Venres nas librarías

As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, organizan unha nova edición do programa ‘Venres nas librarías’ na que se ofrecerán, durante as fins de semana de outubro e novembro, máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.

Un total de 17 librarías das catro provincias serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de charlas, lecturas dramatizas e poéticas, presentacións musicais e, sobre todo, de propostas nas que se promoverá a participación activa de público de todas as idades.

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón que tamén abranguerán ás redes sociais, co concurso ‘Andel do agasallo’, no que cada semana, os participantes deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a falar. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial. O concurso realizarase a través das contas de Twitter (@conscultura co hashtag #andeldoagasallo) e de Facebook (www.facebook.com/CulturaGalegaXunta).

Palabras clave: