Skip to Content

A nosa historia

A nosa historia


Á hora de coñecer o CEIP Plurilingüe Labaca, é imprescindible ter en conta a súa historia, xa que conta con máis de cen anos de existencia. Así, en 1915 comenzou a andaina educativa do que entón se chamaba “Escuelas Labaca”, un proxecto educativo posto en marcha por Ricardo Labaca coa referencia da novedosa pedagoxía do Padre Manjón e as Escolas do Ave María, coas que entrara contacto sendo maxistrado na Audiencia de Granada. Unha clara mostra da referencia da aprendizaxe a través de xogo, que era un dos piares educativos de Manjón, son os mapamundis en relevo que aínda se poden ver, e cos que aínda xogan os cativos, no patio da escola.

“Foi así como en setembro de 1915 abriron as portas as Escolas Labaca, na rúa de Juan Flórez, arteria principal do arrabaldo de Santa Lucía poboado de familias menesterosas, na súa maioría de pescadores, garantida a súa perduración cunha Fundación Benéfico-docente- oficialmente aprobada e clasificada por Orde de 20 de marzo de 1915- a expensas da xenerosa Familia LABACA”.

Un motor educativo para o barrio

Na primeira etapa as escolas constituíronse non só nunha oportunidade educativa para os cativos senón para todos os habitantes do barrio. En 1923, cunha matrícula de 250 alumnos, organizábanse numerosas veladas teatrais e culturais que favorecían grandemente o labor formativo dos alumnos e familiares. Neste momento ao edificio principal de Leoncio Bescansa, que aínda acolle hoxe a biblioteca e a aula de informática entre outras dependencias, se lle engadiu un amplo e magnífico edificio cun teatro e unha capela, hoxe desaparecido.

Imaxe histórica de nenos xogando nos mapas do patio do colexioEn 1925 impartíanse clases nocturnas para ex-alumnos e o ano seguinte saía a rúa a Banda Xuvenil de Música integrada totalmente por nenos do colexio obtendo o primeiro premio nos certames escolares de Bandas de Música da época. O colexio distribuía mensualmente a publicación “O Avemariniano Coruñés” realizada por mestres e alumnos, da que din as crónicas “que levaba aos fogares da bisbarra as saudables ensinanzas da escola” e tamén se celebraban eventos como as exposicións anuais de traballos do alumnado que convertían ao colexio nun centro divulgativo.

Estes magníficos procedementos pedagóxicos e metodolóxicos desta institución aparecen recoñecidos unanimemente nas testemuñas da época. Mais, coa terrible convulsión social de 1936 iníciase na institución un período de decadencia, que sen responder a razóns estritamente pedagóxicas, vai culminando co peche das Escolas no ano 1950.

Do rexurdir como Escolas Graduadas ao CEIP Labaca

Non é ata á Orde Ministerial do 24 de novembro de 1966 que as Escolas Labacas retoman a súa tarefa educativa, reabrindo as portas convertidas nunha escola graduada, é dicir, na que os alumnos estaban separados segundo a súa idade. Inicialmente estaba formada por dúas aulas de nenos o primeiro ano, e ao ano seguinte foi agregada unha unidade de párvulos.Imaxe histórica da fachada do CEIP Labaca

Ao pouco tempo, a adaptación á nova lexislación educativa de principios supón un novo cambio de funcionamento. A administración impón a adaptación dos centros escolares os requisitos estruturais e funcionais da Lei Xeral de Educación de 1970 polo que a Fundación Labaca, que non conta con de medios económicos para atender os ciclos completos de ensinanza obrigatoria, cede as instalacións escolares ao Ministerio de Educación.

Xa en 1987 a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria firma un novo convenio cos representantes da Fundación ao costear a última obra de ampliación e remodelación dos edificios escolares, no que se levantan as dúas ampliacións que hoxe acollen as aulas de educación primaria e infantil, así como o ximnasio. Este novo convenio se prolonga ata o ano 2004 en que a escola pasa a depender integramente do citado organismo autonómico. Deste xeito, as Escolas Labaca se converten no Colexio de Educación Infantil e Primaria Labaca onde hoxe, case cen anos despois da súa fundación, seguimos intentando continuar o seu legado educativo.

Distribuir contido


by Dr. Radut