TODOCOSMOS

Programa de divulgación astronómica

O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten como obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todas as idades: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, seminarios etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) para o ano 2015, e no que participan diversos concellos de Galicia. Así mesmo, grazas a TodoCosmos reeditouse a obra do astrónomo lalinense, Ramón María Aller, Astronomía a simple vista. Ademais puido editarse outro material didáctico como a versión en inglés do vídeo Ramón María Aller, astrónomo.

O propósito do programa é realizar unha actividade ao mes, aínda que esta frecuencia podería incrementarse segundo a demanda. As iniciativas céntranse na utilización do observatorio e o visionado do ceo, pero o abano de posibilidades é máis amplo. As observacións van precedidas dunha presentación na que se dá a coñecer o nacemento do observatorio, a súa historia e a de Ramón María Aller.

Máis información AQUÍ