Coa lingua fóra

Promoción do uso do galego na mocidade

Colexios, bibliotecas e casas da cultura de corenta concellos acollerán as propostas do programa "Coa lingua fóra", a nova iniciativa que a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña impulsa co obxectivo de promover o uso do galego entre a infancia e a adolescencia. Contos de Xabier Docampo, Concha Blanco e Xoán Babarro , destinados ao público infantil, e o espectáculo de clown "Non sabes quen es" para público adolescente achegarán, da man da Compañía teatral Duende Sico, novas razóns para usar a lingua galega. Despois de cada espectáculo haberá unha actividade complementaria consistente nun obradoiro e unha charla co director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, na que se tratarán de desmontar prexuízos lingüísticos que aínda están moi presentes na mocidade do noso país.

Con esta iniciativa a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña quere favorecer a socialización en galego da rapazada e conseguir actitudes positivas cara ao galego e promover o pensamento crítico e analítico. Outro obxectivo do programa é transmitir o interese pola lectura, importante non só no proceso de aprendizaxe senón tamén na aposta por un lecer divertido que contribúe a incrementar a imaxinación e a creatividade.

Esta campaña de dinamización lingüística viaxará por 40 concellos da provincia da Coruña durante os meses de marzo e abril.

Máis información