Galiciencia

Feira científica de Galicia
Data: 
Desde mércores, 18 de novembro de 2015 ata venres, 20 de novembro de 2015
Lugar: 
San Cibrao das Viñas (Ourense)

A Galiciencia é a maior feira científica de Galicia. Está patrocinada pola Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e celebrarase no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole os días 18, 19 e 20 de novembro de 2015. A estrela da feira é a exposición de proxectos de investigación e innovación presentada por equipos de estudantes de todas as idades, desde Primaria ata Bacharelato, acompañados polos seus profesores. Arredor dela, organizaranse tamén actividades paralelas, como obradoiros e espectáculos, relacionadas co Ano Internacional da luz e das tecnoloxías baseadas na luz.

O obxectivo principal da Galiciencia é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas con ideas innovadoras. A posta en práctica do método científico, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades para expoñer os seus proxectos ao público son algunhas das aptitudes que os participantes melloran grazas a esta actividade.

Desde mediados do mes de abril ata final do curso escolar organizaranse tamén cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar os seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terán lugar en horario de tarde, xa están abertas.

Máis información nesta ligazón