Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia.
Estes premios van dirixidos ás persoas tituladas de ciclos medios e ciclos superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco buscan poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades:
- Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet
- Proxectos na área do deseño
- Iniciativas na área da xestión cultural
O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura, a asistencia con todos os gastos pagados ao Zinc Shower 2014, e apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa.
A data de inscrición e presentación dos traballos está aberta desde a publicación destas bases ata o 23 de novembro.
Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia antes do 23 de novembro. O nome dos gañadores daranse a coñecer o 20 de decembro.