Skip to Content

2º ciclo

TAREFAS 3º CURSO semana 1-5 xuño

Ola rapaces!!

Estamos en 3º e comezamos o mes de Xuño, o mes das comunións, da preparación, dos traxes, fotos, invitados...que non chega o tempo a nada!! Por iso as actividades escolares van ser xogos interactivos de repaso e fomentar a expresión escrita e a creatividade.

Non esquecerse da lectura diaria e das visitas ós demais blogs.

Déixovos no arquivo adxunto as indicacións para esta semana

Unha aperta da vosa profe Otilia!!

Tarefas 4º curso 1-5 xuño

Bo día, nenos

Nos arquivos adxuntos tendes as tarefas para esta semana. Como tendes que devolver os libros o mércores recoméndovos que fagades antes as tarefas de Ciencias Naturais, que son do libro.

Un bico

Solucionario 4º EP semana 25- 29 maio

Premede no adxunto para ver o solucionario.

Xa queda pouquiño tempo para rematar este curso tan particular e toca devolver os libros que tendes na casa. Na páxina principal tendes os horarios para facer a devolución.

Un bico grande, rapaces!

Actividades Proa 3º e 4º semana do 25 de Maio

Bo día nenos e nenas,

Para esta semana imos organizar unha viaxe de fin de curso por todo o alto. Lembrádesvos dos tres debuxos sobre os lugares aos que iriades despois do confinamento?

Pois ben agora, deses tres debuxos ides escoller un. Ese será o voso destino da viaxe.

Como toda boa viaxe, hai que organizala ben. Non podemos ir dun día para outro, así ao tolo.

Entón, o que vos propoño é organizar a viaxe a ese lugar, da seguinte maneira

1) Como chegariades ata alí (avión, coche, barco, autobús…), se hai que facer escalas ou non.

2)  Cal é a comida típica dese lugar. Un xantar e unha sobremesa.

3)   Que lugares  visitariades unha vez que esteades alí (5 cousas como mínimo).

Para saber toda a información que precisades, tendes que buscar en Internet.

Por exemplo, se queredes ir a Barcelona tendes que buscar:

Como chegar a Barcelona desde Vilanova. Aí xa vos van aparecer rutas para facer en coche, pero tamén podemos viaxar dende o aeroporto de Santiago, así xa vos sairán os voos.

Que ver en Barcelona. Vanvos aparecer moitísimas cousas. De todas esas tendes que escoller como mínimo cinco, as que máis vos gusten.

Comida típica de Barcelona. Agora só tendes que escoller a comida e a sobremesa que máis vos guste.

Agora o que vos vou pedir e quero que o fagades moi ben, porque sei que podedes todos e todas é que presentedes un traballo con:

1.Portada, na que vaia un debuxo dese lugar, coloreado e moi ben feitiño.

2.Ten que ir o nome do lugar que visitades e o voso nome para eu poder recoñecervos.

3.Todo o que escribades dos puntos que vos expliquei anteriormente. (Como chegar ata aí, que lugares se poden visitar e a comida típica).

4. Isto tenvos que ocupar 2 folios. Un é para a portada e o outro para escribir

Coma sempre, unha vez finalizado tendes que mandalo a: marinas@edu.xunta.gal

Moito ánimo

Mariña

Tarefas 4º curso 25-30 maio

Bo día!

Nos adxuntos tendes as tarefas para esta semana.

Os alumnos que non puideron enviar por email o vídeo poden subilo a Drive para poder envialo por email ou remitilo ao teléfono móbil do colexio para que despois nolo envíen.

Esta semana colgarase información con prazos e horarios para devolver os libros deste curso e recoller o material que tendes no colexio.

Primeiro día da fase 2. Por fin poderedes ir á praia!

Un bico

TAREFAS 3º CURSO SEMANA 25 A 29 de maio

 

Bo día rapaces!!

 

Déixovos as tarefas para esta semana e ademais recomendarvos pasar polo blog da Biblioteca, alí está o vídeo de “MasterChef de 3º”, noraboa polo voso gran traballo e a colaboración das vosas familias!! Espero que vos guste.

 

Non esquezades coma sempre visitar os demais blogs. 

 

Unha aperta da vosa profe Otilia!!

 

SOLUCIONARIO 3º CURSO Semana 18-22 Maio

Ola nen@s!! 

 

Aquí vos deixo o solucionario para as tarefas desta semana.

 

Unha aperta da vosa titora!!

 

Actividades PROA da semana do 18 de maio para 3º e 4º

Bo día nenos e nenas

Hoxe é o Día Internacional dos Museos, 18 de maio. Para celebrar este día imos de excursión a Santiago de Compostela, máis concretamente á Cidade da Cultura. Un lugar con edificios moi grandes, varios parques e ata unha lagoa! Claro está tamén hai un museo moi grande.

Esta semana imos facer parte da visita da Exposición Galicia un relato no mundo. A nosa guía chámase a Raposa Fedellla e con ela imos viaxar ata a mesma Constantinopla e seguir os pasos da intrépida Exeria, a primeira muller escritora e peregrina da Península Ibérica.

Para comezar coa visita, simplemente tedes que descargar o arquivo pdf que vos aparece a continuación, ler as instruccións e resolver os desafíos que vos vai propoñendo a nosa particular guía.

As solucións dos desafíos están na mesma páxina onde aparece, para que poidades corrixir (están un pouquiño agochadas, pero vense ben)

Coa actividade final, non a peguedes na vosa neveira. Mandádema por correo a marinas@edu.xunta.gal. Con todas as imaxes imos facer un gran mural. Na mensaxe tamén tedes que dicirme se vos gustou a visita e se coñeciades antes a Exeria. Con 5 liñas é suficiente

Se despois de facer esta visita queredes saber máis sobre a Exposición, déixovos o enlace para facer unha visita virtual do que poderiades ver no Museo Centro Gaiás. (A visita a podedes facer en compañía da vosa familia.)

https://ficheiros-web.xunta.gal/CdC/visitas-virtuais/galicia-un-relato-no-mundo/index.html?language=gl-ES

Por último se tendes calquer problema ou non entendes algo da visita, escríbideme ao correo que vos deixei antes.

Mariña

Tarefas 18- 22 de maio 4º curso

Bo día, rapaces

Esta semana enviamos poucas tarefas nos arquivos adxuntos porque estaredes liados coa realización dos videocontos.

Tamén deberedes gravar e enviar ao email da profe Begoña e ao meu un vídeo de presentación do mural que fixéchedes a semana anterior sobre os plásticos. Facede un esquema previo para organizarvos e ter claro que queredes dicir no vídeo, pensade que é unha presentación como as que solemos facer na clase cando rematamos un traballo grupal. É importante que vos expresedes correctamente.

Por outra banda infórmovos de que xa estamos a preparar a revista escolar, polo que necesitarei algo de material para facer o apartado de 4º curso. Unha das follas tratará sobre o proxecto dos plásticos, polo que utilizarei algunhas fotos que sacamos na aula e tamén as fotos dos murais que enviáchedes a pasada semana.

O outro tema é  sobre as medidas preventivas para evitar a transmisión do covid, polo que necesito que enviedes fotos ANTES DO MÉRCORES 20 DE MAIO (sinto a presa pero teño que facer a montaxe):

Lavando as mans: os número 1 e 2  da clase.

Mantendo a distancia social: os números 3 e 4 da clase.

Usando mascarilla: os números 5 e 6 da clase.

Tusindo ou esbirrando no interior do cóbado: 7, 8 e 9 da clase.

 

Un bico grande!

 

 

TAREFAS 3º CURSO, semana 18-22 MAIO

Bo día rapaces!! 

Deixovos en arquivos adxuntos as tarefas para esta semana. Ademais na páxina principal tedes a actividade "Cóntame un conto", un concurso da biblioteca con premios na que podedes participar. 

Non esquezades visitar os demais blogs.

 

Unha aperta da vosa titora!!

Distribuir contido


by Dr. Radut