O Congreso Internacional de Innovación Metodolóxica e Docente en Historia, Arte e Xeografía: un primeiro balance

Durante os días 7, 8 e 9 do pasado mes de setembro, realizouse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela este congreso.

 

Durante os días 7, 8 e 9 do pasado mes de setembro, realizouse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela este congreso, organizado polo grupo IDAX Mazarelos (Innovación Docente en Historia, Arte e Xeografía) da USC. O evento xurdiu co triplo obxectivo de compartir experiencias e boas prácticas de innovación docente nas áreas de Historia, Historia da Arte e Xeografía, valorar as posibilidades e retos do novo marco do Espazo Europeo de Educación Superior e reflexionar sobre as cuestións pendentes para a mellora da actividade do profesorado das ditas materias.

O evento estaba organizado en catro grandes seccións: a primeira dedicouse á análise do proceso de implantación dos graos respectivos e aos novos retos da formación do profesorado e as outras tres centráronse na análise de diversas experiencias de innovación docente en Xeografía, Historia e Historia da Arte. Nelas interviñeron como relatores Joaquim Prats (Universidade de Barcelona), María Luisa de Lázaro y Torres (Universidade Complutense de Madrid), Raquel Torres e Sisinio Pérez Garzón (Universidade de Castela-A Mancha) e Joan Sureda Pons (Universidade de Barcelona).

Pola súa vez, a conferencia inaugural estivo a cargo de Justo Serna (Universidade de Valencia) e E. Picard (INRP – Francia). Tamén se levaron a cabo dúas mesas redondas, unha delas centrada na arquitectura e o deseño de novos espazos para a innovación, na que participaron Juan Monterroso (USC), Pablo Campos Calvo-Sotelo (Universidade San Pablo-Ceu), Pedro Luis Gallego (Universidade de Valladolid) e Xosé Luis Martínez (Universidade da Coruña). A segunda mesa redonda centrouse na problemática da formación do profesorado e nela interviñeron Xosé Souto (Universidade de Valencia), Antonio Moreno (Universidade Complutense de Madrid), María Dolores Márquez (Universidade de Barcelona) e Beatriz Cebreiro (USC).

Aínda que se trataba dun congreso dirixido fundamentalmente ao profesorado universitario, nel tamén participaron profesores de educación secundaria, membros de equipos pedagóxicos de museos e diversas institucións culturais e alumnado dos másters de formación do profesorado. En total reuníronse un total de 150 participantes de diversos centros educativos e universidades españolas, portuguesas e de diversos países latinoamericanos e presentáronse  120 comunicacións, a maior parte das cales ía centrarse na análise de experiencias de innovación nas súas respectivas disciplinas.

Na sección de Historia expuxéronse exemplos da utilización de recursos didácticos diversos, como o cine, a música, a fotografía, os cómics, a oralidade ou as obras literarias. Ademais, pasouse revista ás vantaxes e limitacións inherentes ao uso de plataformas virtuais de aprendizaxe, o recurso aos xogos de rol e ás simulacións. Na sección de Xeografía dedicouse unha atención especial ás ferramentas de xeovisualización e ás posibilidades didácticas que ofrecen as novas tecnoloxías, mentres que, no caso da Historia da Arte, á dita perspectiva engadíronse diversas contribucións centradas no aproveitamento docente do patrimonio urbano ou das exposicións.

Como balance de todas estas intervencións e das contribucións dos relatores das respectivas seccións cabería referirse ás cuestións seguintes:

  • A necesidade de estimular a colaboración e o coñecemento mutuo entre o profesorado universitario, o de educación secundaria e outros profesionais relacionados coa educación.
  • A importancia de centrar as experiencias de innovación non tanto nos recursos técnicos e máis nas metodoloxías de aprendizaxe.
  • A necesidade de contar cun maior apoio por parte da Administración e da comunidade educativa, sen esperar que o proceso de renovación avance grazas ao voluntarismo do profesorado.
  • A urxencia de establecer plataformas sólidas e áxiles para o intercambio de experiencias e información entre grupos de traballo e o profesorado das diversas disciplinas.

En consonancia coa dita formulación, na sesión de clausura do congreso animouse a outras universidades españolas a tomar o testemuño da santiaguesa na organización de novos eventos, fixouse o compromiso dunha pronta publicación das súas actas e formulouse a posibilidade de crear un foro de novas prácticas destinado a facilitar o labor do profesorado interesado no tema.

Palabras clave: