Programa SEMGAL

SEMGAL é un programa de formación e mentorización do profesorado galego nos propios centros, desenvolto pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de acadar a excelencia educativa mediante a detección e a promoción do talento do alumnado nas aulas. É un modelo de enriquecemento escolar baseado no Schoolwide Enrichment Model (SEM) dos doutores Joseph S. Renzulli e Sally M. Reis, integrado no currículo e adaptado á realidade educativa galega.

Trátase dun plan organizativo e de intervención pedagóxica para todo o centro, de carácter marcadamente inclusivo, no que teñen cabida múltiples recursos persoais, materiais, ambientais e metodolóxicos.

Ten as súas orixes no programa Talento 3.0, iniciativa da Fundación Barrié coa asesoría científica da USC .

TALENTO 3.0 nace como un proxecto de formación de profesorado para a detección e o desenvolvemento do talento nas aulas. O programa está baseado en modelos científicos recoñecidos a nivel internacional adaptados á realidade educativa, económica e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia. Este programa da lugar a “Piteas: programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento” dirixido ao conxunto da comunidade escolar froito dun convenio de colaboración asinado o 16 de maio de 2016 pola Consellería e a Fundación Barrié.

PITEAS, baseado no modelo SEM, plan organizativo de enriquecemento e intervención educativa, permite adecuar a resposta educativa a todos os estudantes tendo en conta as diferentes características, necesidades, intereses, motivacións e estilos, para mellorar a súa experiencia de aprendizaxe. O seu propósito principal é a mellora da calidade educativa mediante a atención á diversidade do alumnado dende un enfoque inclusivo.

O SEM propón examinar o currículo ordinario e explorar as posibles opcións proporcionando experiencias enriquecedoras que favorezan unha aprendizaxe personalizada para a resolución de problemas do mundo real. O proceso require da creación dun produto social relevante ou servizo, trasladando o enfoque de consumo de coñecemento á produción do mesmo, finalizando coa presentación ante un público real máis aló do grupo clase.

No curso 2019-20 o programa e asumido totalmente pola Consellería pasando a denominarse SEMGAL.

O programa SEMGAL esixe por unha banda, unha formación do profesorado a través dun proxecto de formación en centros e por outra a realización de accións nas aulas. O profesorado recibe formación e mentorización por parte dos membros do equipo de persoas formadoras e mentoras SEMGAL creado ao efecto.

Ao remate de cada curso realízase a Feira de proxectos SEMGAL, a nivel autonómico, onde os centros da rede SEMGAL participan dando visibilidade á sociedade cos seus produtos finais.