Román Rodríguez anuncia que os Orzamentos da Xunta incrementan nun 52% as contías para a FP

Nunha reunión de traballo cos directores dos centros integrados de FP, avanza que é o departamento que máis medra na Consellería de Educación

Refórzanse as accións para a modernización destas ensinanzas e duplícanse as contías para o Plan de Emprendemento

Gallego
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos directores dos centros integrados de FP de Galicia onde avanzou as contías contempladas nos Orzamentos 2023 para a Formación Profesional. Neste sentido, destacou que este é o departamento que máis medra porcentualmente da Consellería, un 52%.

Neste sentido, anuncioulles que as contas do Goberno galego do ano 2023 reforzan o compromiso con estas ensinanzas, nas que a nosa Comunidade é un referente a nivel estatal. En concreto, apostarase pola súa modernización, un apartado no que as contías medran un 68%, 9,4M€ máis. Deste xeito, poderanse seguir despregando as accións da Estratexia de FP Galicia 2030, dotada con 900M€ ata 2024.

Ademais, o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, practicamente duplica os seus fondos, elevándoos a máis de 400.000€. Cómpre lembrar que esta iniciativa é o marco de fomento do espírito emprendedor no ensino e abre as portas, a través dos viveiros de empresa, a moitas iniciativas de negocio dos titulados na FP galega.

Román Rodríguez agradeceu aos directores o traballo que realizan no día a día dos centros, grazas ao que neste curso Galicia conta coa FP con máis prestixio da historia, con máis oferta, máis matrícula (preto de 61.000 alumnos) e con máis profesorado. Así mesmo, puxo en valor a aposta pola I+D+i, coa apertura do novo Centro de Innovación da FP en Ourense.

Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón cun investimento de 1 M€

Subliña que a cidade de Lugo concentra o maior número de proxectos educativos en marcha, por un importe de máis de 12 M€
 

As contas autonómicas recollen tamén a rehabilitación integral do instituto Lucus Augusti por case 2,9 M€, dos cales 200.000€ están consignados para o vindeiro ano

No caso concreto da Ramón Falcón, explica que o “importante esforzo inversor” traducirase “nunha significativa mellora do aforro enerxético e do confort para o seu alumnado

O proxecto está en fase de supervisión e será licitado no primeiro trimestre do ano

A actuación incluirá a renovación de ventás e vidros, dos aleiros da cuberta, o cambio de luminarias por outras de baixo consumo e a substitución da actual caldeira de gasóleo por outra de biomasa

A intervención enmárcase no compromiso medioambiental do Goberno Galego e da aposta polas eficiencia e a sostenibilidade

Gallego
l

A Xunta de Galicia vén de consignar nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 unha partida de 1 M€ coa cal se vai acometer a rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño, EASD Ramón Falcón, de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita a este centro de ensinanzas de réxime especial.

Román Rodríguez deu conta do proxecto, que nestes momentos está en supervisión, e que, segundo dixo, “a previsión é que estea concluído antes de que remate este ano co obxecto de sacalo a licitación no primeiro trimestre de 2023”.

Esta importante obra que, en palabras do conselleiro, “suporá unha considerable mellora dos aforros enerxéticos e do confort”, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora de infraestruturas educativas en Lugo.

Non en balde, esta cidade é a que concentra o maior esforzo inversor da Xunta en toda Galicia neste ámbito, cun abano de obras de envergadura en marcha que suman máis de 12M€, entre as que se atopan, ademais da anunciada hoxe na Ramón Falcón, as rehabilitacións integrais do colexio Paradai e dos institutos Anxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes ou o centro de biomasa que dará servizo ao complexo no que se sitúan estes dous IES xunto co CIFP Politécnico, o colexio Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado. 

Edificio singular

No caso concreto da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Román Rodríguez aproveitou a visita ao centro para felicitar ao equipo docente e aos alumnos polo cincuenta aniversario cumprido en 2020 e cuxa celebración se retrasou a este ano debido á pandemia.

“Estamos nun dos edificios máis destacados da arquitectura luguesa do último terzo do século XX, que foi inaugurado, nada menos que polos Reis de España, no ano 1970. Cremos que chegou o momento de sometelo a unha renovación acorde coas novas esixencias de sostenibilidade que temos recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”, abondou.

Precisamente no marco do compromiso medioambiental do Goberno Galego e da aposta polas eficiencia e a sostenibilidade, a Consellería de Educación está a traballar nun plan de mellora enerxética que permita optimizar o consumo dos centros educativos.

Así mesmo, os Orzamentos 2023 incrementan nun 7,5% a partida de gastos de funcionamento que a Consellería transfire aos centros educativos para facer fronte á factura enerxética nos próximos meses.

Descrición do proxecto

A falta de pechar o proxecto definitivo, a rehabilitación integral da Ramón Falcón suporá a renovación das ventás e dos vidros de todo o centro así como dos aleiros da cuberta e o cambio da iluminación existente por luminarias tipo LED.

A maiores tamén se substituirá a actual caldeira de gasóleo por unha de biomasa, co conseguinte aforro enerxético e medioambiental.

Esta é unha das catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, na que uns 240 estudantes cursan estudios superiores de grao en Deseño de interiores e en Deseño gráfico, así como de ciclos formativos de grao superior de Gravado e estampación, de Cerámica artística ou de Fotografía e de grao medio de Serigrafía artística.

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta chega xa a 800 centros tras sumarse 25 novos

O orzamento da Consellería de Educación para este programa elévase a 1,6M€

Na selección de centros deuse prioridade aos do rural e impúlsase a compra de fondos nas librerías máis próximas e material de atención á diversidade

Gallego
be

A Xunta de Galicia vén de incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), tal e como publica o Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, a rede de centros integrados neste programa chega este curso a 798 centros, dos que 754 son públicos e 44 concertados.

O orzamento destinado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a este plan elévase a 1,6€ para cubrir tanto os fondos destinados aos colexios e institutos de nova incorporación como aos que continúan participando na iniciativa.

Un ano máis a convocatoria dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, teñen preferencia os situados en concellos de menor poboación. De feito, dos centros de nova incorporación, a meirande parte son de poboacións de pequena e mediana poboación. A listaxe dos mesmos é a que se reflicte na seguinte táboa:

 

PROVINCIA

CONCELLO

CENTRO

A Coruña

A Coruña

CEE María Mariño

A Coruña

A Coruña

CEIP Plurilingüe Wenceslao Fernández Flórez

A Coruña

A Coruña

CEIP Novo Mesoiro

A Coruña

Boiro

CEIP Santa María do Castro

A Coruña

Ferrol

IES Ferrol Vello

A Coruña

Oleiros

CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal

A Coruña

Porto do Son

CEIP Plurilingüe de Campanario

A Coruña

Ribeira

CEP Plurilingüe de Carreira

A Coruña

Santiago

CIFP Compostela

A Coruña

Santiago

IES Lamas de Abade

Lugo

Alfoz

IES Alfoz-Valadouro

Lugo

Cervo

CEIP Península da Paz

Lugo

Cospeito

CEIP Plurilingüe de Muimenta

Lugo

Monforte

CEE Infanta Elena

Lugo

Navia de Suarna

CPI Plurilingüe Navia de Suarna

Lugo

Outeiro de Rei

CEIP Laverde Ruíz

Ourense

Ourense

CEIP Plurilingüe de Seixalbo

Ourense

Verín

CEIP Plurilingüe Amaro Refojo

Ourense

Verín

IES García-Barbón

Pontevedra

Moaña

EEI do Con

Pontevedra

Moraña

CPI Plurilingüe Santa Lucía

Pontevedra

Nigrán

IES Escolas Proval

Pontevedra

Pontevedra

IES Sánchez Cantón

Pontevedra

Sanxenxo

CEIP de Portonovo

Pontevedra

Vigo

EPAPU Berbés

 

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros integrados no programa en convocatorias anteriores, poderán destinar a asignación a fondos, a mobiliario e outros equipamentos (os incorporados nas convocatorias 2008-09 a 2012-13 e 2021-22) ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca (centros integrados na convocatoria de 2021/22).

A compra dos fondos realizarase, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e deberá incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa recibirán formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.

Plan LÍA

Esta convocatoria enmárcase no novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta que guía todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025. A nova estratexia constrúese sobre sete puntos ou áreas clave, como son o crecemento da rede de bibliotecas escolares de Galicia e a renovación dos seus recursos; a biblioteca social, incidindo nunha maior inclusión; a construción de redes de colaboración, avaliación e comunicación entre os axentes da sociedade lectora; o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe; o estímulo da lectura entre toda a comunidade educativa; a alfabetización mediática e informacional e a innovación metodolóxica formativa, impulsando novas pedagoxías en torno á propia biblioteca.

Cada un destes sete puntos clave desenvolveranse en diferentes liñas de actuación, que incluíran o reforzo de proxectos de éxito neste ámbito como o propio Plambe, así como o lanzamento de novas iniciativas.

Román Rodríguez anuncia que os orzamentos de 2023 inclúen unha partida específica para a ampliación do Instituto Aquis Celenis, cuxo importe se eleva a 3,75M€

As contas do ano que vén contemplan 200.000€ para a redacción do proxecto da obra

O novo andar do edificio estará totalmente adaptado ás especificidades técnicas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e contará cunha superficie total de 2.372 m²

A actuación ten como fin dar resposta ás necesidades de escolarización e avanza na consecución dos obxectivos da folla de ruta para a modernización dos centros

Gallego
a

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o instituto plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, onde anunciou que os Orzamentos 2023, aprobados hoxe no Consello da Xunta, inclúen unha partida específica para a ampliación do centro. Ademais, explicou que a contía para esta actuación se eleva a 3,75M€, 250.000€ máis dos previstos inicialmente.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que os 200.000€ recollidos nas contas do ano que vén van dirixidos á redacción do proxecto de ampliación do instituto de Caldas, unha vez xa se asinou o correspondente convenio co Concello para a obtención dos terreos lindeiros para a habilitación dun aparcadoiro, para outorgar as licenzas e para a reurbanización, entre outras cuestións.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou Román Rodríguez, o obxectivo desta actuación é dar resposta ás necesidades de escolarización deste concello, toda vez que na actualidade o centro ten dúas aulas por cada curso de ESO e tres por cada curso de Bacharelato, “un total de 392 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos dispoñibles, incluídos departamentos e salas de profesores”.

A ampliación do centro realizarase en vertical, é dicir, construíndo un novo andar sobre os xa existentes. Cunha superficie total construída de 2.372 m², o novo espazo estará totalmente adaptado ás especificidades técnicas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dotado de aulas polivalentes para ESO e Bacharelato, aulas de música e debuxo e zona maker. Así mesmo, haberá unha zona para o uso docente, aseos, ximnasio e vestiarios.

“Con esta obra seguimos avanzando na consecución dos grandes fitos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid” destacou o conselleiro, lembrando que, neste momento, o nivel de execución prevista para o período 2021-2024 roza xa o 50%, cun total de 439 obras en marcha desde 2021 por un importe de máis de 91M€ sobre os 191M€ totais.

Medio millar de escolares fórmanse na praza do Obradoiro en reanimación cardiopulmonar co gallo do Día Europeo da Parada

Gallego
a

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu esta mañá á xornada formativa para escolares co gallo do Día Europeo de Concienciación ante o Paro Cardíaco, onde salientou a importancia de integrar a formación de autoprotección e, en concreto, en RCP, “dado que a primeira resposta é moi importante. O que hoxe aprendedes como un xogo mañá pode salvar una vida”. Celebrada na praza do Obradoiro, a actividade consiste nun adestramento masivo para máis de medio millar de alumnos galegos sobre reanimación cardiopulmonar, organizada pola Xunta e o Colexio de Médicos da Coruña.

No transcurso da visita, o conselleiro lembrou que a Xunta ten en marcha o programa RCP na aula, unha actividade pioneira en España que ten como obxectivo que todo o alumnado remate a ESO coñecendo os labores de reanimación e primeiros auxilios, que inclúe formación específica tamén para o profesorado. Desde o curso 2016-17 xa se formaron a máis de 14.000 nenos a través desta iniciativa, que se completa con outras como o Botón de Alerta en centros cun único docente ou Alerta Escolar, dirixido a nenos con patoloxías como a diabete, a epilepsia ou alerxias graves.

A Xunta compromete 14M€ para a construción do novo instituto de Navia, cuxo proxecto licitará de inmediato en canto o concello asine a cesión dos terreos

Román Rodríguez asegura que esta é a obra educativa “máis ambiciosa” prevista para Galicia e que Vigo aglutina o maior investimento en infraestruturas escolares con máis de 27M€ en obras de mellora, ampliación ou rehabilitación

O titular de Educación cualifica de “esencial, estratéxico e necesario” este proxecto para o barrio de Navia e fai un chamamento “á colaboración do Concello” para desbloquear canto antes os terreos

A día de hoxe o Goberno galego xa dispón dos planos e dunha recreación do futuro edificio e ten encargado o anteproxecto e o estudo topográfico da obra

“A Xunta -explica o conselleiro- deu todos os pasos ao seu alcance para facer realidade o instituto e agora dependemos unicamente do Concello, que agardamos que estea á altura”

Os Orzamentos da Xunta para o 2023 blindan 220.000€ para executar xa o vindeiro ano que se completan con case 7M€ no ano 2024 e outros tantos no 2025

A infraestrutura ocupará arredor de 8.200 metros cadrados construídos e contará con 20 aulas de docencia, ademais de aulas especializadas, espazos maker, foro, biblioteca, ximnasio e vestiarios

Estará deseñada de acordo coas especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Gallego
n

A Xunta de Galicia eleva a 14M€ o investimento consignado para a construción do novo instituto IES de Navia, en Vigo, tal e como confirmaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun acto onde explicaron o compromiso orzamentario do Goberno galego con esta infraestrutura.

Nas contas da comunidade autónoma para 2023 comprométense un total de 14M€ (dous máis que os 12M€ inicialmente previstos) para facer realidade esta obra “esencial, estratéxica e necesaria para a cidade e, en concreto, para toda a veciñanza do barrio de Navia”, en palabras do conselleiro Román Rodríguez. Dese custe total, blíndanse 220.000€ para arrancar xa coa redacción do proxecto, sempre e cando o Concello de Vigo asine o convenio para a cesión dos terreos que lle foi remitido hai meses. E para a obra propiamente dita están consignados orzamentariamente preto de 7M€ para 2024 e outros tantos para 2025.

Licitación inmediata

“De feito, en canto o Concello asine ese convenio, a redacción do proxecto podería saír a licitación de xeito inmediato”, recalcou o conselleiro, que fixo un chamamento ao diálogo e á cooperación por parte da Administración local.

Nestes momentos o departamento de Educación do Goberno galego conta xa cos planos do futuro edificio e ten encargado o anteproxecto e o estudo topográfico á espera de asinar o convenio co Concello para poder licitar a redacción do proxecto.

Polo tanto, a día de hoxe, a Xunta “xa completou todos os pasos ao seu alcance para facer realidade este instituto”, insistiu o conselleiro. “Agardamos -abondou- que o goberno local estea á altura dun proxecto destas características e poña todo da súa parte para facelo realidade”.

A construción deste instituto é o proxecto máis ambicioso en materia educativa en toda Galicia, e Vigo é o concello que concentra o maior investimento da Xunta neste eido, con máis de 27M€ destinados pola Xunta a obras de mellora, ampliación ou rehabilitación de centros escolares. A este respecto Román Rodríguez lembrou que tan só neste ano 2022, o seu departamento ten adxudicadas o en execución intervencións en nove centros da cidade por máis de 3,5M€.

Datos técnicos

O novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais. Nel ubicaranse un total de 20 aulas (16 para Educación Secundaria Obrigatoria e 4 para Bacharelato), e disporá de aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), de laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos. 

Ademais disporá dunha área de Administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos...), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.

File: 

A Xunta incrementará o vindeiro ano nun 40% as estadías no estranxeiro para que o alumnado galego mellores as súas competencias en idiomas

Román Rodríguez avanza que a partida para este programa de impulso das linguas estranxeiras se incrementa ata os 2M€ nos Orzamentos 2023

No presente curso haberá un total de 630 auxiliares de conversa de 21 nacionalidades distintas, este persoal nativo permitirá mellorar as destrezas do alumnado en inglés, alemán, chinés, francés ou portugués

Galicia conta con case 500 centros co modelo plurilingüe do Goberno galego nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato ademais de ciclos de Formación Profesional

Estas accións desenvólvense ao abeiro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, a folla de ruta do Goberno galego para o impulso de iniciativas de alto impacto e de especialización na aprendizaxe de idiomas

Gallego
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deulles hoxe a benvida aos auxiliares de conversa que prestan este ano servizo no sistema educativo, nun acto onde anunciou que o seu departamento vai incrementar o ano que vén nun 40%, ata acadar os 2M€, as estadías no estranxeiro para mellorar as competencias en idiomas do alumnado galego a través dos Orzamentos 2023.

O titular de Educación da Xunta sinalou que o programa de auxiliares de conversa, xunto coa rede de centros plurilingües, se multiplicou por dez nos últimos anos. “No curso 2008/2009 contábamos con apenas 67 auxiliares de conversa fronte aos máis de 630 deste curso”, explicou o conselleiro, que destacou tamén que no curso 2010/2011 se puxeron en marcha os primeiros 58 centros plurilingües “e neste curso contamos xa case con 500 centros dentro desta opción educativa”.

Román Rodríguez puxo así en valor a estratexia de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras desenvolvida pola Xunta desde 2009, “que permitiu que pasásemos dos 12.500 alumnos beneficiados aos máis de 100.000 do curso actual”. “Estas cifras proban que as linguas son elementos de unión, non de confrontación, e que supoñen o primeiro vehículo de coñecemento, de entendemento e de fraternidade entre distintos pobos”, salientou.

As accións da Xunta nesta materia recóllense na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que contempla un investimento de 83M€ na primeira fase de catro anos ata 2025 para o impulso de accións de alto impacto e de especialización a aprendizaxe de idiomas nos próximos anos co obxectivo de dar un salto de calidade enfocado aos retos de futuro.

Éxito do programa

O conselleiro fixo fincapé no éxito do programa de auxiliares de conversa, ao indicar que “o 99,2%, practicamente a totalidade dos mestres enquistados, considera positiva esta medida de apoio ao ensino de linguas estranxeiras e a metade dos auxiliares solicitan renovar a súa estadía en centros galegos”. Ademais, un de cada catro dos auxiliares de conversa que chegan a España no marco do prestixioso programa Fulbright desenvolve a súa actividade en Galicia.

“Unha proba do noso compromiso con este programa é que, ano tras ano, sigue aumentando o número de participantes totais, de 21 nacionalidades distintas, que impartirán clase en 835 centros da nosa Comunidade. Isto permitirá mellorar as destrezas do alumnado en linguas como o inglés, alemán, chinés, francés ou portugués”, dixo Román Rodríguez.

Precisamente o Diario Oficial de Galicia publica hoxe varias resolucións sobre novos centros plurilingües en Infantil, Primaria e ESO, seccións bilingües (actualmente unhas 5.000 trala incorporación de 215 novas) e prazas docentes para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras.

A Xunta incrementará nun 7,5% os fondos para que os centros educativos fagan fronte á factura enerxética nos orzamentos 2023

A medida ten como obxectivo evitar que a alza dos prezos repercuta no benestar da comunidade educativa

De xeito paralelo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar nun plan de mellora enerxética para estes espazos

Tomaranse como exemplo modelos como o proxecto de aforro enerxético desenvolvido polo CIFP As Mercedes de Lugo, pioneiro en toda España, que o conselleiro Román Rodríguez vén de coñecer in situ

A Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos e o 40% do orzamento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está destinado a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética

Gallego
c

A Xunta de Galicia vai incrementar nos Orzamentos 2023 os gastos de funcionamento que transfire aos centros educativos para facer fronte á factura enerxética. O incremento nesta partida será do 7,5%, 5M€ máis, coa finalidade de afrontar a inflación desbocada que afecta a prezos como o do gasóleo de calefacción ou os de subministros que empregan os colexios e institutos. A medida ten como obxectivo evitar que a alza dos prezos repercuta no benestar da comunidade educativa.

De xeito paralelo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar nun plan de mellora enerxética que permita optimizar o consumo dos centros, acadando ao mesmo tempo unha maior eficiencia e un maior confort no marco do compromiso medioambiental do Goberno galego.

Para iso, o departamento educativo da Xunta tomará como exemplo sistemas como o proxecto de aforro enerxético desenvolvido polo Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo). O traballo, pioneiro en España iniciouse no 2012, ano no que obtivo o primeiro posto na competición de Eficiencia Enerxética na Formación Profesional convocada por Schneider Electric e o Ministerio de Educación. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou nos últimos días o centro para coñecer esta iniciativa e o seu funcionamento en persoa.

Software de control

O sistema de xestión enerxética está baseado na instalación dun software desde o que se controla toda a instalación eléctrica como da calefacción dos diferentes edificios que compoñen o CIFP As Mercedes. A través dunha aplicación poden pecharse portas para evitar fugas de calor, apagar ordenadores ou desconectar a corrente eléctrica de determinadas zonas do centro.

O sistema funciona de xeito autónomo partindo da programación das necesidades e o control dos consumos segundo as necesidades de cada espazo formativo. Deste xeito, o control realízase por andares, cunha sectorización máis específica nos talleres, nos que existe un maior número de elementos de alto consumo. O obxectivo é evitar consumos ocultos que incrementan notablemente o gasto. De feito, o aforro enerxético pode chegar ao 70%, en función do momento do curso académico no que se mida.

O funcionamento deste programa combínase coa aplicación de outras medidas de eficiencia enerxética, como a instalación de portas automáticas con detectores de presenza ou luminarias LED. O conselleiro de Educación comprometeuse a analizar a posibilidade de aplicar este sistema innovador de eficiencia enerxética noutros centros educativos dependentes do seu departamento, en función das súas características técnicas e construtivas.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Cómpre lembrar que o Goberno galego leva anos apostando pola redución de emisións e polo aforro enerxético nos centros. Non en balde, a Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2.

De feito, do total de 191M€ de orzamento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o 40% está destinado a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética. Só este ano destínase un orzamento de 31M€ para estas melloras, que se centran en intervencións de instalación de novas luminarias led ou en actuacións de maior envergadura, como os cambios de cuberta, as renovacións de fiestras, a impermeabilización das fachadas ou a instalación de caldeiras centralizadas de biomasa. Así mesmo, este ano licitouse un paquete de obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en centros de Educación Especial.

Un total de 82 universitarios acadan os Premios Fin de Carreira da Xunta

O 58% son mulleres e a universidade con máis premiados é a de Vigo, con 38, seguida da de Santiago con 32, mentres que na da Coruña hai 12

Cada un dos galardoados recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo desta distinción

Gallego
c

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución dos Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021 no Sistema Universitario de Galicia. Un total de 82 persoas reciban este recoñecemento, que ten como finalidade distinguir o traballo dos alumnos máis destacados, incentivado así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia.

Do total dos premiados, o 58% (48 persoas) son mulleres. A universidade con máis premiados é a de Vigo, con 38, seguida da de Santiago con 32, mentres que na da Coruña hai 12 galardoados.

Os mellores expedientes distribúense en 56 titulacións nos diferentes campus. Por número de recoñecementos destacan o grao en Administración e Dirección de Empresas e o grao en Educación Primaria da Universidade de Vigo, ambas titulacións con cinco persoas premiadas cada unha; e o grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, con catro galardóns.

Esta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta cunha dotación económica de 3.500€ por persoa, ademais dun diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,50 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Román Rodríguez subliña que a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 prioriza a relación do alumnado coas novas tecnoloxías e o benestar emocional co fin de garantir un bo clima nas aulas

O responsable educativo da Xunta destaca que o novo documento “é unha prioridade de Goberno” para dar resposta “ás novas dinámicas sociais, en constante cambio e evolución”

Lembra que esta folla de ruta para os vindeiros anos é o resultado dun proceso de diálogo iniciado hai máis de ano e medio con todos os axentes vinculados a este ámbito da convivencia, incluídas unhas 40 entidades

“Mentres haxa un só alumno con algunha problemática, desde a Administración debemos ser quen de dar formación e respostas áxiles e axeitadas”, asegura

A estratexia recolle un conxunto de accións de impacto no eido da convivencia positiva, a cidadanía dixital responsable, melloras para o benestar emocional e a coeducación

Lanzarase a IV Macroenquisa de Convivencia co fin de obter “unha radiografía certeira da convivencia nos centros”

Os centros contarán cun protocolo de apoio condutual positivo e unha guía de prácticas restaurativas que lles axudará na abordaxe de comportamentos contrarios á convivencia e na aplicación de propostas innovadoras na resolución de conflitos

Proporcionarase formación especializada en materia de convivencia, inclusión e igualdade, con especial atención ao profesorado de novo ingreso

Gallego
e

Logo da súa aprobación no Consello da Xunta, o Consello Galego de Convivencia avaliou hoxe a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, Educonvives 2025, a folla de ruta do Goberno galego para os vindeiros anos enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e que se traduce na calidade e nos resultados académicos.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi o encargado de presentar as liñas básicas do documento “co que -dixo- queremos dotar a todos os axentes do sistema educativo, tanto alumnado como profesorado e familias, dos mecanismos precisos para atallar calquera cuestión que poida alterar a convivencia nos centros ou o benestar do alumnado”. O titular de Educación insistiu en que esta estratexia é “unha prioridade de país” porque “mentres haxa un só alumno con algunha problemática, desde a Administración educativa debemos ser quen de dar formación e respostas áxiles e axeitadas”.

Segundo explicou o titular de Educación, “a constante evolución e dinámica da sociedade, onde a velocidade do mundo dixital cambia a forma de relacionarse dos mozos”, esixe tamén dunha actualización dos protocolos e ferramentas en materia de convivencia. De aí que a nova estratexia -que dá continuidade á vixente entre o ano 2015 e o 2020- recolla novos mecanismos vinculados ás novas necesidades.

O documento final -que aparella un conxunto de accións artelladas en catro eixos e nove liñas cun investimento de 5,5M€- é o resultado dun proceso dialogado que se iniciou hai un ano e medio cun grupo de traballo constituído por asesores docentes, directores de centros e inspectores. Contou, ademais, coas achegas do resto de colectivos implicados no eido da convivencia xa que o borrador foi presentado tanto no Consello Galego de Convivencia como en reunións de traballo cuns 40 colectivos.

Uso correcto das novas tecnoloxías

Así pois, unha das cuestións que destaca Román Rodríguez é que se fai fincapé na relación entre alumnado e as novas tecnoloxías, proporcionando novas guías e ferramentas “para unha correcta interacción e un uso responsable das redes”. “Trátase de potenciar competencias necesarias para xestionar e facer fronte á gran cantidade de información que ofrecen as redes”, abondou.

Non en balde, un dos catro eixos da estratexia é a Cidadanía dixital responsable. Neste apartado inclúese a Guía Interacciona na era dixital, para o fomento das boas prácticas na rede; o programa Contigo na rede, para informar, formar e capacitar o alumnado, profesorado e familias no uso correcto e seguro das TRIC (Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación), e o programa de pensamento crítico na aula e guía de boas prácticas para a creación dunha identidade segura, entre outras.

Importancia de coidar a saúde mental

Outro dos puntos destacados polo conselleiro é a mellora do benestar emocional e a importancia de coidar a saúde mental. A estratexia conta cun eixo específico neste sentido que abrangue a creación de comisións provinciais e autónomas de seguimento de benestar e convivencia nos centros, o desenvolvemento do Plan de benestar emocional ou o xa presentado Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil.

Neste eixo tamén se incluirá un protocolo básico de intervención contra o maltrato infantil, cuxa finalidade é proporcionar á comunidade educativa os coñecementos e estratexias necesarias para a identificación temperá de situacións de maltrato e reforzar a coordinación con outras institucións.

Así mesmo, co obxectivo de impulsar a participación e o compromiso da comunidade educativa, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 inclúe o programa de acompañamento de educación emocional Compases, que suporá a creación dunha rede de centros que incorporen a educación emocional como sinal de identidade.

Outra das liñas de actuación deste eixo é o fomento de hábitos de vida saudables con programas universais de prevención e programas selectivos para alumnado en situación de vulnerabilidade, nos que se traballará a percepción e actitudes ante conductas aditivas e problemáticas no uso das tecnoloxías, as apostas ou os videoxogos. 

Convivencia positiva

No eixo de convivencia positiva, avanzarase na mellora da convivencia e do clima social da comunidade educativa, con ferramentas como o Protocolo de apoio condutual positivo (unha guía de actuación para os centros con pautas de abordaxe de condutas contrarias á convivencia); a Guía de prácticas restaurativas, con propostas innovadoras na resolución de conflitos e o impulso de accións de cooperación e intercambio de boas prácticas como a participación en proxectos europeos e internacionais, e o Premio de boas prácticas en convivencia ConVivimos.

Neste apartado inclúese tamén un Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, que supón revisar e actualizar os protocolos vixentes neste eido, e o programa Comprométe-T (de compromiso co tolerancia cero ante estas condutas).

IV Macroenquisa de Convivencia

Así mesmo, Román Rodríguez anunciou o lanzamento da IV Enquisa de Convivencia, que dá continuidade as tres macroenquisas realizadas en 2015, 2019 e 2021, e que proporcionará “unha radiografía certeira da convivencia nos centros escolares”.

Precisamente os resultados da última enquisa, onde o 90% dos membros da comunidade educativa (un 10% máis ca en 2015) asegura que non existe problemas de convivencia na aula ou que só ocorren de xeito puntual, “corroboran -en palabras do conselleiro- que o traballo desenvolvido na última década deu os seus froitos”.

Con todo insistiu en que “é necesario seguir avanzando nesta materia” con todas as medias a por en marcha a través desta estratexia, na cal tamén xoga un papel moi importante a formación docente.

Formación docente

Neste apartado impulsarase unha formación especializada en materia de convivencia, inclusión e igualdade, con especial atención ao profesorado de novo ingreso, así como liñas formativas específicas para a elaboración de materiais e recursos para o traballo coeducativo.

Está previsto desenvolver, tamén, un Congreso Internacional de Convivencia con carácter bianual, que sexa un referente na difusión da innovación e a transferencia de coñecemento neste eido.

Para a posta en marcha do conxunto de accións contempladas na estratexia, a xunta de Galicia contempla un investimento estimado de 5,5M€ para o período ata 2025, dos cales, a partida máis destacada -preto de 2,9M€- é para o desenvolvemento dos Contratos-programa, seguido de 1,18M€ para a formación do profesorado neste ámbito. Así mesmo, case 800.000€ destínanse ao deseño de recursos e publicacións que sirvan de ferramentas de traballo, e o resto do orzamento é para o deseño e elaboración de protocolos e para premios que visualicen as boas prácticas a prol da convivencia.