Curso 22_23

UN MAGOSTO CON PRESENTACIÓN ESTELAR NO CEIP LÓPEZ FERREIRO

O día 11 de novembro, no que se honra a San Martiño, celébranse magostos en centos de lugares de Galicia.

E no CEIP López Ferreiro tamén se quixo recordar a festa por excelencia das castañas: as nenas e os nenos trouxeron unha presa de castañas que se asaron en Fornos por motivos de seguridade.

A partir das 12,30 h, a festa desenvolveuse no parque Xixón, onde ademais de comer as castañas asadas, tamén houbo tempo para a práctica de xogos tradicionais, e sobre todo para a presentación da Agrupación folclórica do López Ferreiro.

PREVINDO O ACOSO ESCOLAR E A VIOLENCIA DE XÉNERO

Un curso máis o CEIP López Ferreiro participou do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e os seus arredores, desenvolvido pola Policía nacional,

Nesta ocasión, a formación e información preventiva xirou en torno ao acoso escolar e a violencia de xénero. Partindo de situacións que simulaban a realidade, a rapazada dialogou para tomar conciencia da necesidade de poñerse no lugar da outra persoa…

Quizais sexa este o camiño para evitar males maiores.

COMEZOU A FAENA NO NOSO HORTO ESCOLAR.

Despois dunha boa semana de chuvias, algunhas familias voluntarias do CEIP López Ferreiro, así como as súas nenas e os nenos, achegáronse co sacho na man ata o centro educativo.

Estiveron acondicionando a zona do horto escolar para que a que este sexa un recurso máis dunha metodoloxía activa baseada na experimentación, na observación, e moi especialmente, no respecto polo mundo natural a partir do traballo colaborativo.

A proposta partiu conxuntamente do Equipo de medio ambiente e da ANPA do CEIP López Ferreiro. A bo seguro que pronto se verán os seus froitos!

O ALUMNADO DO CEIP LÓPEZ FERREIRO SÚMASE Á DEFENSA DO NOSO PATRIMONIO.

Se hai unha emisora que defende o patrimonio e a súa vinculación co noso país veciño, sen dúbida que esa é Ponte...nas ondas.
O venres 21 de outubro, que ademais é o Día do Podcast,o alumnado de 6º acudiu ata a Salón Nobre do Colexio de Fonseca, para gravar un programa
especial co que se pretende axudar a inscrición de Ponte...nas Ondas! no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da
UNESCO.
Durante a semana anterior, as nenas e os nenos traballaron nas aulas de xeito colaborativo para buscar información sobre as tradicións e diferentes
persoeiros da vida cultural e política galegas: o alcalde de Santiago, o gaiteiro Bartolo, o músico Pancho Álvarez, o reitor da USC, o Conselleiro
de Educcaión, Luz Fandiño, Antonio Couceiro..., e o alumno de 6º do López Ferreiro, Lois Bazal.

Finalmente, o seu traballo, mermado por cuestións organizativas dunha emisión en directo, viuse reflectido nas entrevistas que se realizaron, por
medio dunhas locutoras e locutores que o propio alumnado seleccionou.
No seguinte enlace, pódese seguir toda a emisión:
http://pontenasondas.org/?lang=es


DÍA EUROPEO DA REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR

O 16 de outubro, celébrase o Día europeo da reanimación cardiopulmonar.

Para concienzarse da súa importancia, o alumnado de 6º do CEIP López Ferreiro acudiu o martes 18 ata a Praza do Obradoiro. Recibiron unha xornada de formación en materia de primeiros auxilios baseada en reanimación cardiopulmonar, conuta PAS e demais coñecementos básicos. 
No acto estiveron presentes, ademaIs persoal voluntario da Cruz Vermella, de Protección Civil, e cargos importantes da Xunta como o propio Conselleiro de Educación.

 


Unha xornada formativa e interesante á par que divertida...Porque, ao ritmo da Macarena, segundo as nenas e os nenos, calquera se reanima!



 

Distribuir contido