II Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico

O Departamento de Normalización Lingüística da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), xunto á emisora Radio ECCA, fundaron o pasado ano o Premio ‘Pegada’ como actividade docente entre o alumnado do centro, co obxectivo de impulsar a creación dramática en galego no formato radiofónico e contribuír á recuperación da radio-teatro como xénero.

Na súa actual edición de 2015, o premio ábrese a todas as persoas interesadas, que teñen ata o vindeiro 28 de febreiro para presentar as súas pezas. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega. A temática é libre, aínda que non poderán presentarse adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa entre cinco e dez minutos.

A obra premiada interpretarase a xeito de lectura dramatizada e emitirase dentro do programa mensual divulgativo de Radio ECCA ‘A pegada do Eco’, coincidindo cos actos de conmemoración do Día Mundial do Teatro o 27 de marzo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con este premio mediante a entrega como dotación para o galardón dun cento de libros sobre creación e investigación teatral pertencentes ao fondo bibliográfico da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

BASES

 

 

 

Palabras clave: