DIVERTIDAS NOITES NAS HABITACIÓNS!!

Moita sorte a todo o alumnado de 6º nesa nova etapa educativa que iniciarán o próximo curso.

VISITA DO ESCRITOR ANTONIO MANUEL FRAGA

O venres 16 de maio contamos coa visita do escritor ANTONIO MANUEL FRAGA ALLEGUE. É o autor do libro O CASTAÑEIRO DE ABRIL co que gañou o PREMIO MERLÍN no ano 2013 e que leron os nenos e nenas de 4º e 6º de EP.

Trátase da historia de BALTASAR, un neno cego e orfo que vive nun barrio coas súas tías Olegaria e Berenguela, nada simpáticas e mesmo algo malvadas. O neno quere conseguir cartos para reunirse co seu pai vendendo soldadiños e bailarinas de madeira, sempre acompañado de BARRIGA BRANCA, o seu can. Pero a súa vida volverase aventureira cando coñeza ao CASTAÑEIRO DE ABRIL.

Teatro con G no Jofre

O alumnado de 1º asistiu á representación do espectáculo teatral Acuario no teatro Jofre. A obra está basada nun libro de poemas de María Canosa do mesmo título. O seu obxectivo é que a xente miuda se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica  do noso litoral. Todo isto faise dun xeito ameno grazas á presenza de vistosos monicreques, simpáticos actores envoltos nunha música e escenografía sinxelas e atractivas.

Premer aquí para aceder á galería de fotos.

VIAXE A CORUÑA - 2º CICLO EP

Os nenos e nenas do 2º ciclo viaxamos a Coruña para asistir a unha charla de Isdin sobre protección solar.

A continuación realizamos unha visita guiada pola Torre de Hércules. As guías da visita contáronnos a historia do faro así como a lenda de Hércules e Xerión. Tamén nos falaron de Ith, o fillo de Breogán, que tan boa vista tiña que foi quen de divisar Irlanda desde a Torre de Hércules. Pero parece que non foi o único pois entre nós tamén houbo quen asegurou vela, iso si, moi ao lonxe.

O que tamén estivo moi ben foi a comida campestre e xogar na ampla zona verde que hai ao pé da Torre de Hércules.

CORRELINGUA 2014

"Galego, o paso adiante" foi o lema do CORRELINGUA 2014. 

O percorrido pola nosa cidade tivo lugar o xoves 8 de maio e nel participou o alumnado do 2º ciclo do noso centro. Iniciouse pola rúa Galiano cara á Praza de Armas onde tivo lugar a lectura do Manifesto. A continuación participaron en xogos populares a cargo de alumnado do IES Rodolfo Ucha.


Finalizou a carreira pola lingua cun acto musical e teatral no Jofre titulado "Tic Tac" con Pablo Díaz.

Distribuir contido


by Dr. Radut