Remate do programa 21 días co galego e máis.

O programa dos 21 días co galego e máis chegou á súa fin. Durante o tempo no que se desenvolveu esta proposta no centro, leváronse a cabo moitas actividades lúdicas como xogos tradicionais nos patios, karaoke, tatuaxes... Tamén se realizaron entrevistas, campañas para animar a falar galego, con recollida de sinaturas incluída, e visitáronnos, para contarnos historias e para falar con nós da importancia da nosa lingua, moitas persoas significativas en diferentes ámbitos laborais e da cultura: Rosa Aneiros, Encarna Otero, Fernanda Fernández, Celso F. Sanmartín, Irene Lourido, María de la Fuente, Montse Pena, Irene Lampón, Xusto Rodríguez, Ana Viña, Lois Trigo, Ana Domínguez, Mané Bello, Anxo Fernández e Ana Rodríguez.

O martes, día 6, tivemos o peche oficial e contamos coa presenza de Helena Villar. Non podiamos ter a ninguén mellor para clausurar este programa xa que ela, docente e escritora, pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación.

Pero este programa tamén nos permitiu facer un fin de festa coincidindo co Entroido que, pese ao mal tempo, puidemos desfrutalo cun pequeno desfile e un concerto, da banda Ruxe-Ruxe (con tres pases!), nas instalacións interiores do centro.

O alumnado gozou moito coa música da banda, que combina o rock con sons tradicionais galegos.

 

Aínda nos queda pendente un encontro na Cidade da Cultura, o próximo día 21 de febreiro, e unha videoconferencia co Dígocho eu!, o 29 do mesmo mes.

Queremos que saibades que a nosa campaña a favor do galego vai continuar e, para iso, animámosvos a que sigades os nosos blogs: O niño de pombas Fai un trato co galego.

En breve, empezaremos a desenvolver o noso Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, do que vos iremos dando conta.