Certames UVigo

Marcosende e Cumieira das Cantigas

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo xunto coa Área de Normalización Lingüística e Edicións Xerais de Galicia convocan dous novos certames, un de investigación e outro de creación literaria, cos que pór en valor o talento do alumnado preuniversitario en lingua galega. Bautizados como I Premio de investigación lingüística e etnográfica sobre lingua e cultura galegas ‘Marcosende’, o primeiro, e como ‘Cumieira das Cantigas’, o segundo, diríxense a calquera estudante matriculado en 4º de ESO ou en bacharelato.

Na categoría de investigación os traballos poderán versar sobre recollida e análise de microtoponimia; de xentilicios populares e ditados tópicos; de refráns e adiviñas ou xogos de sortes dunha zona; de cantigas ou de contos populares dun determinado lugar; da onomástica dunha parroquia... Na categoría de creación literaria a temática é libre, aínda que se recomenda empregar como xénero a poesía e o relato breve, podéndose presentar estes traballos tamén en formado de vídeo-creación.

A data límite de entrega de traballos será as 14.00 horas do vindeiro 28 de abril para ambos casos.

Máis información