Román Rodríguez anima á mocidade a achegarse ao stand de FP en Silleda para coñecer a oferta destas ensinanzas que se reforzarán o vindeiro curso

O conselleiro visita o expositor no Salón de Alimentación do Atlántico, onde avanzou que se acadará de novo “unha cifra histórica” de prazas de FP

Gallego
s

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade de Silleda.

O titular de Educación do Goberno galego animou á mocidade a que se achegue a este espazo para coñecer de primeira man “a oferta formativa e as saídas profesionais” que ofrecen estas ensinanzas “nas que Galicia é un referente a nivel estatal”. A este respecto, indicou que a Xunta vai reforzar, de novo, a oferta de prazas de FP para o vindeiro curso, polo que “acadaremos outro máximo histórico”.

Así pois, ata mañá domingo, cando a feira pechará as súas portas, as persoas que se acheguen ao stand da FP galega en Silleda recibirán información de primeira man sobre o abano de posibilidades formativas que ofrece o sistema educativo galego neste eido, e mesmo poderán asistir a demostracións e experiencias en directo a través de distintos obradoiros. Este ano están representados os centros integrados de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña), CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP Compostela de Santiago,  CIFP Manuel Antonio de Vigo e CIFP de Vilamarín.

Román Rodríguez destaca a alianza con Netflix, Vaca Films e FAD Juventud para formar grandes profesionais do audiovisual

O conselleiro de Educación participa na clausura da segunda edición deste programa no que participan 25 estudantes, que recibiron formación como atrecistas

Gallego
a

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na clausura da segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, impulsado polo Goberno galego, a plataforma Netflix, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para a formación específica de estudantes no eido audiovisual.

Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta por formar profesionais coa máxima cualificación para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos en xeral, facendo fincapé neste caso no audiovisual. “Estamos a falar dun tecido produtivo que atravesa un momento de madurez e esplendor sen precedentes, motivado tanto pola calidade das empresas como polo talento dos seus profesionais”, sinalou.

“Os estudantes que se decantan polo audiovisual como saída profesional escollen unha opción moi positiva, pero é moi importante que o fagan con todas as competencias, habilidades e coñecementos para asegurar tanto a inserción laboral como a calidade e competitividade do sector”, destacou.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta quixo felicitar a Netflix, Vaca Films e FAD Juventud pola organización deste programa. Aos alumnos participantes trasladoulles a responsabilidade que teñen “para mellorar unha industria da que estamos orgullosos e que é un referente a nivel estatal”.

O dobre de participantes

Un total de 25 alumnos de ensinanzas artísticas e de FP participaron este ano na segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, na que recibiron unha formación profesionalizadora de perfil de atrecista enfocada no audiovisual. O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece o sector en profesións que non están orixinalmente vencelladas a el, ao tempo que se crean sinerxías entre as entidades implicadas e se contribúe á formación de persoal neste ámbito produtivo.

O curso desenvolveuse no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e participaron nel estudantes dos ciclos de Escultura aplicada ao espectáculo e de Dourado, prateado e policromía das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), así como alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento dos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Valentín Paz Andrade (Vigo) e A Xunqueira (Pontevedra).

Unha vintena de centros desenvolve este curso unha ópera como proxecto educativo da man do Teatro Real

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausura a xornada que pon fin ao programa ‘LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe)’

Participan 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros educativos con 21 compañías

Gallego
l

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou hoxe o programa LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe), unha iniciativa desenvolvida en colaboración co Teatro Real na que este curso participaron 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros con 21 compañías.

A iniciativa LÓVA, que desde os seus inicios hai 16 anos suma un total de 18.000 alumnos, é un proxecto innovador que utiliza a creación e produción dunha ópera como ferramenta pedagóxica para o desenvolvemento integral do alumnado. Na súa traxectoriten acadados recoñecementos tan relevantes como o Premio Nacional de Boas Prácticas ou boa práctica educativa pola Cátedra Unesco, entre outros.

Para Román Rodríguez, a iniciativa é unha mostra do “fortalecemento das ensinanzas artísticas, que son sinónimo de profesionalización e reforzo da nosa cultura”. O conselleiro reivindicou a súa utilidade “como parámetro da calidade de vida dun territorio”. Como sinalou, o proxecto do Teatro Real é moito máis que un simulacro de ópera: “É unha experiencia educativa que involucra o coñecemento co ocio, converténdose nunha demostración clara do poder inclusivo e plural da educación como instrumento universal de integración para o benestar individual e colectivo”, engadiu. 

O vindeiro curso 2024/25, o número de participantes de LÓVA poderá seguir incrementándose, pois ábrese unha nova convocatoria para un máximo de 13 centros.

A xornada na Cidade da Cultura

O encontro que se desenvolve hoxe na Cidade da Cultura ten como finalidade visibilizar o traballo desenvolvido polas compañías dos centros educativos que participan en LÓVA. Así mesmo, con esta cita búscase o recoñecemento ao alumnado que participa nel e, por outro lado, darlle a coñecer o proxecto ao profesorado que estea interesado.

Así, os docentes poden formarse sobre LÓVA, focalizándose nas ensinanzas artísticas a través de mesas redondas sobre as súas competencias clave, o seu proceso de transformación educativa e fases para a implementación no centro, así como os elementos do currículo que participan no desenvolvemento da iniciativa. Ademais, realízanse obradoiros sobre dinámicas e retos de LÓVA, sobre composición musical a cargo do pianista Jorge Bedoya, sobre maquillaxe artística e sobre dramatización.

No caso dos estudantes, tiveron a oportunidade de participar en talleres de composición musical, perruquería, iluminación, vestiario e audiovisual, entre outros. Así mesmo, visitaron a exposición sobre o proxecto e asistiron a unha representación de óperas.

Os centros participantes son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

As Pontes de García Rodríguez

CEIP A Magdalena

A Coruña

Cariño

CEIP Manuel Fraga

A Coruña

Cabanas

CEIP Plurilingüe Eladia Mariño

A Coruña

A Coruña

CEIP Isaac Díaz Pardo

A Coruña

A Coruña

CPR Grande Obra de Atocha

A Coruña

Ferrol

CEIP de Pazos

A Coruña

Ferrol

CPR Santa Juana de Lestonnac

A Coruña

A Laracha

CEIP Ramón Otero Pedrayo

A Coruña

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

A Coruña

Pontedeume

CPR San José

A Coruña

San Sadurniño

CPI de San Sadurniño

Pontevedra

Cangas

CPR Eduardo Pondal

Pontevedra

Cangas

CEIP San Roque de  Darbo

Pontevedra

A Cañiza

CPI da Cañiza

Pontevedra

A Estrada

CEIP Pérez Viondi

Pontevedra

Ponteareas

IES do Barral

Pontevedra

Pontevedra

CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos

Pontevedra

Tomiño

CEIP Plurilingüe de Tebra

Pontevedra

Vigo

CPR Andersen Augalonga

A Xunta abre o prazo para participar no Plan Proxecta , ao que este curso se adheriron 685 centros

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita unha actividade no IES de Ordes co gallo da publicación desta convocatoria

Así mesmo, faise pública a resolución provisional de centros plurilingües, modelo co que contarán 511 centros a partir de setembro

O Portal Educativo publica tamén a resolución do programa E-Dixgal, no que participarán o vindeiro curso 613 centros

Deste xeito, a Consellería de Educación avanza na preparación do próximo curso a través de distintos programas aos que os centros se poden sumar voluntariamente

Gallego
p

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Ordes, coincidindo coa publicación da convocatoria do Plan Proxecta para o vindeiro curso. Precisamente, neste centro puido comprobar o desenvolvemento dun dos programas que compoñen o plan, Aliméntate ben, que o instituto desenvolve co obxectivo de mellorar os hábitos alimenticios da comunidade escolar.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP integra no Plan Proxecta un total de 45 programas educativos, o conxunto de iniciativas formativas en distintos ámbitos que ofertan as consellerías do Goberno galego en colaboración con outras institucións.

A oferta de actividades, que complementa os currículos, está relacionada cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de xullo e deberán facerse a través da aplicación de programas educativos. Este curso participan no Proxecta un total de 685 centros de toda Galicia, coa implicación de máis de 8.000 docentes.

Mellora do libro dixital

Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do E-Dixgal, cos centros que formarán parte do programa de libro dixital o vindeiro curso. Serán un total de 613 os colexios e institutos que desenvolvan este modelo de ensino híbrido, onde conviven o analóxico co dixital. Deles, 608 xa desenvolvían o programa e deciden continuar nel, incluso un ampliando a súa participación. Trátase do Instituto IES República Oriental do Uruguai, de Vigo, que o tiña implantado en 1 e 2º de ESO e o incorpora agora a 3º e 4º desta etapa.

Ademais, súmanse á iniciativa cinco novos centros. En concreto, incorpórano en 5º de Primaria os colexios CEIP Vicente Risco (Cualedro, Ourense) e CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Vigo); e en 5º e 6 de Primaria, os colexios CEIP Plurilingüe Celso Currás (Trabada, Lugo) e CEIP Plurilingüe Rodolfo Núñez Rodríguez (Vilardevós, Ourense).

Así mesmo, o Centro Público Integrado CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) súmase ao programa incorporándoo ao tempo en 5º e 6º de Primaria e en 1º de ESO. Por outra banda, decidiron solicitar a baixa no E-Dixgal 22 centros educativos.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación vai mellorar o programa para o curso 2024/25 cun amplo abano de medidas, entre elas mellores contidos, un dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, asesoramento e apoio aos centros, o reforzo da formación do profesorado e da información ás familias.

Récord de auxiliares de conversa

Así mesmo, o Portal Educativo publica hoxe a resolución provisional dos centros que solicitaron incorporarse ao modelo de plurilingüismo no ensino. Pendente da resolución definitiva, contarán con ensinanzas plurilingües o vindeiro curso un total de 511 centros educativos de toda Galicia, 11 máis ca no actual ano académico.

Do total de centros plurilingües, 466 serano en Primaria ou ESO ou en ambas etapas á vez, 250 na etapa de Infantil e 15 centros en Bacharelato. Non se produciron renuncias, polo que todos os centros que participan na iniciativa este curso continúan o próximo.

Contarán co apoio de 665 auxiliares de conversa nativos de países estranxeiros (10 máis ca no actual curso), récord histórico no número de persoas que colaboran no apoio á aprendizaxe de idiomas.

Coa publicación destas resolucións, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avanza na preparación do vindeiro curso a través de distintos programas aos que os centros se poden adherir voluntariamente.

A Xunta e a Real Academia Galega de ciencias suman esforzos na divulgación da investigación en Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, reúnese con representantes da RAGC para abordar iniciativas comúns

Gallego
g

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, recibiu esta mañá na sede da axencia ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Manuel Lema; á súa vicepresidenta, Alicia Estévez, e ao responsable de publicacións e relacións sociais, Fernando Pérez.

No encontro, a representación da RAGC expúxolle á representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP as actividades que desenvolven, así como os seus plans de futuro e conversaron sobre as iniciativas que comparten ambas entidades. En concreto, a Xunta colabora, entre outros, nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.

A directora de Gain destacou o amplo labor de divulgación da ciencia que realiza a institución a todos os niveis, desde os centros de ensino ata a sociedade en xeral, e o importante papel que xogan no recoñecemento a figuras senlleiras da historia da ciencia en Galicia, así como a científicos e científicas actuais en diferentes etapas da súa carreira profesional.

Neste senso, Carmen Cotelo reafirmou o interese da Xunta en seguir sumando esforzos neste ámbito, co obxectivo de facer consciente á sociedade da importancia da ciencia e da tecnoloxía no noso benestar económico e social, así como render homenaxe a aqueles persoeiros que fixeron e fan unha importante achega ao coñecemento e a tecnoloxía xerada en Galicia.

A Xunta salienta o éxito dos programas Eduinspira e Eduindustria para promover o emprendemento entre o alumnado

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na clausura destas iniciativas, impulsadas pola Cámara de Comercio da Coruña e a Xunta

A través deles, os estudantes coñecen as experiencias de persoas que sacaron adiante o seu negocio e os pasos para facelo realidade a partir dunha idea

Gallego
e

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, participaron hoxe na clausura dos programas de emprendemento EduInspira e EduIndustria, impulsados por esta entidade e a Xunta de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o éxito destas iniciativas, nas que a día de hoxe teñen participado máis de 1.000 alumnos e por riba de 30 centros educativos. “Ademais, a Cámara de Comercio de España recoñeceu nos seus 3º Premios Nacionais á da Coruña na categoría de Emprendemento grazas, precisamente, ao traballo de Eduinspira”, destacou.

A directora xeral salientou a aposta da Xunta por manter unha estreita relación entre sistema produtivo e educativo e puxo de relevancia a necesidade de dar a coñecer ao alumnado a figura de persoas emprendedoras, “que son sinónimo de xeración de riqueza, desenvolvemento económico e calidade de vida para Galicia”.

Neste sentido, reivindicou o papel das pequenas e medianas empresas e a súa importancia á hora de contribuír á formación de alumnos de FP, “favorecendo que o ensino se axuste á realidade económica e social e dando máis oportunidades aos estudantes”.

Aprender a emprender

Ao longo da clausura varios empresarios presentaron a súa experiencia persoal ao alumnado do Centro Integrado de FP Someso, onde se celebrou o acto. En concreto, foron relatores a CEO do Grupo Gestán, empresa galega experta en xestión integral de residuos e solucións medioambientais, Luz Pardo Longueira; Broder Fernández-Obanza Windscheid e Antonio Gómez Salvador, cofundadores A Factoría Ecolóxica-The Bio Factory, así como a presidenta e fundadora do Grupo Atlante, Maite Valiño Borrego.

Nado no curso 2021/22, EduInspira consiste na organización de charlas motivadoras nos centros educativos. Para iso, a Cámara de Comercio da Coruña convida a persoas emprendedoras de distintos sectores, para que tanto profesorado como alumnado coñeza de primeira man a súa realidade.

Pola súa banda, EduIndustria sirve para que o alumnado aprenda a emprender e pense nesta saída profesional como unha opción de futuro. A través do xogo Desafío Industria, os estudantes descobren os pasos que hai que seguir para converter unha idea nun negocio. O programa naceu neste curso 2023/24.

A Xunta recoñece a excelencia de 106 universitarios cos Premios fin de carreira

O 62% dos estudantes recoñecidos son mulleres e, do total de premiados, 52 pertencen á Universidade de Santiago, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña

Os galardoados, que remataron os seus estudos no ano 2023, pertencen a 64 titulacións distintas e cada un deles recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

Gallego
u

Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. 

O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. 

Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus. Deste xeito, por número de recoñecementos destacan, con seis persoas premiadas, os graos de Administración e Dirección de Empresas, Educación Infantil e Mestre de Educación Infantil e Educación Primaria e Mestre de Educación Primaria; con cinco persoas o grao de Dereito, e con 4 persoas premiadas os graos de Medicina e Enxeñaría Informática.

Cada un dos premiados, recibirá unha achega económica por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 3.500 euros e un diploma acreditativo.  

Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. 

Rueda anuncia que a FP galega terá a oferta máis alta da súa historia no vindeiro curso

Salienta que se van reforzar os títulos de alta especialización que permiten combinar materias ou cursos de ciclos distintos para formar perfís profesionais moi concretos

Galicia é pioneira neste tipo de ensinanzas ao ofertar o ano que vén 24 títulos especializados, 13 deles de nova implantación

O obxectivo é garantir a inserción laboral dos alumnos que xa está no 85 % e chega case ao 100 % no caso da FP Dual

Subliña a oportunidade que ten o sector da automoción de Galicia para situarse como referente da mobilidade sustentable do futuro

Gallego
s

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por promover a Formación Profesional ao ampliar, un ano mais, a oferta de prazas cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Durante a inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega que se celebra en Vilagarcía de Arousa, Rueda adiantou que o Consello da Xunta aprobará o luns a oferta de FP para o novo ano académico que será a máis alta da súa historia. O obxectivo é ofrecer estudos especializados e adaptados ás necesidades do territorio e o tecido empresarial galego para garantir a inserción laboral das persoas que opten por estas ensinanzas.

Nesta liña, o presidente asegurou que se van reforzar os chamados títulos de alta especialización, é dicir, as ensinanzas que permiten que os alumnos combinen cursos ou materias de ciclos ou graos distintos coa finalidade de formar a profesionais con perfís moi concretos e especializados. O vindeiro curso serán 24 as titulacións deste tipo que se ofertarán en Galicia, 13 delas de nova implantación.

Galicia é pioneira en toda España en poñer en marcha este tipo de titulacións coas que dar resposta específica as demandas do tecido produtivo da comunidade. O presidente da Xunta asegurou que “as sociedades que non dan importancia á FP son aquelas que non van poder evolucionar ao ritmo que evoluciona o mercado e a demanda”.

Rueda, que lembrou a “revolución silenciosa” que experimentou a FP galega nos últimos anos -ao aumentar un 80 % o número de matriculados desde 2009 e acadar datos históricos con máis de 64.000 alumnos-, fixo fincapé en que nestas ensinanzas a taxa de inserción laboral é do 85 % e case chega ao 100 % no caso da FP Dual.

Ademais salientou a importancia de foros como este Congreso para que empresas e comunidade educativa colaboren e sumen forzas para afrontar os retos e desafíos dun dos principais motores da economía en Galicia como é a automoción que representa máis do 13 % do PIB galego e xera 25.000 empregos en toda Galicia.

Nesta liña, o titular do Goberno galego lembrou que este sector está a vivir unha gran transformación coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por desprazamentos máis sustentables. Rueda subliñou que Galicia xa é líder nacional na produción de vehículos e ten unha grande oportunidade para ocupar un papel prioritario no deseño da mobilidade do futuro.

O Goberno galego reforza o compromiso cunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente mediante a folla de ruta cara 2050, a Estratexia Galega de Mobilidade, dotada de 420 millóns de euros. Ademais, o Executivo galego acaba de aprobar unha liña de 18 millóns de euros para axudar as empresas auxiliares de automoción na adaptación aos novos modelos de produción e segue reclamando ao Goberno central infraestruturas claves como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

A solicitude de praza nas escolas oficiais de idiomas para o próximo curso será do 24 de xuño ao 5 de xullo

Os estudantes de novo acceso deberá realizar unha preinscrición nesas datas e, de obter praza, formalizará a matrícula entre o 9 e o 19 de xullo

Para os alumnos que continúan estudos o prazo de matrícula vai do 18 ao 28 de xuño

Gallego
e

A Xunta de Galicia abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas para o vindeiro curso 2024-25. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, onde se regula a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica desta ensinanza de réxime especial.

Actualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta con 11 escolas oficiais de idiomas con un total de 28.500 alumnos matriculados. Todos eles teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

Para acceder a súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira.

Novo ingreso

No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos nas EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo.

Continuidade de estudos

No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria ordinaria. A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na ordinaria) irá do  28 de xuño ao 5 de xullo.

Tanto para alumnos de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña.

Non obstante, unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 20 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións que alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.

A Xunta convoca tres novas prazas de investigador distinguido no programa Oportunius para captar e reter talento científico en Galicia

Deste xeito superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 14 de xuño e a convocatoria céntrase nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias Físicas e Enxeñaría

Gallego
i

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC) no programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Deste xeito, superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa, integrado neste momento por 18 persoas vencelladas ás tres universidades públicas de Galicia.

As persoas que obteñan estas prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto. O prazo de presentación de solicitudes, que deberán facerse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, está aberto ata o 14 de xuño.

Ciencias Sociais, Humanidade, Físicas e Enxeñaría

En concreto, unha das prazas vai dirixida a investigadores cunha bolsa Synergy Grant que desenvolvan a súa actividade na área das Ciencias Sociais e Humanidades. As outras dúas van destinadas a beneficiarios de bolsas Consolidator Grant, ambas na área das Ciencias Físicas e Enxeñaría.

As funcións do persoal investigador distinguido que acade as tres prazas da convocatoria consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Para acceder a estes contratos, os aspirantes deberán ser beneficiarios das devanditas bolsas ERC e ter a titulación de doutor ou equivalente, entre outros requisitos. Unha vez comprobado o cumprimento de todos os esixidos, a selección efectuarase en dúas fases. A primeira delas consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, como as publicacións de carácter científico, as comunicacións ou relatorios en congresos ou reunións científicas ou a participación en proxectos ou contratos de I+D+i.

A segunda fase consistirá na exposición oral e pública pola persoa aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos, sobre as características do proxecto que pretende realizar. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles.

A duración dos contratos está vinculada ao resultado da avaliación cada cinco anos da actividade investigadora.

Case 14 M€ investidos

O programa Oportunius, que xestiona a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

A día de hoxe máis da metade dos 31 investigadores que obtiveron en Galicia axudas ERC están contratadas pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos ao abeiro deste programa. A iniciativa apoia todos os proxectos beneficiarios destas axudas europeas, que son marcador internacional de excelencia e liderado científico, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.