O papel da educación nun mundo de 7.000 millóns de habitantes

As repercusións do labor educativo sobre a demografía son ben sabidas e recoñecidas

 

Fonte: UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)
 
As repercusións do labor educativo sobre a demografía son ben sabidas e recoñecidas. En particular, a instrución que se imparte ás nenas e ás mulleres tradúcese en beneficios ao longo de toda a vida, entre outros, en ingresos superiores e menores índices de mortalidade materna e infantil.
 
As beneficiarias non só dispoñen de máis coñecementos sobre a contracepción, senón que tamén están decididas a buscar un emprego, loitar pola súa autonomía e, ao interesarse por cuestións moi diversas, son máis conscientes da contradición entre ocuparse de criar os fillos e dispoñer de tempo para si mesmas. De modo análogo, as mulleres que teñen formación escolar adoitan aspirar a que os seus fillos tamén a reciban, polo que prefiren ter menos nenos e asegurarse así de que estes realizan mellores estudos.
 
Pero, pola súa vez, a educación está suxeita á influencia da dinámica demográfica, que agora se considera unha variable fundamental no planeamento da ensinanza. Por exemplo, o aumento de poboación pode incidir na oferta e na demanda de prestacións educativas, tanto para propiciar os esforzos a prol dos obxectivos pedagóxicos coma para impedir a súa consecución. O crecemento da poboación inflúe no número de nenos que é preciso acoller nas escolas cada ano lectivo. Esa cifra aumenta en situacións de fertilidade elevada, o que pode dificultar considerablemente o desenvolvemento da educación en contextos de restricións orzamentarias e recursos limitados.
 
Nun mundo de 7.000 millóns de habitantes…
 
Nun mundo de 7.000 millóns de habitantes, a UNESCO cre que todos e cada un deles teñen dereito á educación. Por iso a organización promove un concepto holístico de aprendizaxe ao longo de toda a vida, que comprende a atención e a educación da primeira infancia, o ensino primario, secundario e superior, a adquisición de competencias laborais para mozos e adultos e a alfabetización, que é un dereito fundamental e a base da aprendizaxe ao longo da vida e da educación das nenas e das mulleres.
 
A UNESCO considera que a educación é a mellor garantía contra a pobreza. De aí que insista na súa importancia para o desenvolvemento humano sustentable e apoie os países no seu empeño de mellorar o acceso e a calidade do ensino e de superar as desigualdades dos sistemas educativos.
 
A UNESCO é defensora dos esforzos que 75 millóns de docentes levan a cabo co fin de impartir unha educación de calidade e promove a formación e a contratación de dous millóns de mestres adicionais co fin de alcanzar a educación para todos de aquí a 2015.
 
A UNESCO cre que a educación segue sendo a mellor vacina contra a sida. Na súa condición de coordinadora da iniciativa EDUSIDA, a organización apoia os programas educativos sobre o VIH co fin de transmitir información exacta e fiable sobre como previr o virus e como tratar e coidar as persoas que viven co VIH.
 
Máis información:
 

Carta al ser humano número 7.000 millones

La igualdad de género en la educación
 
El informe de Seguimiento de la EPT en el Mundo de la UNESCO
 
División de Población de las Naciones Unidas
Palabras clave: