Skip to Content

Estatutos da Asociación




 

ESTATUTOS DA
ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS DO C.E.I.P. “O RUXIDOIRO” – BARBADÁS.

 

 

CAPÍTULO  I

 

 

DENOMINACIÓN,
FINS, DOMICILIO, ÁMBITO:

 

 

 

Artigo 1º. Coa denominación Asociación de Nais e Pais de Alumnos
do C.E.I.P. da Valenzá (O Ruxidoiro -As Lamas), procédese a adaptar os  Estatutos desta Asociación, ao amparo da
Lei Orgánica do Dereito á Educación 8/1985 e da Lei Orgánica 1/2002 de 22 de
Marzo e demais leis e disposicións complementarias, con capacidade xurídica e
plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

 

Artigo 2º. Esta Asociación constitúese por tempo indefinido.

 

Artigo 3º. Terá como fins os seguintes:

 

a)  Asistir os pais
e titores en todo aquilo que concirne á educación dos seus fillos e pupilos.

 

b) Colaborar nas actividades educativas e extra-escolares
do Centro.

 

c) Promover a participación dos pais do alumnado na
xestión do Centro.

 

d) Asistir aos pais do alumnado no exercicio do seu
dereito a intervir no control e xestión do Centro.

 

e) Facilitar a representación dos pais do alumnado no
Consello Escolar do Centro.

 

f) Estimular a participación dos pais do alumnado na
programación xeral do ensino a través do órgano colexiado correspondente.

 

g) Fomentar as relacións de cooperación do Centro con
outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do contorno,
especialmente coa ANPA do CEIP Filomena Dato

 

h) Animar á integración educativa e propagar a efectiva
igualdade de dereitos de todo o alumando sen discriminación por razóns
socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza, sexo...

 

i) Favorecer o desenvolvemento da nosa lingua e cultura
no ámbito educativo, tendendo á súa plena normalización.

 

 

j) Requirir dos poderes públicos o cumprimento das leis,
regulamentos e planos de actuación relativos á educación, reclamando a atención
e axudas que esta merece.

 

k) Promover actividades formativas, culturais e de estudo.

 

l) Promover reunións de colaboración de pais con
profesores e as boas relacións entre ambos os dous.

 

m) E todos aqueles non recollidos nos estatutos e que
sexan conformes á lei.

 

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins realizaranse, loxicamente,
actividades formativas, culturais e de estudo, reunións con todos os  sectores da comunidade educativa e todas
aquelas outras tendentes a cumprir os fins sinalados que sexan conformes á lei
e decididas polos órganos competentes.

 

Artigo 5. A). Para a realización das actividades que lle son
propias, a Asociación utilizará locais do Centro. Para ese efecto, a dirección facilitará
a integración de ditas actividades na vida escolar tendo en conta o normal desenvolvemento
desta.

 

B). Para efectos da utilización dos locais do Centro a
que se refire o apartado anterior, será necesaria a previa comunicación da
Xunta Directiva da Asociación á Dirección do Centro.

 

Artigo 6. Para o mellor cumprimento dos fins, esta Asociación
intégrase na Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Ourense e,
conxuntamente con outras ANPAS, na Confederación Galega de ANPAS de Centros
Públicos (CONFAPA-GALICIA) e a nivel estatal na Confederación Española de ANPAS
(CEAPA).

 

Artigo 7. O ámbito da Asociación é local e fixa o seu domicilio
no CEIP DA VALENZÁ, no lugar do Ruxidoiro, nº 10 –As Lamas- 32920 BARBADÁS
(OURENSE)

 

CAPÍTULO II

 

ÓRGANO DE
REPRESENTACIÓN

 

 

Artigo 8. A Asociación estará representada e administrada por
unha Xunta Directiva formada por:

 

Presidenta,Mónica Fernández Valencia

 Vicepresidente,Xosé
Manoel Alonso Noceda

Secretaria, .Karina Caeiro Parracía

Administradora-Tesoureira, Eva Fernández Sánchez

 

 

Vogais:

o      

Manuel Anxo
Méndez Cid

o      

Eloy Blanco Rivero

o      

Mª Jesús
Heleno Iglesias  

o      

Patricia
Antunes González

o      

Reyes
Rodríguez Dopazo

o      

Margarita
Pérez Fernández

o      

Lucas
Guillermo Torres

 

 

Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán
gratuítos. Estes serán designados e revogados pola Asemblea Xeral Ordinaria ou
Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de dous anos, renovándose a
partir do segundo ano, cada ano a metade dos membros.

 

Artigo 9. Os membros da Xunta Directiva que tivesen esgotado o
prazo para o que foran elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o
momento no que se produza a aceptación dos que os han de substituír.

 

Artigo 10. A elección de membros da Xunta Directiva pola
correspondente asemblea, será polo procedemento de listas abertas.

 

Artigo 11. A Xunta Directiva elixirá de entre os seus membros os
cargos correspondentes.

 

Artigo 12. As vacantes que se puidesen producir por renuncia
voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, ou por incumprimento das
obrigas inherentes ao cargo, poderán cubrirse provisoriamente por membros que
designe a Xunta Directiva ata que se celebre a primeira reunión da Asemblea
Xeral.

 

Artigo 13. A Xunta Directiva reunirase todos os meses do curso
escolar e, ademais, sempre que sexa convocada polo seu Presidente. Tamén deberá
reunirse, a petición dun terzo da totalidade dos seus compoñentes. Quedará
validamente constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e, para
que os seus acordos sexan válidos, deberán ser tomados pola maioría dos votos
correspondentes aos presentes. En caso de empate, o voto do presidente será de
calidade para deixar sen efecto o empate.

 

Artigo 14. As facultades da Xunta Directiva  estenderanse, con carácter xeral, a todos os
actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requira segundo
estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

 

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

 

a) Dirixir as actividades da Asociación e levar a xestión
económica e administrativa, acordando realizar os oportunos actos e contratos.

 

d) Executar os acordos da Asemblea Xeral.

 

c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os
balances, contas e programa anual de actividades.

 

d) Resolver sobre a admisión de socios, se fose
necesario.

 

e) Nomear delegados para algunha determinada actividade
da Asociación.

 

f) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva
competencia da Asemblea e sexa conforme segundo a lei.

 

Artigo 15. A Presidenta terá as seguintes atribucións: Representar
legalmente á Asociación ante toda clase de Organismos Públicos ou privados;
Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta
Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e  doutra; ordenar pagos e asinar xunto coa
Administradora -Tesoureira os libramentos, cheques, etc.; recibir en nome da
Asociación calquera cantidade procedente de subvencións de Entidades Públicas
e/ou privadas; autorizar coa súa sinatura os documentos, actos e
correspondencia da Asociación; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha
da Asociación aconselle, ou no desenvolvemento das súas actividades resulte
necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á  Xunta Directiva; asumirá tamén, en todo caso,
todas as facultades que a Lei establece.

 

Artigo 16. O Vicepresidente será o encargado de substituír ao
Presidente en ausencia deste, motivada por enfermidade ou calquera outra causa,
e terá as mesmas atribucións que este. O Presidente poderá delegar neste as súas
competencias para a atención ou xestión de determinados asuntos ou un conxunto destes,
previa conformidade da Xunta Directiva.

 

Artigo 17. A Secretaria terá a seu cargo a Dirección dos traballos
meramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os
Libros da Asociación legalmente establecidos e o ficheiro de Asociados e
custodiará a documentación da Entidade, facendo que se cursen as comunicacións
sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles
nos correspondentes rexistros, así como a presentación das contas anuais e do
programa de actividades e o cumprimento das obrigas documentais, nos termos que
legalmente correspondan; ademais, velará pola conservación dos locais sociais e
gardará o selo da Asociación.

 

Artigo 18. A Administradora -Tesoureira estará encargado de
recadar e conservar os fondos e bens da Asociación. Levará o Libro de Caixa e
asinará os libramentos de fondos xunto co/coa Presidente; elaborará o proxecto
de orzamento que a Xunta Directiva debe presentar ante a Asemblea Xeral e
preparará as contas que deban someterse á dita Asemblea.

 

Artigo 19. Os/As Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como
membros da Xunta Directiva e poderán recibir por acordo desta a encomenda de
presidir ou coordinar grupos de traballo así como a execución de encargos,
comisións, representacións e outras tarefas que pola Xunta Directiva lle fosen
demandadas.

 

Artigo 20. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato
de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisoriamente entre
ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

 

 

 

 

 

CAPÍTULO III

 

Artigo 21. A Asemblea Xeral é o órgano supremo e soberano da
Asociación e estará integrada por todos os socios.

 

Artigo 22. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e
extraordinarias. A ordinaria celebrarase obrigatoriamente unha vez ao ano,
dentro dos catro meses seguintes ao comezo do exercicio e nela proporase a
aprobación das contas, orzamentos e programa xeral da actuación social. Tamén
nela se procederá á elección de membros da Xunta Directiva cando corresponda
por imperativo estatutario. As extraordinarias celebraranse cando as
circunstancias o aconsellen, a xuízo do Presidente, cando a Xunta Directiva o
acorde ou cando o pida ou solicite formalmente por escrito un terzo dos
asociados.

 

Artigo 23. As convocatorias das Asembleas Xerais  realizaranse por escrito expresando o lugar,
día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos
asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da
asemblea, en primeira convocatoria, haberán de mediar cando menos 7 días, podendo
así mesmo facerse constar a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda
convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a media
hora.

 

Artigo 24. As asembleas xerais, tanto ordinarias como
extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria
cando concorran a ela a maioría dos asociados e en segunda convocatoria, calquera
que sexa o número de asociados presentes.

 

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas
presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos,
non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

 

Artigo 5. Será necesario o voto favorable dos dous terzos dos
asociados presentes na asemblea para adoptar as seguintes decisións:

 

a) Nomeamento das Xuntas Directivas.

 

b) Disposición e Alleamento de Bens.

 

c) Solicitude de Declaración de utilidade Pública da
Asociación.

 

d) Integración en Federacións.

 

e) Modificación Estatutaria.

 

f) Disolución da Asociación.

 

 

CAPÍTULO  IV

 

SOCIOS

 

Artigo 26. Poderán ser membros da Asociación todos os pais ou
titores maiores de idade, dos alumnos que cursan estudios no CEIP A Valenzá - O
Ruxidoiro de Barbadás.

 

Artigo 27. Serán dereitos dos asociados:

 

a) Elixir, ser elixible para todas as funcións
representativas da Asociación.

 

b) Ter voz e voto nas reunións da Asociación.

 

c) Tomar parte en todas as actividades da Asociación e
utilizar os servizos que poidan establecerse en beneficio dos socios.

 

d) Dirixir peticións e propor iniciativas aos Órganos de
Goberno da Asociación.

 

e) Reclamar e recibir da Xunta Directiva canta
información precisaren sobre a xestión asociativa.

 

f) Asistir a todas as reunións e actos convocados pola
Xunta Directiva.

 

g) Colaborar activamente no cumprimento dos fins da
Asociación e na execución e eficacia dos mesmos.

 

Artigo 28. Serán deberes dos socios:

 

a) Observar e cumprir os estatutos da Asociación e os
acordos da Asemblea.

 

b) Contribuír economicamente ao sustento da asociación na
forma e modo que se estableza na Asemblea Xeral.

 

Artigo 29. Causarase baixa na Asociación:

 

a) Por petición do interesado.

 

b) Por baixa dos fillos matriculados no Centro.

 

c) Por impagamento  das taxas, mediante un apercibimento previo da
Xunta Directiva.

 

d) Por incumprimento dos Estatutos.

 

e) Por utilización da Asociación con fins alleos aos
específicos da mesma.

 

Para excluír a calquera socio polas causas do apartado d)
e e) do anterior artigo, deberá abrirse un expediente pola Xunta Directiva no
que se sinalarán polo miúdo os feitos que orixinan a expulsión. Así mesmo se deberá
escoitar o propio expedientado que poderá presentar un prego de descargo
alegando o que considere conveniente na súa defensa e que se unirá ao
expediente que estudará a Xunta Directiva e proporá a decisión que considere
oportuna. Se optase pola expulsión, presentaraa na próxima Asemblea Xeral que,
despois de escoitar á Xunta Directiva e ao Socio se o solicitar, tomará unha
decisión que será inapelable.

 

Artigo 30. A Xunta directiva, pais, nais e titores asociados non
poderán utilizar a ANPA para fins de carácter partidista nin en beneficio
propio.

 

Artigo 31. Os recursos económicos para o desenvolvemento dos fins
e actividades da Asociación serán os seguintes:

 

a) As cotas dos socios periódicas ou extraordinarias que
serán determinadas pola Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.

 

b) As subvencións, legados, herdanzas ou doazóns que puidese
recibir de forma legal e que sexan aceptados, tanto proveñan de persoas físicas
como xurídicas.

 

c) Calquera outro recurso de procedencia lícita.

 

Artigo 32. A Asociación carece de patrimonio fundacional. O
patrimonio social que se vaia constituíndo estará composto por todos os bens
que se adquiran para a realización dos fins sociais. A súa administración
corresponde á Xunta Directiva.

 

Artigo 33. O exercicio asociativo e económico coincidirá co inicio
e finalización do curso escolar que fixe a Administración Educativa para cada
ano académico.

 

CAPÍTULO V

 

                                                 DISOLUCIÓN

 

Artigo 34. Esta Asociación disolverase voluntariamente cando así o
acorde a Asemblea Xeral convocada para o efecto e por acordo dunha maioría de dous
terzos dos asociados.

 

Artigo 35. En caso de disolución nomearase unha comisión
liquidadora, a cal, unha vez extinguidas as débedas e de existir sobrante
líquido, destinarase a aquelas entidades sen fin de lucro dedicadas á
realización de fins educativos cun espírito similar ao que anima esta
asociación e que se sinalará na Asemblea Xeral na que se acorde a liquidación.

 

DISPOSIÓN
ADICIONAL

 

En todo o que non estea previsto nos presentes
estatutos  aplicarase a vixente lei
orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, así como a
lei Orgánica 8/1985 reguladora do Dereito á Educación de 3 de Xullo de 1985 e
demais disposicións específicas de aplicación procedentes da Comunidade
Autónoma de Galicia ou do Dereito Estatal Supletorio, en ausencia do
autonómico, segundo dispón a Constitución Española.

 

 

                                                xxxxxxxxxxxxxxxxx

 

 

 

 

As Lamas - Barbadás, 19
de outubro de 2007.

 

 

 

 

 

 

 

                                                                                               

                                                                            



page | by Dr. Radut